Por un transporte urbano sustentábel: a cidade sen coches é mellor |
O tráfego urbano é a principal causa de deterioración da calidade de vida nas nosas vilas e cidades. A contaminación atmosférica e acústica do tráfego degrada o ambiente con consecuencias negativas para a nosa saúde (doenzas respiratorias, estrés, perda de audición,...). O coche ocupa a maior parte do espazo público, convertendo as rúas e prazas en lugares principalmente de paso, perigosos pola presenza ameazadora do automóbil e sen condicións adecuadas para cumprir as súas funcións de encontro e de xogo, funcións ás que non debemos renunciar. Todos e todas resultamos prexudicados pola excesiva dependencia do automóbil do actual sistema de transporte urbano. Mais non na mesma medida. Os máis prexudicados son os máis febles. Son os anciáns, os nenos, as persoas con problemas de mobilidade ou certas enfermidades, os que non teñen acceso autónomo a un coche,... A reducción sustancial da presenza do automóbil privado é unha condición necesaria para facermos as nosas cidades máis habitábeis. Todos os esforzos que fagamos para limitar o uso do coche e favorecer os modos de transporte non motorizados e colectivos redundarán nunha mellora importante das condicións de vida de todas as persoas que vivimos nas cidades, especialmente dos nenos e dos anciáns. Unha cidade con menos coches é unha cidade con maior calidade de vida. Restrinxir o tráfego e fomentar modos alternativos tamén mellorará sustancialmente as nosas opcións para nos desprazar, incluída a de usarmos o coche en condicións de tráfego boas cando sexa realmente necesario. É posíbel calmar o tráfegoDiminuír o tráfego urbano é unha tarefa complexa e difícil que precisa do compromiso das Administracións e de toda a sociedade. Non abonda con medidas parciais ou limitadas a determinadas zonas. Hai que desenvolver un amplo abano de medidas diversas en toda a cidade. O potenciamento dos medios alternativos ao automóbil é necesario para diminuír a utilización do coche mais non é suficiente. Debe ir acompañado dunha política de limitación da circulación e do estacionamento do vehículo privado. A experiencia de moitas cidades amósanos que resulta ilusorio achar que a mellora do transporte colectivo e das facilidades para camiñar ou andar en bicicleta leva por si soa á reducción do tráfego privado. A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e a Federación Ecoloxista Galega (FEG) propoñen aos Concellos a implantación de planos destinados a moderar o tráfego das cidades que incorporen un conxunto de medidas urbanísticas, de potenciamento dos modos de transporte non motorizados (a pé, bicicleta) e dos motorizados colectivos, de restricción da utilización do automóbil privado e de educación ambiental.
|