Adega
INICIO Últimas novas ADEGA apoia a Folga Xeral deste 29 de setembro
ADEGA apoia a Folga Xeral deste 29 de setembro PDF Imprimir Correo-e
Envia ADEGA apoia a Folga Xeral deste 29 de setembro a FaceBookEnvia ADEGA apoia a Folga Xeral deste 29 de setembro a Twitter

Folgaxeral29S

O ECOLOXISMO APOIA A FOLGA XERAL DO 29 DE SETEMBRO

Perante a convocatoria dunha euromanifestación en Bruxelas contra as políticas de axuste económico e social da Unión Europea, e dunha Folga Xeral en España o día 29 de setembro, os representantes do movemento ecoloxista e da defensa do medio, consideramos que estas mobilizacións converten ese día nunha xornada clave na que estarán en xogo elementos básicos do noso modelo social.

Se ben os recortes sociais, a supresión de dereitos laborais, e en definitiva, o retroceso cara a graos maiores de desigualdade son motivos máis que suficientes para convocar unha folga xeral, os temas ambientais non son alleos a esta xornada decisiva.

A Humanidade está a atravesar unha crise moito máis grave que a económica, a crise ambiental. Estamos a superar os límites do planeta no que vivimos, saturamos aire, auga e solo de contaminantes, e malgastamos os recursos básicos enerxéticos e materiais. A mudanza climática e a perda acelerada de biodiversidade son signos evidentes do esgotamento da Terra.

A esta crise ambiental sen precedentes levounos o sistema económico vixente. Este sistema, que agora esixe unha maior liberalización dos mercados e novos recortes sociais, está a ter consecuencias nefastas para o noso medio: o "tsunami" urbanizador, ser o territorio europeo con máis superficie de cultivos transxénicos e quilómetros de autovías, un parque automobilístico en expansión continua, ou un consumo enerxético intensivo que só detén o seu crecemento en momentos de crise. Todo iso implica o incumprimento do Protocolo de Quioto, a deterioración irremisíbel de bens escasos, como o solo fértil, e problemas como que a metade da poboación respire aire contaminado, a sobre explotación de recursos hídricos, ou que o bocarte, o atún vermello, a pita do monte ou o oso pardo estean en situación crítica.

Esiximos políticas cara á sustentabilidade, onde o ambiental e o social teñan o peso que merecen face ao económico. Non nos abondan xa os discursos baleiros.

Necesitamos reducir o noso consumo de materia e enerxía para adaptalos, con criterios de xustiza social, aos recursos existentes. Temos que avanzar rapidamente cara a unha mudanza do mix enerxético baseado en enerxías renovábeis. Cómpre fomentar un modelo agroalimentar centrado en circuítos curtos e cultivo ecolóxico. Tamén diminuír a mobilidade motorizada e o número de vehículos. E moitas outras medidas para satisfacer as nosas necesidades con baixas ou nulas emisións de carbono, sen eliminar o resto de seres vivos cos que convivimos e que son básicos para a nosa subsistencia.

Estes cambios deben facerse con políticas públicas que protexan os traballadores e as traballadoras dos sectores a reestruturar e que impulsen novos depósitos de emprego sustentábel, de acordo co principio de "transición xusta" partillado polo sindicalismo e o ecoloxismo internacional.

Por todas estas razóns manifestamos a nosa convición de que non vale calquera forma de saír da crise. Non valen políticas laborais que nos devolvan ao século XIX. Non valen políticas económicas que menosprecen a nosa crítica situación ambiental para dar prioridade a un modelo económico que atende aos intereses dunha minoría e aboca á humanidade a unha quella sen saída ambiental.

O movemento ecoloxista non pode ficar á marxe desta problemática e da necesidade de mobilizarse en defensa doutro modelo económico e outras políticas, como o fixo sempre. Por iso manifestamos o noso apoio á convocatoria de folga xeral do 29 de setembro.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA