Adega
INICIO Últimas novas O TSXG dá a razón a ADEGA e anula o plano sectorial de Barreiros, aforrando 14M€ de cartos públicos
O TSXG dá a razón a ADEGA e anula o plano sectorial de Barreiros, aforrando 14M€ de cartos públicos PDF Imprimir Correo-e
Envia O TSXG dá a razón a ADEGA e anula o plano sectorial de Barreiros, aforrando 14M€ de cartos públicos a FaceBookEnvia O TSXG dá a razón a ADEGA e anula o plano sectorial de Barreiros, aforrando 14M€ de cartos públicos a Twitter

ROLDApsbarreirosCompostela, 26 de xuño de 2013. A Sala 2ª do Contencioso administrativo do TSXG vén de estimar o recurso de ADEGA contra o acordo do Consello da Xunta (26/5/2011) que aprobou un Plano Sectorial de incidencia supramunicipal, coa intención de legalizar as falcatruadas urbanísticas en Barreiros, para o que ían gastar 14 millóns de € de cartos públicos. Queda así anulado o instrumento deseñado por Hernández e Cía. para aplicar o "urbanismo real" a Barreiros en troques do "urbanismo legal" que lle esixían as leis e ADEGA. O tribunal sinala tamén no seu fallo que a Xunta incorríu nunha “desviación de poder” ao facer uso deste instrumento, un proxecto sectorial, para "pontear" Lei do Solo. ADEGA pide demisións inmediatas e consecuencias penais para os responsábeis de -presuntamente- incumprir as leis para tentar desviar cartos públicos aos petos dos construtores. Texto da pdfSENTENZA BARREIROS

En relación a esta sentenza do TSXG, destacar que para ADEGA trátase dun fallo de enorme importancia e transcendencia social en todos os aspectos:

-Dende o punto de vista xurídico, porque ven a restaurar a vixencia da legalidade urbanística fronte á arbitrariedade da Administración: De producirse unha legalización por esta vía, sería toda unha invitación a concellos e promotores para saltarse calquera normativa urbanística.

-Dende o punto de vista social: Porque vén ven a restaurar e reforzar o principio de igualdade de todos fronte á lei. Resulta imposible defender que mentres en Barreiros a Xunta mesmo retirou os contenciosos-administrativos interpostos que ela mesma promoveu, tentando legalizar con fondos públicos actuacións urbanísticas ilegais, outros casos en indéntica situación resulten en severas sancións e mesmo derrubamentos.

-Dende o punto de vista democrático: Porque fronte ás veleidades arbitrarias deste goberno galego, permítenos seguir crendo na independencia do poder xudicial, na prevalencia deste sobre o poder executivo e na vixencia do Estado de dereito. Sen a vixencia destes principios, camiñariamos irremediabelmente cara un Estado fascista.     

Feita esta introdución, debruzamos os detalles da sentenza:

O FALLO:
“Estimamos o recurso contencioso-administrativo interposto pola ASOCIACIÓN PARA A DEFENSA ECOLÓXICA DE GALIZA contra do Acordo de 26/05/2011 do Consello da Xunta de aprobación definitiva do Plan Sectorial para a mellora e ampliación das infraestruturas básicas de saneamento, abastecemento e rede viaria no municipio de Barreiros, que anulamos por ser contrario a dereito”.
 
OS FUNDAMENTOS:
Na demanda presentada por ADEGA abondábase en dous argumentos:
 
-A inexistencia de supramunicipalidade: Este Plano Sectorial “á medida” para nada pode considerarse incluído entre os instrumentos de ordenación previstos na Lei 10/1995, de Ordenación do Territorio. En relación á incidencia supramunicipal argumantada pola Xunta, é importante sinalar que a sentenza, despois de recordar que as actuacións previstas no Plan Sectorial se limitan ao ámbito do Concello de Barreiros e que, portanto, non pode defenderse o carácter supramunicipal en base ao suposto da súa implantación xeográfica, ven a argumentar que “as actuacións previstas non se refiren a vivendas protexidas e as infraestruturas, dotacións e instalación non teñen unha incidencia que transcenda ao termo municipal, nin pola súa magnitude e importancia, nin pola demanda social, nin polas súas especiais características”, negando así o outro dos supostos previstos na lei 10/1995 para a xustificación dun plan sectorial.

-Unha desviación de poder por parte do Consello da Xunta ao pretender, por medio deste Plan Sectorial, eludir a aplicación das disposicións urbanísticas da Lei 9/2002. A sentenza, de forma contundente, conclúe “que non concorría ningún dos supostos nos que, segundo establece a Lei 10/1995, procede a aprobación dun Plan Sectorial de Incidencia Supramunicipal, polo que a aprobación do litixioso non é conforme a dereito. Tal circunstancia determina que caiba apreciar na actuación da Administración demandada unha desviación de poder das denominadas desviación de procedemento,…”      

Así pois, a sentenza rexeita claramente os argumentos da Xunta e máis da Deputación de Lugo sobre o carácter supramunicipal das actuacións previstas neste Plan Sectorial, negando que poida haber nelas algún interese xeral dos previstos na Lei 10/1995 para os Plans e proxectos sectoriais.

Pero, ademais, a sentenza non deixa de recordarlle ao Consello da Xunta o carácter presuntamente ilegal da actuación do Concello de Barreiros: “non cabe olvidar, así mesmo, que a orixe do problema que se trata de solucionar coa aprobación do Plan litixioso non é unha falta de previsión legal, senón unha actuación do Axuntamento de Barreiros que esta Sala ha considerado no conforme a la legalidade en los casos en que tivo que enxuiciala de forma definitiva, e incursa nunha aparencia de ilegalidade nos numerosos supostos nos que, en sede de medidas cautelares, decretou a suspensión da executividade dos actos de concesión de licenzas obxecto de impugnación xudicial”.

Non necesitamos engadir máis nada. A sentenza é, en si mesma, suficientemente clara: Non poden legalizarse as actuacións urbanísticas ilegais do Concello de Barreiros pola vía deste Proxecto Sectorial de Incidencia Supramunicipal, porque suporía un delicto de desviación de poder.

AS CONSECUENCIAS:
De nada vale unha sentenza se non se executa en todas as súas as consecuencias:

Consecuencias xurídicas:

-No ámbito do contencioso-administrativo: a primeira consecuencia que temos que reclamar dos tribunais de Xustiza é a reposición dos contenciosos-administrativos interpostos dende a Xunta de Galiza e que este Goberno retirou coa escusa deste Plan Sectorial.

-No ámbito penal: En base á desviación de poder da Administración que se recoñece nesta sentenza, entendemos que o Ministerio Fiscal non pode desentenderse das denuncias de prevaricación presentadas contra da Alcaldía e Comisión de Goberno do Concello de Barreiros e contra Arquitecta Municipal e da denuncia que dende ADEGA, temos presentado contra do Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Sr. Hérnández por prevaricación e delictos contra a facenda pública.

Tamén compre que o Ministerio Fiscal se implique na investigación de todo o proceso de retirada por parte da actual Xunta dos contenciosos-administrativos que, ante o desacato do alcalde de Barreiros ás ordes de revisión das licenzas, interpuxo a anterior Dirección da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU). A arbitrariedade da Xunta de Feijóo quedou en evidencia ao retirar tamén os contenciosos fóra do ámbito de actuación deste Plan Sectorial (urbanización de PROQUINTAS na Zona de San Bartolo) e tamén polo que respeita ao convenio subscrito polo Concello de Barreiros, a Deputación Provincial, a Consellería de Medio Ambiente e Augas de Galicia, por esixir aos promotores a renuncia a calquera reclamación de responsabilidade patrimonial derivada da impugnación de licenzas e paralización das obras.

Por último, sería precisoinvestigar toda a actuación da APLU durante estas dúas últimas lexislaturas: Non é presentábel que mentres se promove o derribo de obras presuntamente ilegais, esta mesma Axencia non teña sequera inspeccionado ningunha das actuacións de Barreiros, nen sequera para informar sobre a retirada dos contenciosos-administrativos.

Consecuencias políticas:

Ante unha acusación de desviación de poder como a que se recoñece nesta sentenza, en calquera Estado de Dereito cunha mínima sensibilidade e vergoña democrática, que entenda exercicio do poder como un instrumento ao servizo da cidadanía e non en beneficio do negocio privado de achegados e amigos, ningún dos responsábeis que promoveron este Plan Sectorial merecerían seguir un minuto máis no seu cargo. Porque quen incorre en “desviación de poder” como sinalou o TSXG e a usa para legalizar todas as falcatruadas urbanísticas do concello Barreiros, e logo executa sancións e derrubos en outros casos menos menos graves, non só actúa arbitraria e antidemocraticamente senón que constitúe un auténtico perigo social.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA