Adega
INICIO Últimas novas As lagoas de Xuño e Muro, en Porto do Son, máis libres de invasoras
As lagoas de Xuño e Muro, en Porto do Son, máis libres de invasoras PDF Imprimir Correo-e
Envia As lagoas de Xuño e Muro, en Porto do Son, máis libres de invasoras a FaceBookEnvia As lagoas de Xuño e Muro, en Porto do Son, máis libres de invasoras a Twitter

Baixo o título "Conservando as nosas dunas", e un ano máis, este 18 de xullo 15 voluntarias e voluntarios chegados de diferentes lugares de Galiza déronse cita no concello de Porto do Son para participar na eliminación de plantas exóticas invasoras. A Fundación Biodiversidad seleccionou por segundo ano consecutivo a proposta de ADEGA dentro do seu programa “Playas, voluntariado y custodia del territorio”, co lema “Conservando as nosas dunas”. A actuación en Porto do Son foi a primeira do programa deste ano, que terá continuidade o 10 de outubro cunha actividade similar na Praia da Corna (Pobra do Caramiñal). Os traballos continuados neste espazo están dando os seus froitos: Algunhas invasoras diminuiron a súa extensión e outras mesmo desaparaceron. Bo traballo e grazas a todos/as! Álbum da xornada

A xornada comezou no centro de interpretación das lagoas de Xuño e Muro cunha presentación das actividades e da problemática das plantas invasoras. Despois de ver un video divulgativo sobre as lagoas, dirixímonos ata o lugar de  inicio dos traballos na canle da Lagoa de S. Pedro. O grupo traballou fundamentalmente coas especies invasoras como a cana (Arundo donax) e tamén sobre coniza (Conyza candensis). A presenza desta flora invasora débese a vertidos de entullos ilegais, xa que ao remexer o substrato onde se atopaban as plantas localizáronse tixolos, azulexos, outros restos de obras, plásticos... etc, entre os cales habería algunha raíz desta especie que deste xeito se espalla polas dunas deste lugar protexido.

Os traballos continuaron despois do xantar, e o voluntariado realizou moi bo traballo. Ao rematar fíxose un reconto das plantas eliminadas. En total elimináronse catro sacos de coniza (C. candensis), e cinco de cana (A. donax).  Así mesmo, eliminouse un pe de Cortaderia selloana preto da Lagoa de Xuño, a única que se atopou, xa que en anos anteriores realizáronse labores de arrihncado das numerosas matas daquela presentes.

Foi a cuarta vez que se eliminan invasoras na contorna destas lagoas e o traballo continuado vai dando os seus resultados: Algunhas destas plantas están diminuíndo a súa área e outras non volveron a aparecer, caso da antedita herba da pampa (Cortaderia selloana). Porén, os traballos de eliminación de invasoras deben ter unha continuidade no o traballo neste lugar. Alén de eliminar especies invasoras estes campos de voluntariado axudan á divulgación entre a sociedade desta problemática ambiental, que é a segunda causa a nivel planetario da extinción de especies.

A tarde rematou cun baño na praia das Furnas ben merecido para as voluntarias e voluntarios que participaron nesta eliminación de flora exótica invasora.

Como actividade complementaria realizouse unha saída as lagoas de Xuño e Muro co campamento de verán do Concello de Porto do Son. Cincuenta nenas e nenos da zona ou que están de vacacións neste concello, máis as catro monitoras realizaron un roteiro por esta zona de alto valor paisaxístico e ambiental.  Identificaron flora e fauna autóctona así como algunhas das principais especies exóticas invasoras que ameazan o lugar. A saída cos nenos e nenas do lugar é unha das mellores maneiras de evitar no futuro  novas introducións de especies exóticas invasoras.

En definitiva, un día excelente no que diferentes grupos de persoas e mediante actividades distintas contribuíron a conservación deste espazo costeiro de grande beleza e alto valor ecolóxico. Grazas a todos/as.

Máis info:
Ramsés Pérez  /  Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo /   616 23 80 50 /  www.adega.gal  
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA