Adega
INICIO Áreas temáticas Montes A Sociedade Civil e a certificación forestal
A Sociedade Civil e a certificación forestal PDF Imprimir Correo-e
Envia A Sociedade Civil e a certificación forestal a FaceBookEnvia A Sociedade Civil e a certificación forestal a Twitter

As ONGs españolas de axuda ao desenvolvemento, ecoloxistas e sindicatos apoian o sistema de certificación forestal FSC e expresan a súa posición ante o sistema PEFC (Pan European Forest Certification).

montes1.gifVarias organizacións ecoloxistas, sociais e sindicatos españois reuníronse en Madrid para trataren o tema da certificación forestal no Mundo e expresaren a súa preocupación perante o avanzo de sistemas de certificación rexionais dominados polo sector económico forestal.

O obxectivo da reunión foi determinar os criterios da sociedade civil para asegurar ao/á consumidor/a que os produtos forestais proceden de bosques ben xestionados ou, dito doutro modo, como se promove un “comercio xusto” de produtos forestais. Así, determinaron que hai dous factores básicos que fan que a certificación funcione:

  • a confianza dos/as consumidores/as en que a etiqueta que están comprando garanta verdadeiramente que os produtos forestais proceden de bosques ben xestionados, e

 

  • a confianza da industria en que os requisitos que hai que reunir para conseguir a etiqueta de certificación son similares baixo distintos programas de certificación, para evitar a confusión no mercado.

Durante anos, moitas ONGs e organizacións sociais de todo o mundo impulsaron a certificación da boa xestión forestal como un instrumento eficiente que promove:

  • unha boa xestión forestal que respecte de forma equilibrada os valores sociais, as condicións dos traballadores, a conservación da natureza e o beneficio económico,

  • a preservación da diversidade biolóxica nos bosques xestionados, incluíndo aqueles cun elevado valor de conservación,

  • a transparencia da xestión forestal e do comercio de madeira

  • o beneficio das comunidades locais, traballadores forestais e pobos indíxenas

  • a resolución dos conflitos sociais sobre a propiedade e utilización dos recursos forestais

As organizacións abaixo asinantes achan que:

O FSC (Consello de Administración Forestal ou Forest Stewardship Council) ofrece na actualidade o único sistema de certificación de xestión forestal responsábel que se pode aplicar globalmente, e que por tanto, garante o acceso en condicións de igualdade dos produtos de madeira de todos os continentes aos mercados mundiais de madeira. O FSC baséase na certificación do cumprimento duns niveis mínimos na xestión forestal. Proporciona unha verificación independente e críbel da boa xestión dos bosques, e na actualidade ofrece o único programa de certificación que garante unha xestión forestal comprometida coa natureza, beneficiosa para a sociedade e economicamente viábel.

Ademais, ofrece un seguemento críbel dos produtos desde a unidade de xestión forestal até o/a consumidor/a, gracias á súa rigorosa verificación independente da totalidade da Cadea de Custodia. Ao achegar a produtores/as e consumidores/as, o FSC garante unha participación equitativa dos intereses sociais, ecolóxicos e económicos, e na actualidade conta co apoio das principais ONGs ambientais, sindicatos, grupos sociais, pobos indíxenas, propietarios de bosques privados, comunais e estatais, industrias madeireiras, científicos e numerosos cidadáns, de máis de 60 países de todo o mundo. O FSC é unha organización sen ánimo de lucro aberta a todos os grupos de interese, no ámbito global, rexional, nacional e local. Todo o proceso de tomada de decisións do FSC e da súas iniciativas nacionais e rexionais baséase no equilibrio dos intereses ambientais, sociais e económicos.

Ademáis consideran que :

  • os estatutos, principios e criterios do FSC reflicten claramente e na súa integridade as intencións e acordos internacionais do Cumio do Rio de Janeiro de 1992,

  • os estatutos, principios e criterios do FSC configuran a base sobre a que se debe desenvolver calquera iniciativa de certificación ou establecemento de estándares no ámbito global,

  • os estándares do FSC constitúen os requisitos mínimos para calquera xestión de bosques de calquera parte do mundo,

  • os procedementos e requisitos de certificación do FSC constitúen os requisitos mínimos para calquera certificación críbel de xestión de bosques,

  • os procedementos e requisitos de certificación do FSC constitúen os requisitos mínimos para calquera certificación críbel da cadea de custodia, e

  • os estatutos, os principios e criterios, e o sistema de acreditación do FSC constitúen os requisitos mínimos e un marco adecuado para os acordos globais que recoñezan a equivalencia entre sistemas de certificación.

No tocante á chegada a España de sistemas de certificación forestal como o Pan-European Forest Certification Sistem (PEFC) que está xa operativo en varios países europeos como Finlandia, Noruega, Alemaña e Austria, as organizacións abaixo asinantes afirman que:

  • A certificación PEFC non demostrou que garanta unha mellora significativa da xestión de bosques en Europa.
  • A certificación PEFC non demostrou que garanta os dereitos dos pobos indíxenas, como os pastores de renos en Finlandia.
  • A PEFC non respecta as recomendacións do Cumio do Rio 92, expresada na Axenda 21, de propiciar a participación de todos os grupos de interese de forma equitativa.
  • A PEFC non asegura a compatibilidade internacional do sistema e crea problemas para un recoñecemento global.
  • En España, os estándares que se están desenvolvendo no marco do PEFC non recollen con suficiente rigor os criterios e requerimentos para unha adecuada gestión forestal.

Por todo o anterior, as organizacións asinantes sinalan que na actualidade a PEFC non fornece un sistema de certificación aceptábel de boa xestión forestal.

Organizacións asinantes:

Greenpeace

Ecologistas en Acción

SEO/Birdlife

Coordinadora Estatal de Comercio Justo

Coord. Esp. ONGs para el Desarrollo

Comisiones Obreras

Amazònia Assemblea de Solidaritat

Federación Ecoloxista Galega

 

WWF/Adena


Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 


ADEGA