A Xunta rexeita 300.000€ da UE para recuperar a pita do monte e dallos a asociacións prominas |
28 de maio de 2012. Co abandono da Xunta do proxecto Life para a recuperación da pita de monte cantábrica (Tetrao urogallus), Feijóo e Hernández certifican a definitiva extinción desta xoia do noso patrimonio natural, até hai pouco presente nas serras orientais. Se durante os anos 80 Fraga cazou un dos últimos machos de pita de monte nos Ancares, agora os seus sucesores ideolóxicos acaban de roubarnos a posibilidade de que unha especie emblemática da nosa natureza volva cantar nos seus territorios ancestrais. Porén, mentres en Asturies, Castela-León e Cantabria os seus governos pulan por recuperar esta especie, en Galiza as prioridades son outras, como empregar 300.000€ en subvencionar o lobby da minaría contaminante.
ADEGA esixe á administración galega que non renuncie á última oportunidade para non perder unha especie que é un símbolo da Serra dos Ancares cando, ademais, a UE e outras autonomías están dispostas a investir na súa recuperación. Denunciamos a grave incapacidade da Xunta, e concretamente da D.X. de Conservación da Natureza, para aproveitar fondos da Unión Europea e investilos, como é a súa obriga, en medidas de actuación e mellora do hábitat dunha especie en perigo de extinción. Unha administración que é quen de perder esta entrada de fondos cun destino moi concreto coma é a recuperación da diversidade biolóxica, capítulo que nos orzamentos da Xunta ten unha ridícula aportación, deixa claro diante da opinión pública a súa pésima capacidade coma xestores.
Os cartos aos que agora renuncia a Xunta supoñen, por exemplo, o 15% dos impostos que os galegos poñemos á disposición da Xunta para a conservación dos espazos naturais de Galiza en 2013. O motivo da renuncia radica, segundo os responsábeis do programa Life para a recuperación da pita de monte cantábrica, en que a Xunta decidiu priorizar outros gastos. Precisamente, a mesma cantidade (300.000€) que agora o goberno galego decide “priorizar”, abandonando definitivamente as posibilidades de recuperación da pita do monte dos Ancares, equivale á que acaba de aprobar o Consello da Xunta para apoiar a “entidades sen ánimo de lucro” que traballan a favor do sector mineiro e os grupos prominas, cuxa composición, obxectivos e finalidade son bastante opacas.
Dende ADEGA lembramos que en toda a cornixa cantábrica quedan entre 250 e 300 machos de pita do monte, e que segundo datos da Unión Internacional para a Conservación da Naturaleza (UICN) o seu número diminuíu entre o 25% e o 50% nos últimos 15 anos. En Galiza, concretamente na Serra dos Ancares, coma último reduto desta especie no noso país, a súa presenza diagnostícase xa coma aparicións esporádicas non permanentes, unha vez que dende o ano 2005 non se constatan cantadeiros nesta zona. Os resultados do Life iniciados no ano 2010 destacan as posibilidades de recuperación da especie nos Ancares dado o potencial hábitat e aptitudes dos bosques presentes nesta serra.
Se a Xunta, nomeadamente a D. X. de Conservación renuncia a cumprir o seu cometido (con excusas de mal pagador, e nunca mellor dito), entón para que queremos a esta dirección xeral? Quuizáis para xestionar permisos de caza ilegais e batidas de lobo á carta? ADEGA propón ao presidente da Xunta a eliminación deste departamento e a asignación dos seus fondos, particularmente os salarios dos cargos de confianza, a proxectos de conservación e recuperación do noso patrimonio natural (como o da pita do monte).
|