ADEGA no Festival Terractiva 2010 |
Os vindeiros días sábado 2 e domingo 3 de outubro celébrase en Arzúa unha nova edición da Feira TERRACTIVA, o festival das artes pola biodiversidade. Xa é tradiciomnal que ADEGA participe neste evento cun stand con información sobre as actividades de ADEGA e diverso material divulgativo. Este ano ademáis organizamos en colaboración cos Toiteiros do Furelos un limpa-roteiro fluvial; apresentamos a exposición "O lobo, unha carreira pola supervivencia"; e participamos en palestras sobre o proxecto de ADEGA "A Eira da Xoana" e "O urbanismo en Galiza: o caso de Barreiros," entre outras. FESTIVAL TERRACTIVA Días: sábado 2 e domingo 3 de outubro
Horario: de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 h.
Lugar: Recinto Feiral de Arzúa (r/ Padre Pardo s/n)
Actividades nas que participa ADEGA na feira Terractiva deste 2010:
LIMPA-ROTEIRO FLUVIAL*, colaboración entre ADEGA e a Asociación de Troiteiros do Río Furelos. Aproveitando unha xornada que se fai de limpeza do treito que discorre entre Ramil e o castelo de Pambre (3 km) realizarase unha limpeza das canles e beiras dos ríos Tambre e Ulla.
Sairá un autobús desde o recinto feiral e regresará ao final da actividade. • A recuperación activa dos saberes populares: A Eira da Xoana. (Adela Figueroa e Marcial Barral, ADEGA) Lugar: Aula D (1º andar Recinto Feiral) A Eira da Xoana é a casa que ADEGA ten no Alto Ulla, na aldea de Ramil, concello da Golada. Esta casiña forma parte dun proxecto ambicioso que combina a Educación Ambiental, a necesidade de integrármonos no entorno como colectivo, a ocupación do rural con actuacions alternativas, renovadoras e recuperadoras de vellos saberes. Con este proxecto, ADEGA procura dar unha alternativa viábel ao dramático abandono do noso rural, ocupándoo fisicamente, para traballar nel cun espírito de respecto e capacidade de aprendizaxe da cultura tradicional, e tamén coa aportación de visións máis modernas como a da cultura da sustentabilidade e da custodia do territorio.
• A custodia do territorio (Manuel Ferro, Técnico de desenvolvemento rural). Lugar: Aula A (1º andar Recinto Feiral)
Día: sábado 2 de outubro
Horario: 12.00 h
Nesta charla explicarase o que significa esta nova figura de xestión do territorio e que xa ten algunhas experiencias en funcionamento en Galiza. Tratarase de dar unha visión da situación actual de implantación no territorio estatal e galego desta nova forma de xestión, baseada na conservación da natureza. Exporase como o exemplo o proxecto de custodia do territorio da bacía alta do río Ulla. • O camiño que quedou polo camiño. Mitos, lendas e rituais de camiñante (Ricardo Polín, Doutor en Filoloxía Medieval). Lugar: Aula D (1º andar Recinto Feiral)
Día: sábado 2 de outubro
Horario: 18.00 h
Será unha breve aproximación aos elementos caracterizadores do Camiño de Santiago como B.I.C fronte á preocupante transformación deste nun recurso mediático tendente a substituír os valores históricos e paisaxísticos da cultura camiñeira que lle son afíns, cuestión que será abordada tomando como referencia a casuística propia da vía primitiva a Compostela e outras derivas semellantes. • Arzúa e as infraestruturas do transporte terrestre (Xosé Carlos Fernández, enxeñeiro técnico de obras públicas e autor de “O ferrocarril en Galicia”).Lugar: Aula D (1º andar Recinto Feiral)
Día: sábado 2 de outubro
Horario: 18.45 h
Farase un repaso ás vías terrestres que serven a Arzúa para comunicarse con outras poboacións en coas VACs, vías de gran capacidade. Abordaremos as carencias destas vías e proxectos en curso pra resolvelas ou melloralas. Posibilidade e conveniencia de que Arzúa conte cunha liña de ferrocarril que comunique con Santiago e con Lugo. • Mesa redonda: “O urbanismo en Galiza. O exemplo de Barreiros” (Froilán Pallín, secretario xeral de ADEGA; Fernando Abel Vilela, profesor de dereito administrativo na USC; Comba Campoy e Mario Edrosa do colectivo "Máis talento, menos cemento". Lugar: Aula A (1º andar Recinto Feiral) ADEGA e a plataforma “Máis talento, menos cemento” darán unha visión da realidade urbanística que está a sufrir Galiza nestes momentos, nomeadamente no litoral, e da necesidade da actuación social fronte as inxustizas exercidas no territorio polas construtoras e os poderes políticos local e autonómico. Barreiros, localidade da Mariña de Lugo, será tratado como o referente do que pode ser a política urbanística e de ordenación do territorio no futuro.
|