Adega
INICIO Áreas temáticas Litoral A Xestión Integrada do Litoral
A Xestión Integrada do Litoral PDF Imprimir Correo-e
Envia A Xestión Integrada do Litoral a FaceBookEnvia A Xestión Integrada do Litoral a Twitter

É imposíbel regular e protexer os litoriais sen ter ben presente que no litoral confluen un montón de actividades, cada unha das cales é obxecto de normas diferentes e está tutelada por administracións diferentes.

Segundo a Axéncia Europea de MA no litoral incide todo tipo de actividades: residuos industriais e urbanos, turism, planificación e ordenación urbana, dragados, infraestruturas de transporte, navegación e portos, agricultura, silvicultura, explotación de xacimentos nos fondos mariños, explotacións mineiras e de áridos, actividades deportivas e recreativas, infraestruturas de loita contra as inundacións, pesca... Xestionar o litoral dunha forma sustentábel implica ter en conta todas estas actividades, integra-las nos instrumentos de xestión, os plans e programas, e a isto se refere unha Resolución sobre a xestión integrado do litoral na UE, aprobada pola Comisión europea o pasado febreiro.

Pero o importante é cómo facer esta xestión integral. Segundo esta resolución hai que ter unha perspectiva ampla e global, temática e cartográfica, unha perspectiva a longo prazo, un coñecemento das características locais, a participación de toda a sociedade e os axentes locais e o apoio e a participación de todas as institucións implicadas na xestión.

Para iso, en primeiro lugar, suxire a realización dun inventário rexional no cal se cubrirán os aspectos administrativos e se describirá o papel dos cidadáns, das organizacións non gubernamentais e do sector privado através de organizacións empresariais ou de traballadores. Nese inventário, di a UE tamén, deberán ter-se en conta o estado da pesca, os transportes, a enerxia, a xestión de recursos... todo o mencionado antes, e, en función dos resultados dese inventário, deberase elaborar unha estratexia rexional para poder aplicar eses principios.

Esa estratéxia tamén deberá definir a mestura de instrumentos, por exemplo, planos estratéxicos que integren a xestión urbanística, planos de prevención das emisións e vertidos contaminantes, ou de calquera dos elementos antes citados. Deberá-se determinar que fontes de financiamento a longo prazo vai ter esa xestión integrada do litoral e estabelecer tamén a necesidade de que estes instrumentos, estas leis e programas, sexan obxecto de pactos transelectorais, xa que é un requisito importante que estes instrumentos teñan unha proxeción no meio e longo prazo.

Resumindo, a xestión integrada do litoral esixe leis que, en cumprimento do principio de integración obriguen a se coordinaren ás distintas administracións públicas, sexan o Ministerio de Fomento, de Economia e Facenda, de Medio Ambiente, de Agricultura, Pesca e Alimentación, ou de Industria e Enerxia, ou as consellerias equiparábeis en cada unha das CCAA, os concellos e toda a sociedade civil. Evidentemente, a participación pública en todo este proceso é un factor crucial.

Por outra banda, os dados científicos derivados dos inventarios de recursos, segundo esta resolución, han de permitir obter uns indicadores ou expresións moi breves que permitan á opinión publica ter claro cal é o nível de calidade ambiental das zonas. Nestes intres, se tiveramos que lles pór nota ás rias, non saberiamos como face-lo, e non o sabemos porque non están centralizados nen son homoxéneos os dados científicos que permitirian coñecer realmente o estado, a presión e a tendéncia dos recursos naturais en cada zona.

Cando falamos de todo isto podemos pensar que é algo teórico, pouco práctico ou moi pouco achegado ao terreo. Non é certo. No ámbito europeo, Bretaña é un exemplo no que seguramente se poderian atopar elementos de inspiración, ou mesmo de colaboración. A idea de Bretaña partiu da instauración do que se chama o Observatorio dos Recursos Litorais, que é unha especie de instituto que se formou como unha empresa pública con participación social de diversas entidades: corporacións, sindicais, patronais, etc, e ese observatório canaliza os fondos destinados á investigación. Bretaña prevé rematar en xullo o seu inventário e o borrador inicial do programa de xestión do litoral. É evidente que Bretaña adicou a isto dous anos de esforzo, traballando intensamente, con consellerias coordinadas e unha sociedade que esixe estas funcións aos seus poderes públicos. Nunha situación asi póden-se facer moitas cousas.

Non nos serve, sin embargo, o camiño que marca o proxecto de lei de calidade das augas da Xunta de Galicia. É, sobre todo, unha lei que resposta aos critérios que deberiamos ter implantado hai moito tempo, e é moi parcial, xa que cubre a novena parte dos problemas das rias, faltando outras oito novenas partes para poder ter en común o que seria un conxunto de estratéxias integradas para o litoral.

 

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 


ADEGA