12 de xullo de 2010. O uso masivo de herbicidas para "limpar" as beiras das estradas é unha práctica cada vez máis estendida en Galiza. Estas substancias biocidas, anque legais, comportan riscos para a saúde pública e ambiental ao envelenar as augas e os solos. A alternativa aos herbicidas para controlar a vexetación son as rozas mecánicas selectivas, que ademais contribuen a criar máis postos de traballo. Unha suposta "austeridade" mal entendida está a envelenar os ecosistemas, incrementando de paso o risco de lumes.
ADEGA ten solicitado á administración estatal de estradas e á Xunta (consellaría de Medio Ambiente, Teritorio e Infraestruturas) coñecer a composición dos agroquímicos con que se están a fumigar as estradas, entre os que poderían estar herbicidas sistémicos moi tóxicos coma o glifosato (coñecido pola marca ROUNDUP -popularmente randón ou rondón-). Estas substancias pasan á terra e á auga ou son inxeridos polos animais, mesmo os domésticos, podendo chegar até os aos consumidores/as.
Os métodos de rozado químico tampouco supoñen unha maior seguridade contra os lumes, ben ao contrario: toneladas de mato seco permanece nas beriarúas nas épocas de maior risco de incendios. Alén disto, non existe praticamente control das práticas prohibidas á hora de fumigar, como non facelo preto de terras de cultivo e cursos de auga. Mesmo nalgúns casos, ovellas, galiñas, e vacas pululan e comen nas zonas fumigadas.
As administracións públicas deberían ser as primeiras en dar exemplo de responsabilidade ambiental, comprometéndose coa sustentabilidade e as boas práticas ecolóxicas. Será moi recomendábel que cando menos nas estradas de titularidade pública favorecérase o emprego de medios mecánicos fronte aos agroquímicos, que ademáis xeran máis postos de traballo.
Unha suposta "austeridade" mal entendida está a provocar o envelenamento da terra e da auga, pondo en risco a saúde da cidadanía e incrementando o risco de lumes. Dende ADEGA solicitamos que cese o uso de herbicidas para a "limpeza" das estradas eque sexan substituidos por métodos de rozado mecánico, que ademáis de ser inocuos, crian máis postos de traballo. |