9 de setembro de 2013. É para nós un pracer comunicarvos que vimos de activar a nova web de ADEGA, da que poderedes facer uso a partir de hoxe. A nova web de ADEGA intenta superar algunhas eivas da vella web, integrar toda a información que se produce no eido da organización, ser máis funcional para os socios e socias de ADEGA e para calquera usuario e ofrecer unha imaxe máis atractiva e moderna.O enderezo URL non muda, segue sendo “adega.gal”. Ademais poderedes acceder aos contidos do vello soporte na barra do fondo da actual web a través da ligazón “Web 2009-2013”.
A día de hoxe aínda estamos a completar algunhas seccións que intentaremos ter rematado o máis pronto posible. Pregámosche que teñas paciencia mentres esteamos neste proceso. Agardamos que o resultado sexa do voso agrado.
A continuación, sinalamos algunhas das melloras que ofrece:
NO DESEÑO: aínda que este aspecto é moi subxectivo, consideramos que con respecto á vella web, o novo soporte dixital ofrece unha apariencia moito máis atractiva para o usuario, visual e actualizada.
NA ESTRUTURA: A nova web integra toda a información relativa á actividade de ADEGA ordenadamente, destacando na portada todos os contidos que se actualizan día a día.
-
Á web xeral están ligados 4 apartados web que corresponden á Revista Cerna, Radio Cerna, ADEGA-Cadernos e Outras publicacións. Accédese a eles a través da cabeceira da web principal. Cada un deles, como veredes, ten un deseño propio e contidos específicos.
-
Na portada dáselle maior visualización ás actividades e todos os eventos organizados por ADEGA (desde Nacional, a equipa de Educación ambiental, ou doutros movementos nos que participamos) a través do slide dinámico da cabeceira.
-
Tamén adquiren presencia as novas de ADEGA difundidas desde calquera dos seus ámbitos (Nacional, delegacións, Educación ambiental), os programas de Radio Cerna, e os vídeos que consideramos de interese para a súa difusión.
NOVIDADES: Iraste decatando de que a nova web inclúe funcións ou apartados dos que antes non dispoñías. Pasamos a indicar algunha destas novidades, aínda que hai moitas máis:
-
Pasa a ser pública toda a listaxe de informes, alegacións e denuncias que elaboramos en ADEGA das diferentes áreas temáticas. Pretendemos que a persoa usuaria teña toda a información posible e que ademais poida facer uso dela, ou tomala como referencia.
-
Tamén poñemos a disposición dos usuarios documentos modelo de denuncia, solicitude de información, ou para a elaboración de alegacións e unha guía das institucións ás que se adoitan presentar estes documentos. Consulta o apartado “Pasa á acción”. Neste mesmo apartado tratamos de facilitar a través de formularios a túa participación na causa ambiental de diversos modos.
-
Poderás consultar os artigos da revista CERNA e de ADEGA Cadernos sen necesidade de descargar toda a publicación, e facer busca específica dos seus contidos. Ademais, temos a intención de repoñer todos os contidos de ambas as dúas publicacións.
Estas son algunhas das novidades que che podemos indicar, pero é mellor que as descubras por ti mesmo/a. Anímate a navegar pola nova web de ADEGA e a descubrir todo o que che contamos e máis.
DANOS A TÚA OPINIÓN: Para ADEGA a túa opinión é o máis importante. Se queres compartila con nós, podes enviarnos un mail a:
Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
. Ponte a gozar desta nova ferramenta feita pensando, sobre todo, en ti! |