7 de abril de 2008. Os 21 colectivos integrados na Plataforma Galega Anti-transxénicos vimos de encetar unha campaña informativa sobre os riscos dos produtos e os cultivos transxénicos. O estado español e o maior sumidoiro de lixo xenético de Europa: no 2007 sementáronse máis de 75.000 Ha de millo transxénico. En Galiza só para o 2008, hai 11 solicitudes de ENSAIOS DE LIBERACIÓN DE TRANSXÉNICOS por empresas biotecnolóxicas, e de seguro que xa hai leiras en transxénico para a produción comercial no noso país. Informar á cidadanía sobre as cosecuencias cultivar e consumir transxénicos é o obxectivo desta campaña, que ten como fin último a declaración de Galiza como Territorio Libre de Transxénicos. Baixa o TRÍPTICO (2.81 MB) informativo.
QUE SON OS TRANSXÉNICOS? Os transxénicos, ou organismos xenéticamente modificados (OXM), son plantas ou animais criados artificialmente insertando nos seus xenes ADN doutros seres para dotalos de funcións e características que o organismo natural non posuía. Os xenes están formados por cadeas de ADN e neles residen as características que definen ao individuo, que transmitirá ás seguintes xeracións xunto coas modificacións provocadas. Con técnicas de laboratorio como o bombardeo das células con ADN alleo ou mediante bacterias ou virus, consíguese insertar nun organismo o ADN doutro. Deste xeito pódese introducir material xenético de orixe radicalmente distinto (dun virus, bacteria, planta, animal e mesmo ADN humano) á especie orixinal. A día de hoxe os produtos transxénicos máis extendidos son o millo, a colza, a soia e o algodón. Tamén o arroz, os tomates, as patacas, a papaia ou a cabaza transxénica extenden cada vez máis o seu cultivo. Con eles elabóranse alimentos de todo tipo para o consumo humano e animal. No estado español o principal cultivo transxénico é o millo, que está modificado con xenes de bacterias para producir unha substancia insecticida que evite ataques de pragas e conferirlle resistencia aos herbicidas.
ONDE ESTÁN OS TRANSXÉNICOS? Cada vez con máis razón pódese dicir que os transxénicos están por todas partes. Dende 1996 sementáronse en todo o mundo 220 millóns de Ha de cultivos transxénicos. En Europa a difusión dos OXM varía segundo o país. España é o estado da UE con maior superficie cultivada con transxénicos, unhas 75.000 Ha en 2007. En Galiza estánse a realizar cultivos experimentais para avaliar o comportamento do millo transxénico no campo en concellos como Touro, Mesía, Val do Dubra, Ribeira e Arteixo (A Coruña), Castro de Rei, Vilalba e Chantada (Lugo) e Lalín en Pontevedra. É posíbel tamén que xa se estén cultivando parcelas para a producción comercial de transxénicos no noso país. Porén, os OXMs non só están nos campos, tamén están presentes nos supermercados e portanto nos nosos pratos. Son moitos os produtos que consumimos diariamente con ingredientes elaborados a partir de soia ou millo transxénicos. As directivas europeas obrigan ao etiquetado destes produtos pero só se as cantidades de transxénicos son maiores 0,9% por ingrediente. E non hai obriga de etiquetar carnes ou peixes alimentados con pensos transxénicos. Galletas, chocolates, sopas, pastas e un longo etc. conteñen residuos xenéticos de millo ou soia transxénica. A realidade e que estamos consumindo produtos transxénicos sen coñecelo e sen o noso consentimento.
A QUEN BENEFICIAN OS CULTIVOS E OS PRODUTOS TRANSXÉNICOS? As grandes empresas de biotecnoloxía conseguiron que os OXMs poidesen patentarse como un invento máis. Isto supón que unha compañía faise dona dun organismo vivo e o comercializa, cobrando polo seu uso. MONSANTO, SYNGENTA, NOVARTIS, BAYER... son multinacionais que manexan os OXMs a nivel mundial e que, coa excusa de rematar coa fame no mundo, introduciron de maneira “silandeira” os cultivos transxénicos a gran escala. Deste xeito, conseguen controlar a agricultura, dende a distribución de sementes até os herbicidas e pesticidas que se lle botan ás colleitas. E se hai algún problema sanitario, pois tamén comercializan os remedios. É ben sabido que a fame non se debe a falta de alimentos senón ao mal reparto destes e ás dificultades da poboación para acceder ás sementes e á terra cultivábel. Deixar o acceso a estas sementes, e portanto aos alimentos, nas mans das grandes empresas transnacionais supón negar a soberanía alimentaria dos pobos e condenar á fame a millóns de persoas en todo o mundo.
COMO AFECTAN OS TRANSXÉNICOS AO MEDIO AMBIENTE? O cultivo de variedades transxénicas empobrece a biodiversidade e afecta negativamente a procesos ecolóxicos chave: son auténtico chapapote xenético. • É imposíbel predecir o comportamiento de xenes alleos en organismos que interaccionan en ecosistemas complejos. Descoñecemos os efectos que a medio e longo prazo poden ter os organismos transxénicos liberados na natureza, xa que o coñecemento científico sobre o funcionamiento dos xenes e as súas interaccións é aínda moi limitado. • As plantas e microorganismos tranxénicos poden alterar negativamente a microflora do chan. As toxinas que producen os organismos transxénicos degrádanse lentamente convertíndose en partículas do solo, continuando coa súa actividade tóxica. Os efectos a longo prazo das toxinas sobre los microorganismos do chan e a fertilidade son descoñecidos e imprevisíbeis. • As plantas transxénicas poden contaminar os cultivos tradicionais (a polinización cruzada pode acadar distancias de quilómetros) aos que poden pasar as características insertadas artificialmente, alén de reducir o número de variedades naturais. A coexistenza é, portanto, imposíbel. • Aceléranse os fenómenos de resistencia a herbicidas e pesticidas, facendo necesario incrementar cada vez máis as doses. • Este emprego masivo de produtos fitosanitarios xunto coas toxinas que producen as variedades transxénicas (antibióticos, por exemplo) aumentan a contaminación química dos solos. • As toxinas producidas polas variedades transxénicas contra determinadas pragas poden afectar a outros insectos beneficiosos e necesarios para a polinización das plantas (por exemplo o millo Bt, resistente ao "taladro" provocou a morte masiva de bolboretas monarca). • As propias plantas transxénicas poden virar en invasoras, en "malas herbas" para os cultivos próximos.
COMO AFECTAN OS TRANSXÉNICOS Á NOSA SAÚDE? • As plantas modificadas xenéticamente producen maiores doses de substancias tóxicas aínda en moi pequenas cantidades, presentar restos de herbicidas, ou secretar toxinas e outros compostos en resposta aos herbicidas. • Poden desenvolverse alerxias ás novas moléculas que producen as plantas transxénicas. Nos EE.UU. en 2000 o millo “Starlink” provocou graves casos de reaccións alérxicas. • Poderían aparecer novas enfermidades ou incrementarse a virulencia e agresividade de determinados patóxenos por recombinación xenética nos microorganismos deseñados para atravesar a barreira das especies e usados para producir as plantas transxénicas. • Os xenes de resistencia a antibióticos (como a ampiciclina, común en medicina veterinaria) que conteñen algúns transxénicos contribúen ao aumento da resistencia das bacterias patóxenas a estes antibióticos, e, portanto, fai máis difícil tratar determinadas enfermidades infecciosas. • Maior presenza de tóxicos e agroquímicos nos alimentos debido ao seu uso masivo nos cultivos.
COMO AFECTAN OS TRANSXÉNICOS Á AGRICULTURA? • Os alimentos transxénicos representan un paso máis no control polas multinacionais da producción e comercialización dos productos agrarios: as variedades transxénicas están protexidas por patentes e non se pode utilizar a semente que se obtén delas. Extendendo o seu uso amplíase a dependencia das sociedades agrarias destas empresas, perdendo a súa soberanía alimentaria. • Moitas variedades transxénicas baséanse na resistencia a herbicidas que logo son intensivamente utilizados nos seus cultivos. As mesmas empresas que fabrican os transxénicos comercializan tamén os produtos fitosanitarios, aumentando o seu control sobre o mercado. • Os cultivos transxénicos contribúen á perda das variedades tradicionais (e gratuitas) das que dependen a maioría dos labregos e labregas dos países en desenvolvemento. • Son frecuentes os casos de explotacións tradicionais “infectadas” con plantas transxénicas por hibridación. As compañías poden demandar a estes produtores/as e acusalos por estar empregando sementes con xenes patentados. • Os cultivos transxénicos benefician aos países ricos en detrimento dos pobres, e dentro dos primeiros, ás explotacións industriais respecto das que practican unha agricultura máis tradicional, moitas das cales veranse obrigadas a abandonar as explotacións.
QUÉ PODO FACER EU? • Fíxate nas etiquetas e rexeita mercar produtos que conteñan a lenda “modificado xenéticamente” ou “producido a partir de (ingrediente) modificado xenéticamente”. • Infórmate mediante a Lista Vermella e Verde (Greenpeace) de que produtos conteñen transxénicos ou son sospeitosos de incorporalos. • Merca produtos frescos da terra e en tempada. • Merca produtos ecolóxicos. Na agricultura e gandería ecolóxica non esta permitido o uso dos transxénicos, nin dos seus derivados. • Se eres produtor/a podes declarar a túa explotación Zona Libre de Transxénicos. • Infórmate através da Plataforma Galega Anti-transxénicos de como propor ao teu concello a declaración de Zona Libre de Transxénicos (ZLT). En Galiza, só Lalín (marzo de 2008) tense declarado ZLT. • Esixe á administración que garanta unha alimentación libre de transxénicos nos centros públicos e comedores escolares. • Demanda dos responsábeis públicos unha etiquetaxe máis estricta dos produtos que conteñan OXMs ou que usaran transxénicos na súa producción. O obxectivo é a trazabilidade total. • Colabora difundindo as iniciativas da Plataforma Galega Anti-transxénicos.
MÁIS PREGUNTAS PARA REFLEXIONAR... Quen consultou á poboación se queremos comer transxénicos sen nós saber? Quen preguntou aos labregos/as se querían poñer o futuro da súas leiras en mans de grandes multinacionais? Por que non se etiquetan convintemente os OXMs se son tan inocuos para a saúde e tan necesarios na loita contra a fame? Por que non se aplica o Principio de Precaución se non hai evidencias da súa bondade a longo prazo e mentras acálanse as evidencias de alerxias e os estudos contrarios ao seu uso?
Plataforma Galega Anti-Transxénicos
http://www.galizasentransxenicos.org/
Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
|