Adega
INICIO Áreas temáticas Residuos / Contaminación Subxerencia de ADEGA ao Plano de Resíduos Agrarios de Galiza
Subxerencia de ADEGA ao Plano de Resíduos Agrarios de Galiza PDF Imprimir Correo-e
Envia Subxerencia de ADEGA ao Plano de Resíduos Agrarios de Galiza a FaceBookEnvia Subxerencia de ADEGA ao Plano de Resíduos Agrarios de Galiza a Twitter
Presentados como alegacións diante do Borrador do Plano de Residuos Agrarios de Galiza

1. Debe facer-se umha xestión integral dos resíduos e coordinar os diversos planos de xestión dos resíduos

O Plan fala de residuos agrogandeiros e non só agrarios, polo que se deberá correxir o nome. Porén, mais importante que isto é o feito de que non se incluan os resíduos forestais, que en muitos casos requeren unha xestión integrada cos resíduos agrogandeiros. Cando se fala de compostaxe, di-se “compostaxe dos xurros con outros resíduos orgánicos”, pero non se especifican estes nen se detallan as características da sua xestión.

O plano centra-se na xestión dos resíduos agrogandeiros baseando-se exclusivamente na consideración do nitróxeno como elemento nutriente-contaminante, e non ten en conta a importáncia da relación carbono-nitróxeno, e o feito de que os resíduos forestais poden aportar as cantidades de carbono necesárias para correxir muitos dos impactos dos resíduos agrogandeiros ricos en elementos nutrientes.

A xestión integral que se menciona na páxina 1, ha de ver-se tamén en relación coa integración necesária con outros planos, como é o de resíduos sólidos urbanos e o de resíduos tóxicos e perigosos. A xestión de resíduos de envases, plásticos e outros debe-se facer dunha forma coordinada e integrada coa xestión dos resíduos domésticos, e non duplicando contedores e axentes que só encarecen a xestión e limitan a eficácia.

Co obxectivo de facilitar a recollida selectiva na que o axente activo é o titular da explotación (ou os membros da familia, no caso de explotacións familiares, como son a maioria), debe-se simplificar a xestión dos diferentes tipos de resíduos. Ha de considerar-se que, polo xeral, a explotación agrogandeira está integrada na vivenda, polo que unha xestión común aos diferentes tipos de resíduos xerados na explotación-vivenda como conxunto será mais racional e terá máis éxito.

A clasificación, por tanto deberia ser do seguinte tipo:

  • Resíduos orgánicos: os do fogar poden-se destinar á alimentación animal ou a compostaxe xuntamente con outros resíduos orgánicos da explotación que sexan adecuados

  • Envases non tóxicos: recollida conxunta dos envases do fogar e da explotación, separados por materiais, conforme ao plan municipal ou comarcal de xestión do lixo (papel-cartón, vidro, resto...)

  • Resíduos tóxicos: recollida en áreas de aportación (pontos limpos, parques de reciclaxe, etc) tanto dos resíduos perigosos do fogar como da explotación

  • Resíduos sanitários: recollida a través dos veterinários, centros médicos e farmácias.

  • Outros resíduos: mencionan-se na pax. 43 pneumáticos, aceites usados, baterias, etc. Estes resíduos son comúns tanto a unha explotación agrogandeira como á vivenda do rural, e deberian ser entregados nos mesmos pontos limpos e parques de reciclaxe.

  • Os mesmos pontos limpos deberian servir para recoller os resíduos plásticos utilizados nas explotacións. Unicamente no caso de zonas nas que xe xera unha elevada cantidade dun tipo de plástico pode ser aconsellábel organizar a sua recollida como un material independente do resto dos resíduos (pax. 64).

 

2. Faltan estudos básicos e avaliacións de tipo ambiental

En relación coas liñas de investigación, as indicadas na páxina 3 e atribuidas ao CIAM resultan claramente insuficientes. Pomos en falta:

  • Estudos sobre a contribución do sector agrogandeiro ás emisións de gases con efecto invernadeiro (diversas institucións, incluido o Ministério do Ambiente, teñen considerado as emisións de metano desde a fosas de xurro como unha causa importante de contribución ao efeito invernadeiro)

  • Estudos sobre a contaminación ambiental difusa por agroquímicos, especialmente praguicidas diversos

  • Estudos sobre a contaminación dos alimentos con resíduos químicos (praguicidas, fertilizantes, etc)

  • Mapas de conteúdo en matéria orgánica dos solos galegos.

Este último é un aspecto importante da caracterización dun solo, pero non se menciona no apartado 4.5. Na páx. 31 di-se que na valoración dos posíbeis excesos de nitróxeno hai que ter en conta outros aspectos particulares de cada parcela, como son o tipo de solo, a sua permeabilidade, a madureza ou riqueza en nutrientes: ainda que algunhas destas características dependen do conteúdo en matéria orgánica, non se menciona esta nen se propón tela en conta no futuro. De novo, na pax. 34 recoñece-se que as características do solo condicionan o impacto dos xurros, pero non se expresa a dependéncia desas características do conteúdo en matéria orgánica. Consecuentemente, non se propoñen accións que conduzan a incorporación da matéria orgánica ao solo.

Consideramos que un elevado contido en matéria orgánica mellora a calidade dos solos agrícolas, reduce a erosión, aumenta a produtividade e a capacidade de adsorción e retención de elementos nutrientes e contaminantes (Diaz Fierros, 1999)i. Consideramos imprescindíbel un estudo do contido en matéria orgánica do solo agrícola, e o fomento das opcións que destinen matéria orgánica aos mesmos.

Esta opción está especialmente indicada como contribución á fixación de carbono nos solos dentro da luita contra as emisións de dióxido de carbono a atmósfera e a prevención do cámbio climáticoii.

Na pax. 18 indica-se como unha etapa do plano, a identificación dos impactos ambientais que provocan as actividades gandeiras no seu controno, asi como a magnitude de ditos impactos. Indicamos de novo que, ao longo do texto, e particularmente no cadro da pax. 21, só se reflexan algúns dos impactos desta actividade, ficando sen avaliar e cuantificar outros cmo os citados anteriormente.

Na pax. 33 di-se que os dous tipos fundamentais de contaminación polos xurros son os que atinxen a olores e a contaminación por patóxenos. De novo vemos que se non se avalian as emisións de metano e amoniaco a atósfera e as suas consecuéncias para procesos tais como o efeito invernadoiro.

A caracterización dos xurros disponíbel é insuficiente (pax. 25); por exemplo, non inclue o conteúdo en matéria seca volátil, nen o potencial para a obtención de biogás (potencial metanoxénico).

Hai unha contradición clara entre a información recollida na pax. 36 de que segundo un estudo, o 54% das augas de pozos non cumpren as condicións de potabilidade, debido a contaminación fecal procendente dos xurros, e a afirmación feita liñas mais arriba de que "a situación en Galiza caracteriza-se pola existéncia de focos pontuais de contaminación". Estudos realizados por ADEGA na comarca de A Estrada tamén mostran unha situación graveiii. Non se trata por tanto dun problema pontual senon dalgo máis xeralizado para o que as medidas propostas no documento poden resultar insuficientes.


3. AVALIACIÓN DE DIFERENTES alternativas de xestión

Entre os principios xerais do plano (pax. 15) menciona-se a prevención-redución como a primeira prioridade. Porén, xa a continuación di-se que para conseguir isto, son de fundamental importáncia as labores de educación e sensibilización ambientais, o que supón desbotar de raiz outras accións que poderian ser tanto ou máis importantes en relación coa redución en orixe, e xa na pax. 18 se concreta que o obxectivo principal do plano é xestionar adecuadamente os resíduos xerados. Todo isto supón desbotar calquera acción de prevención real da xeración de resíduos.

Por tanto, sen desconsiderar a importáncia de xestionar adecuadamente os resíduos que se xeren, consideramos que o principal obxectivo deberia ser a prevención, polo que o plano está claramente coxo neste sentido. Isto pon-se de manifesto de novo cando, nas páx. 45 e 46 se menciona a redución "como un obxectivo indiscutíbel, por atopar-se en primeiro lugar na xerarquia de principios a considerar"; con esta afirmación pecha-se de novo o tema, sen propor outro tipo de medida de redución realmente efectivas.

Posteriormente, indican-se algunhas medidas de redución que só ofrecen resultados pobres, xa que se trata mais ben de correccións no modelo de produción e non modificación substancias do mesmo: a) redución do volume con obxectivos de menos do 30% por redución da auga de dilución; b) medidas de redución propostas para os envases fitosanitários e zoosanitários (pax. 66) pouco efectivas, ao optar pola continuidade do modelo intensivo de agrogadeiria; etc.

Por exemplo, identifica-se como un problema mais a engadir a delimitación dos riscos o feito de que aparezan microorganismos cunha alta porcentaxe de resísténcia aos antibióticos (pax. 32). Parén, cais son as medidas preventivas en relación con este problema?. Ningunha das propostas recollidas no texto semella poder prevenir o risco sanitário asociado.

En relación co estudo de alternativas, nun punto concreto do texto referido á metodoloxía de traballo a seguir (pax. 18) di-se que se debe facer unha análise das alternativas de xestión para cada tipo de residuo, máis axeitadas ecolóxica e económicamente. Pero despois, na páxina seguinte (pax 19), defínese automáticamente a meta do traballo configurada pola actual proposta, sen que se faga a referida análise de alternativas. Isto repite-se nas páx. 45 e seguintes, onde se relacionan únicamente as alternativas de reutilización e valorización mediante tratamento que o plano aplica, sen avaliar outras posibilidades. Por exemplo, como alternativa de tratamento con produción de biogás, non se avalian sistemas de pequena escala, a nivel de granxa. Como xa se dixo, tampouco se avalian alternativas de prevención que supoña o rediseño do modelo produtivo.

Por último, a non consideración de opcións de prevención reais e efectivas, leva a optar por un modelo tecnicista, que conducirá ao incremento da dependencia do labrego en relación con outros sectores de servizos e das multinacionais, ademáis de aumentar ainda máis o carácter intensivo das explotacións. Nesta liña situarian-se algunhas propostas do plano como as seguintes: a) selección xenética do gando vacuno leiteiro para aumentar a produción por cabeza (pax. 57); b) Plans de xestión que incluen a realización de análises de características do xurro e do solo. A história recente mostra-nos que a primeira proposta permitiu aumentar a produción pero non garantir a calidade do leite e da carne, e menos ainda reducir o impacto ambiental da explotación. A segunda, tendente a aumentar o carácter industrial das explotacións, pode ter un custo non asumíbel polas explotacións familiares, alén de non ser efectivo na prática.

 

4. OPCIÓNS DE PREVENCIÓN PROPOSTAS POR ADEGA

Como alternativa á producción de xurros e posterior xestión, propomos a recuperación das prácticas agrogandeiras tradicionais cun enfoque ecolóxico que permitan unha gandeiría en equilibrio co meio, de alta calidade e polo tanto competitiva. Neste outro modelo, os xurros pasarán a estar integrados coas camas de valume, toxo e escobas tradicionais, xerando un excelente fertilizante. Evidentemente esta opción requere unha modernización e tecnificación adecuada para ser competitiva: corta de toxos mecanizada, picado do toxo e mixturado coa bosta, etc. Esta opción e a decripción das transformacións técnicas que requere están asusentes do plano proposto, e deberian ser incluidas.

Outras vantaxes desta opción serian a recuperación natural de especies de fauna e flora de ambientes intervidos, en regresión na Unión Europea. Esta perda de biodiversidade supón un grave problema no que se están a gastar moitos cartos noutros países, ainda que polo de hoxe non na Galiza. Falamos, por exemplo, da recuperación de espécies de caza menor, entre outras vantaxes adicionais. Tamén axudaria á eliminación dos incéndios e á prevención doutros impactos.

Este enfoque deberá complementar-se con outras opcións e medidas de prevención como as que se comentan a continuación.

 

- Fomento da agricultura extensiva

Deberá promover-se a agricultura extensiva alí onde se facia tradicionalmente. Neste marco, as cargas gandeiras sobre o território xerarán unha cantidade de xurros perfectamente reciclábeis nas leiras, ao estar en equilíbrio coa capacidade de acollida dos terreos.

 

- Fomento da agrogandeiria ecolóxica

Propomos o fomento da agricultura e gandeiría ecolóxica integrada co meio, seguindo as liñas do indicado no nº 4 de Adega-Cadernosiv, para o cal se deben contemplar axudas para a reconversión das explotacións.

As axudas á promoción da agricultura ecolóxica xustifican-se económicamente por tratar-se do incio dunha liña estratéxica e competitiva para Galiza, xa que a imaxe e a realidade deste tipo de agrogandeiría está asociada á calidade, ao contrário do que ocorre coas produccións de tipo intensivo.

Por outra banda isto está dacordo coas directrices que marca a lexislación europea en canto a prevención (reducción) e valorización (neste senso o resíduo de xurro, pasará a formar parte dos imputs agrogandeiros, aforrando outros de procedéncia externa (fertilizantes, emendas, etc); é dicer, os xurros reciclarán-se na mesma unidade produtiva sen causar impacto ambiental.

Tamén se diminue a dependéncia exterior (diminución de imputs: fertilizantes, pesticidas, etc). E por último, traerá melloras ambientais moi importantes.

 

- Medidas fiscais e subvencións

O programa de financiamento público ás actividades agrogandeiras debe-se revisar para ter en conta os aspectos ambientais. É dicer, non se pode pretender facer unha politica de prevención da xeración de resíduos nas actividades agrogadeiras sen revisar globalmente a política agrogadeira. Con esta finalidade debe-se afondar na análise ambiental dos diferentes modelos de produción agro-gandeira, que propomos clasificar do seguinte modo:

  • Sistemas de agro-gandeiria ecolóxica (ou biolóxica), como modelo de referéncia cara o que se debe evolucionar progresivamente.

  • Sistemas de agrogadeirai tradicional (estabulación en cama seca, integración dos tres sectores agrícola-gandeiro e forestal, explotacións familiares de reducido tamaño, agricultura e gandeiria extensivas, etc) mellorada en canto a meios técnicos (maquinária), que minimiza os impactos ambientais.

  • Sistemas intensivos e industrializados de produción: aumento da produción específica a base de pensos, pensos artificiais e con elementos correctores como os metais pesados, selección xenética baseada exclusivamente no factor de producción, forraxes transxénicos, alimentación hormonada, mantenimento sanitário con base a altas aplicacións de antibióticos e outros fármacos, gandeiria sen terra, etc.

 

Este terceiro modelo de produción agrogandeira é un modelo ambientalmente non sustentábel. Propomos erradicar de forma imediata as subvencións a novas explotacións e accións encadradas neste terceiro modelo, e a corto prazo cancelar os programas de subvencións a explotacións deste tipo xa instaladas.

O segundo modelo ten un grande potencial na Galiza, como alternativa a corto e meio prazo de transformación da agrogandeira actual nunha prática máis respectuosa co ambiente e para a produción de alimentos de mellor calidade. Ten tamén a vantaxe de manter emprego, e fixar poboación no rural en muita maior medida que o terceiro modelo. Por último, ten garantias de éxito, xa que os labregos son ainda coñecedores das práticas tradicionais, ao tempo que tamén coñecen as vantaxes da maquinária moderna, polo que poderán integrar de forma óptima os dous elementos clave (procesos tradicionais e mecanización), sempre que conten coa promoción institucional debida. Este segundo modelo deberá ser financiado en función dos obxectivos de prevención ambiental e de mantenimento do emprego.

Por último, o primeiro modelo, o da agricultura ecolóxica, que garante a sustentabilidade ambiental e o emprego, xuntamente coa inmellorábel calidade dos alimentos producidos, constitui un sector estratéxico para un pais como Galiza e unha garantia de futuro diante da crise ambiental, e como tal deberá ser promocionado a través de medidas fiscais e subvencións directas.

 

- Metais pesados nos xurros de porcino

A auséncia de medidas preventivas do problema de metais pesados pon-se de manifesto cando se di que a acumulación destes metais no solo non se considera preocupante a meio prazo. Con esta afirmación pretende-se pechar este tema, ficando claro que non se buscarán solucións até o problema sexa preocupante.

Ao contrário, consideramos que é necesário indicar alternativas e fixar obxectivos progresivos no tempo de redución do contido en metais como zinc ou cobre nos pensos, como única opción real para eliminar este problema nos xurros. Debería-se fixar un horizonte límite no que se erradicaran este tipo de xurros.

 

- Concentracións parcelárias

Nas obras de concentración parcelária producen-se diversos impactos negativos como a destrucción de vexetación e lindeiros, ou os cámbios nos usos do solo co resultado do emprego de solos para novos cultivos para os que non son adecuados. Todo isto diminue a capacidade de acollida do terreo para xurros e outros fertilizantes, e aumenta a escorrentia. Destacamos a roturación de terras de elevada pendente nas proximidades dos rios para adica-las a cultivos erbáceos que van recibir grandes cantidades de xurros, cando antes eran terreo forestal.

 

5. OPCIÓNS DE Reciclaxe e valorización

 

  • Uso directo do xurro nas fincas

Coincidimos en que esta é a mellor opción de xestión do xurro que se xera. Pero obxervamos que non abonda coas medidas correctoras para reducir o impacto ambiental desta prática. Por tanto, consideramos que só é aceptábel se se acordan obxectivos e se elaboran plans de redución das cantidades xeradas por transformación do tipo de estábulos, segundo o indicado anteriormente.

Por outro lado, o emprego do xurro como fertilizante non é contrário ao seu tratamento prévio mediante o arexamento ou á recuperación de biogás, pois estes tratamentos melloran aínda a calidade do xurro como fertilizante.

 

- Biogás

Propomos ir ao deseño estandarizado de centrais de biogás para as explotacións, cando menos para todas aquelas de tipo mediano e grande que utilicen pozo de xurro, fronte á consderación dunha única en Lalín.

Estas plantas de biogás producirían electricidade e calor para a própia explotación, e mesmo para verter na rede xeral, contribuindo a disminución de enerxias máis contaminantes.

 

- Compostaxe

O residuo orgánico sobrante da producción de biogás e outros aproveitamentos deberá ser tratado, fundamentalmente por compostaxe, e utilizado como emenda orgánica para os solos, ou para a recuperación/restauración de terreos degradados, como poden ser canteiras, zonas queimadas, etc. Este último deberia ser o destino do compost optido no tratamento dos xurros de zonas excedentárias, maiormente de porcino.

 

6. OUTRAS MEDIDAS DE XESTIÓN

No cadro da pax. 21, non se incluen medidas destinadas a incrementar a SAU por explotación, o que constituiria unha das formas máis efectivas de reducir a carga gandeira. Isto a pesar de que se recoñece que parte das explotacións gandeiras extensivas carecen de base territorial própria (pax. 22)

Na pax. 34 recoñece-se que o xurro provoca a aparición de malas herbas (se contén sementes que non se degradaron), pero non se atopan no documento propostas para solucionar este problema.

O problema da contaminación das augas de fondo por nitratos, do que se di que non reviste gravidade, non está suficientemente avaliado, polo que non se deberian descartar medidas preventivas nestes sentido.

Indica-se como medida complementária a determinación de distáncias mínimas entre a área de aplicación e regatos ou canles de regadio (pax. 60). Deberia-se incluir como necesária a construcción de filtros verdes nas franxas que separa a zona de aplicación das riveiras de regatos, que axudarian a limitar o lavado de contaminantes ás augas superficiais.

Afirma-se que os plásticos de enxilado e invernadoiro son actualmente reutilizados nas explotacións. Porén isto non é igual para calquera das alternativas, xa que o plástico do enxilado en bolsa non se reutiliza, ao contrário do que pasa co enxilado en meseta.

 

7. DIVULGACIÓN DA PROBLEMÁTICA AMBIENTAL E CONCIENCIACIÓN DA POBOACIÓN

Débense facer campañas serias de formación para os gandeiros. Estamos de acordo en que o problema non é só a cantidade de xurro, senón o intre do ano en que se emprega na terra, as características da finca, distancia a cursos de auga, etc. Porén, tan importante como isto é incluir nesas campañas información sobre modelos de produción alternativos que realmente permitan reducir en orixen os impactos ambientais.

Na pax. 37 identifica-se correctamente o grave problema ambiental rsultante da combustión dos plásticos. É preciso realizar unha campaña de divulgación do problema dos resíduos tóxicos no que se mencione específicamente este aspecto.

Asimesmo, como un elemento a ter en conta nas campañas de divulgación ambiental debe-se incidir na necesidade de reutilizar a matéria orgánica para o solo, a través da sua compostaxe. Propomos facer fincapé en erradicar a prática de queimar rastrollos e restos de podas, informando da alternativa de elaborar compost orgánico con estes resíduos e reciclalos devolvendo-os ao solo. Isto é unha boa via para concienciar sobre o problema dos incéndios forestais, e facer entendíbel o balanzo de carbono no meio ambiente, e a importáncia de reducir as emisións á atmósfera.

Na páx. 71 indican-se as entidades coas que se contará para desenrolar o plan de divulgación, pero non aparecen entre as mesmas as Asociacións Protectoras do Meio Ambiente, que pensamos que deberian incluir-se.

 

8. ALGUNHAS PERGUNTAS EN RELACIÓN CO PLANO

  • Pode-se dispor da relación de referencias citadas no plan?. Calquera documento cun mínimo rigor debe aclarar a autoria e ubicación das citas que realiza.

  • Como se di na pax. 4, o Código galego de boas práticas agrárias é de cumprimento voluntário polos labregos. Perguntamos cais foron as medidas de promoción que adoptou a Xunta e o seu resultado.

  • Son correctos os dados da última táboa da pax. 26, na que se indican que o número de explotacións con menos de 10 prazas de porcino son de 1 en A Coruña, 16 den Lugo, 1 en Ourense e 6 en Pontevedra?

  • En todo o documento non se explica adecuadamente en que consistiria a planta de biogás.

  • Tampouco se sabe en que consiste a alternativa de recuperación enerxética sen produción de biogás que se menciona na pax. 45.

 

 

i A matéria orgánica nos solos galegos. Francisco Diaz-Fierros. Adega-Cadernos nº 6, Ed. ADEGA, Santiago de Compostela, 1998.

ii Ministério do Meio Ambiente, 1999. Madrid

iii Estudo da situación sanitária dos bosques e da calidade das augas na comarca de A Estrada. Informe realizado para o concello de A Estrada, ADEGA, 1992.

iv Agroecoloxia na Galiza. VV.AA. Ed. ADEGA, Santiago de Compostela, 1998.


Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 


ADEGA