Adega
INICIO Áreas temáticas Litoral O Parque Nacional das Illas Atlánticas: Interese biolóxico
O Parque Nacional das Illas Atlánticas: Interese biolóxico PDF Imprimir Correo-e
Envia O Parque Nacional das Illas Atlánticas: Interese biolóxico a FaceBookEnvia O Parque Nacional das Illas Atlánticas: Interese biolóxico a Twitter

Probablemente unha das mais relevantes novidades producidas ultimamente en Galiza no campo do meio ambiente é a posible declaración das illas atlánticas como “Parque Nacional”. Ainda que semella que nun principio as illas a incluir no devandito Parque eran as Cies, Ons e Onza, Lobeiras e Sisargas, parece que finalmente ficou desvotada a inclusión desta última. Con este artigo pretendemos facer unha primeira avaliación do interese biolóxico que encerran estas illas no que se refire á súa flora e vexetación.

cies.jpgDesde o ponto de vista fitoxeográfico estas illas estan situadas no sector Galaico-Portugués da Provincia Cántabro-Atlántica, dentro da Rexión Eurosiberiana, onden fan parte do chamado piso ou horizonte bioclimático termocolino que é o mais cálido da Europa atlántica. Isto conleva que a nivel de flora e vexetación estas illas sexan por unha banda tipicamente atlánticas e polo tanto presenten estreitas relacións con outras áreas atlánticas europeas, especialmente a través das costas occidentais francesas, das illas británicas e da cornixa cantábrica. Son exemplo disto plantas como Rumex rupestris Le Gall ou Rumex acetosa subsp. bifformis (Lange) Castrov. & Valdés-Bermejo, esta última recentemente localizada en Cornualles, e asociacións vexetais como o Bostrychio-Halimonietum portulacoidis, que coloniza os bordos das áreas asulagadas dos esteiros.

Por outra banda, estas illas disfrutan dunha relevante influencia mediterránea que basicamente lles chega a través da costa portuguesa. Exemplo disto son plantas como Corema album (L.) D. Don ou Calendula suffruticosa Vahl subsp. algarbiensis (Boiss.) Nyman e comunidades vexetais como a asociación de dunas secundarias Iberidetum procumbentis Bellot 1968).

No que se refire á flora, o interese que presentan estas illas é moi destacable se temos en conta que os ecosistemas costeiros, nomeadamente os complexos praia-duna e os cantís, é onde, en comparación con outros medios, se acha o meirande número de plantas raras e ameazadas da Galiza. Tal e como podemos ollar na táboa 1, nestas illas podemos achar 19 especies e subespecies dun total de pouco mais de 100 que van ser recolleitas no Libro Vermello da flora galega que está actualmente en fase de elaboración, e delas 6 (serían 7 de estar xa publicada a descripción da especie Cytisus atlanticus) serán recollidas na Lista Vermella do Estado Español que está tamén en fase de elaboración e no que de xeito moi estricto só se incluen aquelas especies e subespecies catalogadas como mínimo como vulnerables de acordo cos últimos criterios da IUCN (1994).

Entre todas esas plantas destaca Rumex rupestris, un endemismo atlántico que vive preferentemente en cantis e do que, aparte das escasas poboacións galegas centradas sobre todo nestas illas, só se conservan algunhas poboacións na Bretaña francesa e Cornualles amais de duas poboacións en Gales.

Un caso similar é o de Linaria arenaria, unha planta que vive en áreas costeiras e da que, amais das escasas poboacións galegas, existen algunhas poboacións na costa occidental de Francia.

Con todo, probablemente a planta mais emblemática destas illas é Cytisus atlanticus, unha xesta recentemente descuberta pois se viña confundindo con Cytisus striatus (Hill) Rothm., unha xesta moi común en Galiza. Coñece-se polo momento nas illas de Ons, onde estan as súas mellores poboacións, e Sálvora. Polo propio feito de ser esta unha planta leñosa que pode sobardar os 2 metros de altura e por ter unha área tan restrinxida é unha das plantas de meirande interese entre a flora rara e ameazada da Galiza, se non a que mais, polo que constituirá un dos valores biolóxicos mais relevantes do futuro Parque.

Outras plantas de interese presentes nestas illas son por, exemplo, Centaurium scilloides (L. fil.) Samp., Iberis procumbens Lange ou Silene littorea Brot.,

Desde o ponto de vista da vexetación o interese destas illas semella menor que o da súa flora. Como corresponde á súa escasa superficie, a diversidade de habitats e, polo tanto, de comunidades vexetais non é moi destacable. De todas as comunidades vexetais probablemente as de meirande interese son, ao igual que ocorría coa flora, as dos cantis e dos complexos praia-duna con asociacións de área de distribución reducida como os pasteiros graminoides aero-halófilos da asociación Crithmo-Armerietum pubigerae e a asociación halo-casmofítica Dauco-Festucetum pruinosae, ambalas duas dos cantis. Nos complexos praia-duna sobrancean pola súa área reducida as comunidades das dunas estabilizadas entre as que se poden recoñecer comunidades leñosas (Iberidetum procumbentis), pasteiros vivaces (Violo-Silenetum littoreae) e pasteiros anuais (Linario-Corynephoretum canescentis) amais dunha matogueira que coloniza os puntos mais alonxados da praia que, de entre estas illas, só poderemos achar nas Cies: o Ulici-Coremetum albae. De todas estas, as catro primeiras estan presentes basicamente na Galiza e no Norte de Portugal mentres que as outras duas son case exclusivamente galaicas.

As comunidades vexetais que ocupan unha meirande superficie nestas illas son igualmente de área de distribución reducida: as matogueiras de toxo e carpazas da asociación Cisto salvifolii-Ulicetum humili, presente nas zonas costeiras do Sul da Galiza e Norte de Portugal. Esta aparece intercalada coas matogueiras moderadamente higrófilas da asociación Cirsio filipenduli-Ericetum ciliaris.

Polo tanto, e pese á práctica total ausencia do bosque potencial que neste caso sería unha facies termófila da asociación Rusco-Quercetum roboris, en conxunto podemos afirmar que o valor destas illas, no que atinxe á súa vexetación, non é en absoluto despreciable se temos en conta que a meirande parte da súa superficie está colonizada por comunidades vexetais singulares que, debido á súa reducida área de dispersión, merecen ser protexidas.

Nunha valoración global pode-se dicer que ainda que moitas das especies e subespecies e asociacións vexetais destas illas estan presentes noutros puntos da costa de Galiza, aquelas albergan unha representación importante da flora e vexetación do noso litoral, de xeito moi especial algunhas das plantas de meirande interese desde o ponto de vista da conservación como antes vimos. Se a isto acrecentamos as avantaxes comparativas que ofrecen as illas á hora de constituir unha área protexida pola facilidade de control de visitantes, contaminación, invasións de plantas alóctonas, etc., podemos concluir que a elección das mesmas para a constitución do Parque, ainda que posiblemente precipitada e pouco meditada pola administración, finalmente semella mais acertada do que nun principio poidese parecer ao menos desde a óptica da flora e a vexetación.

Ainda recoñecendo isto, é importante suliñar como teñen feito outros estudiosos do medio ambiente, que sería recomendable a inclusión no Parque doutras áreas costeiras continentais do entorno destas illas de similar valor ecolóxico.

Taboa 1. Especies e subespecies presentes nas illas atlánticas que estan recollidas no Libro Vermello da flora galega e na “Lista Roja de la flora española”, ambos en proceso de elaboración.

Especies e subespecies

Livro vermello Galiza

Lista vermella Estado Español

Alyssum loiseleurii P. Fourn. (?)

*

*

Angelica pachycarpa Lange

*

 

Antirrhinum majus subsp. linkianum (Boiss. & Reuter) Rothm. (?)

*

*

Armeria pubigera (Desf.) Boiss.

*

 

Armeria pungens (Link) Hoffmanns. & Link

*

 

Asparagus officinalis subsp. prostratus (Dumort.) Corb.

*

 

Chaetopogon fasciculatus subsp. prostratus (Hackel & Lange) Laínz (?)

*

*

Corema album (L.) Don

*

 

Cytisus atlanticus S. Ortiz & Rodr. Oubiña, ined.

*

 

Leucanthemum merinoi Vogt & Castrov.

*

 

Leucanthemum pluriflorum Pau

*

 

Linaria arenaria DC.

*

*

Mibora minima subsp. littorea (Samp.) S. Ortiz & Rodr. Oubiña

*

 

Otanthus maritimus (L.) Hoffmanns. & Link

*

 

Rumex acetosa subsp. bifformis (Lange) Castrov. & Valdés-Bermejo

*

 

Rumex rupestris Le Gall

*

*

Scilla merinoi S. Ortiz, Rodr. Oubiña & Izco

*

 

Spergularia australis (Samp.) Prain

*

*

Ulex europaeus subsp. latebracteatus (Mariz) Rothm.

*

 

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 


ADEGA