Adega
INICIO Áreas temáticas Montes Galicia en chamas: Moito fume e poucas solucións
Galicia en chamas: Moito fume e poucas solucións PDF Imprimir Correo-e
Envia Galicia en chamas: Moito fume e poucas solucións a FaceBookEnvia Galicia en chamas: Moito fume e poucas solucións a Twitter

Galiza é, xunto co norte de Portugal, a zona de Europa con maior densidade de lumes forestais. Nos últimos anos ten habido uns 11.000 incendios por ano. Nada menos que a metade dos lumes do Estado español ocorren no noso país. Na campaña das eleccións autonómicas do ano 89 Fraga utilizou os lumes como unha das súas principais armas e chegou a dicir que acabaría con eles. Non foi precisamente iso o que aconteceu: dos 36.000 lumes dos anos 80 pasamos aos 94.000 dos anos 90.

 

O número de incendios aumenta do noreste ao suroeste do país. As extensións afectadas polos lumes aumentan de norte a sur e son maiores en zonas pouco poboadas, con predominio de mato, con máis presenza de gando mostrengo, en terreos accidentados e en montes comunais.

Dise que os lumes apáganse no inverno, para destacar a importancia dos labores preventivos. Mais tamén hai que entender esta expresión en sentido literal, porque hai que apagar lumes durante todos os meses do ano. No final do inverno adoita haber máis incendios que no comezo do verán. As épocas con maior número de incendios son habitualmente o comezo da primavera e o final do verán, aínda que a Consellería de Medio Ambiente só fixa como “época de perigo alto” os meses de xullo, agosto e setembro.

Que Galiza, malia o seu clima húmido, teña un índice de máis de 50 lumes por cada 10.000 hectáreas de superficie forestal, 11 veces superior á media do resto das comunidades autónomas, non parece quitar o sono ao noso goberno, ao que lle mola moito máis facer de bombeiro que planificar. O que lle preocupa é ter un dispositivo de extinción que permita atinxir unhas cifras de superficie queimada por lume sensibelmente inferiores ás anteriores á decada dos 90, nomeadamente á do ano 89, o último antes da chegada de Fraga á Xunta e o máis desastroso.

A Consellería de Medio Ambiente gábase de que máis do 70% dos lumes afectan a menos dunha hectárea e de que na década dos 90 arderon “só” 250.000 hectáreas (duns 2 millóns de hectáreas de monte), 400.000 hectáreas menos que na década anterior. É innegábel que houbo un avanzo importante nos resultados da extinción dos lumes, como non podería ser doutro xeito, tendo gastado máis de 600 millóns de euros nos Planos INFOGA de loita contra o lume. Máis seguramente non teña sido tan importante como se pregoa. A Consellería de Medio Ambiente utiliza unha metodoloxía para a medición das superficies queimadas certamente cuestionábel. Nalgúns casos tense podido demostrar que a superficie queimada segundo a Xunta era moi inferior á real. Un exemplo: no ano 95, nun incendio na serra da Meda queimáronse oficialmente 1.300 hectáreas. Porén, unha medición independente constatou a queima dunha superficie dúas veces superior.

Para a Xunta o importante non é solucionar o problema dos lumes. O importante é facer crer que o problema xa non é importante. Que cumpriu a súa promesa electoral de acabar cos lumes. Por iso, centra os seus esforzos na extinción, para que non se dispare moito en ningún ano a superficie queimada, como aconteceu sobre todo en 1989, e fai todo o que pode (e desde logo que pode moito), para que os incendios non teñan moita presenza nos medios de información e a poboación urbana non saiba da súa alcance. Para o conselleiro de medio ambiente, Xosé Manuel Barreiro, o impacto mediático é desde logo máis preocupante có ambiental, de aí que os nervos sexan moito maiores perante unha onda de incendios, poñamos por caso, nos arredores de Santiago, que na serra do Courel, onde na pasada primavera un só incendio queimou centos de hectáreas sen que, fóra da comarca, ninguén se enteirase. Son os incendios que denominan “escaparate”, aqueles visíbeis desde cidades, vías de comunicación moi transitadas ou lugares turísticos, os que máis lles tiran o sono.

 

Quen queima o monte?

Se a prevención fose o eixo da loita contra os lumes, se interesase diminuír sustancialmente o número de lumes, procuraríase coñecer ben as causas de todos os lumes. Como non é o caso, non estraña que, mentres en Cataluña conséguense determinar case sempre as motivacións das causas intencionadas dos lumes, en Galiza máis do 30 % das motivacións dos incendios intencionados, a inmensa maioría, fican sen descobrir.

Aínda que resta moito por saber sobre as causas inmediatas dos lumes, o que se sabe é dabondo para termos algunhas cousas claras. Unha delas é que non hai datos para soster a hipótese da existencia de organizacións incendiarias, hipótese que, por exemplo, defende recorrentemente José Manuel Romay Beccaría, quen parece non ter aprendido moito durante o seu tempo á fronte da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes ou estar moi interesado en culpabilizar aos críticos coa política forestal autonómica, relacionándoos con esa fantasmagórica entidade que estaría detrás de boa parte dos incendios.

Os feitos coñecidos tamén ensinan que as persoas descobertas provocando incendios de forma intencionada adoitan ser veciños da zona, e que case sempre son incendiarios e non pirómanos (é dicir, persoas cunha doenza que os leva a prender lume). E que, ás veces, actúan sen conciencia de estaren facendo algo malo e con sensación de impunidade. Quen isto escribe denunciou hai uns anos a un incendiario que plantaba lume nunha área coberta por mato en Vilariño de Conso (Ourense), ao mediodía e sendo ben consciente que o estaba a observar. Unha vez detido comprobouse que vivía nunha aldea próxima.

Entre as motivacións das causas intencionadas as dúas máis importantes, a nivel do conxunto do país, parecen ser as queimas agrícolas e as queimas coa finalidade de crear pastos para o gando extensivo que vive no monte. No Plano INFOGA do 2002 podemos ler que “se ben é claro que non todos os lumes se relacionan cos usos do territorio, estímase que unha grande porcentaxe é debida a estes usos, incidindo dunha maneira significativa na superficie queimada as causas vinculadas á eliminación de mato e rexeneración de pastos”.

O lume é unha ferramenta máis no medio rural, con moita raigame e á que se segue a recorrer nos nosos días. E non só en queimas agrícolas ou para rexenerar pastos, senón tamén para outras cousas como para perseguir animais que provocan importantes perdas aos labregos que non son compensadas (xabaríns,…) ou para limpar o monte. A forte cultura do lume como ferramenta é unha chave fundamental para entender a cuestión dos lumes no noso país.

Ás anteriores habería que sumar outras como o negocio inmobiliario, disputas relacionadas coa propiedade dos montes, intereses vencellados á “industria do lume”, especulación madeireira, etc. En definitiva, as causas inmediatas dos lumes intencionados son múltiples e a súa importancia relativa varía segundo as comarcas. No tocante aos lumes causados por neglixencias, unha pequena parte do total, salientan os relacionados co uso do lume en labores agrarios, gandeiros e forestais e coa queima de lixo en vertedoiros.

Ademais dos lumes, temos as “queimas controladas” realizadas pola propia Consellería de Medio Ambiente, utilizadas como técnica preventiva para eliminar mato. Estas queimas prescritas son cuestionadas por algúns científicos, que avogan por outras alternativas para reducir o combustíbel no monte. Tarsy Carballas, do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas do Consello Superior de Investigacións Científicas, nun libro editado pola Consellería, afirma que, “aínda estando ben planificadas e sendo executadas de acordo con esa planificación, causan danos nas capas orgánicas do solo”. A Consellería tamén prende lume cando recorre aos contralumes, incendios creados para frear outro incendio, técnica da que, segundo nos comentan algúns axentes forestais, se está a abusar.

 

Actuar sobre os incendios latentes

Alén das causas próximas, debemos ter en conta as estruturais, as que favorecen a aparición e a extensión dos lumes. Actuarmos sobre elas é imprescindíbel para conseguirmos que haxa menos lumes e que causen menos prexuízos ecolóxicos, económicos e sociais. Nin é posíbel nin é necesario eliminarmos todos os lumes mais si acabarmos coa dimensión catastrófica dos lumes, con esa sorte de “marea negra” que ano após ano castiga os montes da nosa terra. Non nos podemos resignar a aturar un elevadísimo número de lumes e a que se queimen todos os anos decenas de miles de hectáreas.

Entre as causas estruturais temos que destacar o despoboamento do medio rural e o avellentamento da súa poboación (favorecido por políticas que levan ao peche de numerosas explotacións labregas), o abandono dos usos tradicionais do monte (estrume, leñas, pasto,…), a extensión de plantacións forestais de especies de crecemento rápido (piñeiros, eucaliptos), que arden con máis facilidade cás especies propias do país, ou a falta dunha silvicultura de prevención. Todo isto, unido á forte cultura do lume, fai que os nosos montes sexan moi vulnerábeis ao lume.

Da mesma forma que se reforman tramos de estradas para reducir a probabilidade de accidentes de tráfico, parece lóxico actuar sobre os montes para reducir o risco de lumes. Cómpre un ordenamento adecuado do territorio e outra política agroforestal que faga máis difícil o inicio e a propagación dos lumes, ao tempo que promova un desenvolvemento rural ecoloxicamente sustentábel que fixe poboación e lle dea unha mellor calidade de vida.

Aínda que a Consellería de Medio Ambiente non para de repetir que promove unha xestión sustentábel dos montes, a política forestal segue marcada por unha visión moi desequilibrada que practicamente só atende á función produtiva de madeira para as industrias de trituración e marxina as funcións de uso social, de protección ambiental (conservación da diversidade biolóxica, regulación do ciclo hidrolóxico,…) e outros usos de carácter produtivo (madeiras nobres, gando, froitos, biomasa,…). A catástrofe dos incendios debe axudarnos a ver que o monte, que ocupa 2 millóns de hectáreas, máis das dúas terceiras partes do país, e ten unha grande importancia estratéxica en termos económicos e ambientais, precisa unha maior atención do conxunto da sociedade e máis e mellor intervención pública. Que precisamos unha Administración forestal con moitos máis recursos para promover un aproveitamento múltiple e sustentábel dos montes, o que implica tamén a protección especial daquelas zonas de maior interese natural onde deben predominar as funcións de conservación da natureza.

A Consellería tamén non deixa de repetir, esgrimíndoo como un éxito da loita contra os lumes, que a superficie de bosque incrementouse en máis dun 30% nos últimos dez anos, chegando a 1.400.000 hectáreas. A este respecto, en primeiro lugar, é preciso matizar, aínda que pareza chocante, que en Galiza case non temos bosques, en sentido estrito, é dicir, bosques antigos escasamente modificados, que temos algúns bosques seminaturais, e que a maior parte do monte arborado son plantacións de árbores alóctonas, cun avanzo espectacular dos eucaliptais nos últimos anos. En segundo lugar, a utilización do dato anterior revela como na Dirección Xeral de Montes se minusvalora a importancia dos prexuízos ecolóxicos dos incendios en áreas de mato, a pesar de que tamén aumentan a erosión do solo (o máis grave prexuízo ecolóxico dos incendios) e de que poden supor a afección de hábitats e de espazos de grande interese ecolóxico (hai tipos de mato protexidos pola Directiva Hábitats da Unión Europea e desde logo non sería ambientalmente aceptábel a roza masiva do mato).

Case todo o monte arborizado non é obxecto de prácticas de silvicultura, non é obxecto de xestión. A maior parte dos montes galegos carece dunha planificación axeitada e actualizada periodicamente. A Xunta vén de anunciar, a través de catro comunicados, que neste ano concedeu axudas para o fomento da silvicultura e a ordenación de montes arborizados por valor de 5,3 millóns de euros, das que se beneficiarán 22.500 hectáreas. Dous datos serven para valorar a importancia destas cifras: este “inxente” investimento equivale ao que custa construír pouco máis dun quilómetro da vía rápida do Morrazo, actualmente en execución; a superficie afectada representa o 1,6% de toda a superficie arborada do país.

O 68% do monte galego pertence a 650.000 propietarios particulares e está dividido en innumerábeis parcelas de reducida superficie, o que certamente dificulta moito a súa ordenación e xestión. Porén, no monte galego tamén hai latifundios, os montes veciñais en man común, que representan o 30% da superficie. Polas súas súas características (extensión, tipo de propiedade,…) parece razoábel que a promoción da súa xestión sostíbel fose prioritaria para a Xunta, mais está ben lonxe de ser así. Tampouco o é a ampliación sustancial da reducidísima superficie de propiedade pública (ridículo 2% fronte ao 26% no ámbito estatal), principalmente para incorporar ao patrimonio público zonas con alto valor ecolóxico.

 

Podemos vencer o lume

Só unha visión superficial e interesada en ocultar responsabilidades políticas pode reducir o complexo problema dos lumes a un asunto de delincuencia, sen relación coas opcións en materia de política territorial, forestal, agraria. Por suposto, é necesario intensificar o esforzo para perseguir aos incendiarios e denunciar, deter e castigar ao maior número posíbel. Tampouco se pode descoidar a extinción, que hai que mellorar en moitos aspectos. Mais a prevención, a redución da combustibilidade dos montes, a promoción da xestión sostíbel dos montes, debería ser o cerne da estratexia de loita contra os lumes. Se se centran os esforzos na extinción e se marxina a prevención, dase o paradoxo da extinción. Non arde tanto o monte pero temos máis monte para arder, temos un monte cada vez máis vulnerábel. O problema non se resolve, só se atrasa, e teremos que gastar sempre moito en extinción.

Os incendios deberían ser abordados como un “asunto de estado”. Ningún goberno pode resolver os lumes nunha lexislatura. O horizonte da política forestal é de décadas, non de catro anos. Incendios e demagoxia electoralista deberían ser excluíntes. Cómpre un amplo consenso social e político sobre a loita contra os lumes. Infelizmente, os gobernos de Fraga nunca teñen dado ningunha proba de quereren ese consenso. No canto de diálogo e de participación, ofrécese autoritarismo e propaganda.

En 2002, un conxunto de organizacións diversas (do sector forestal, sindicais, ecoloxistas, partidos políticos), xuntáronse para crear un Comité Galego de Defensa do Monte (www.adegagaliza.org/comitemonte/index.html). Dando exemplo do que debería ser feito a nivel de toda a sociedade, rexeitaron o fatalismo, puxeron en común análises e elaboraron un documento que demanda solucións viábeis para vencer o lume. Incídese en cuestións como o cambio da política agroforestal, a educación ambiental, a restauración de áreas queimadas (totalmente esquecida nos Planos INFOGA), a creación dunha Fiscalía de Medio Ambiente ben dotada (tan necesaria para diminuír o altísimo grao de impunidade dos delitos ecolóxicos), a creación dun Consello Forestal Galego como órgano de participación social ou a promoción da certificación forestal FSC. A catástrofe dos lumes non é unha condena. Podemos vencer o lume.

 

*Secretario Executivo da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA)

 

Artigo publicado na revista mensual de información para o debate TEMPOS NOVOS (Nº 88, setembro 2004)

 

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 


ADEGA