Galiza, territorio desnuclearizado |
6 de setembro de 2006. O Parlamento Galego ven de aprobar, coa unanimidade dos tres grupos, unha proposición non de Lei do BNG que declara Galiza como TERRITORIO DESNUCLEARIZADO. Isto implica que no noso país non se poderán construir centrais nucleares, nin cemiterios de refugallos –eufemísticamente chamados Almacéns Temporais Centralizados-, así como impedir o paso polo noso mar e aire de naves con refugallos ou armamento nuclear. Ínstase tamén ao goberno central a abandonar o uso da enerxía nuclear e a apostar por fontes alternativas.
Esta decisión do Parlamento resposta ao anceio da cidadanía galega que, dende o ano 1973 coa loita contra a a instalación da Central Nuclear de Xove e coas grandes mobilizacións dos anos 1981 e 1982 contra os vertidos radiactivos na foxa atlántica, expresou claramente a súa vontade de rexeitar no noso país calquera tipo de instalación derivada do uso da enerxía nuclear. ADEGA congratúlase desta decisión, agardando que o governo do estado, ao fío tamén do expresado polo seu Presidente, manteña por unha banda o seu compromiso de non construir máis centrais nucleares e, por outra, respecte a decisión unánime do máximo órgano da soberanía popular de Galiza. Neste senso, ADEGA vixiará porque esta declaración non quede valeira de contido nen sexa desouvida atendendo a “intereses xerais” alleos á cidadanía e ao medio ambiente de Galiza.
ADEGA quere lembrar finalmente que hai alternativas á enerxía nuclear e que os fondos públicos consumidos na construcción de centrais e na xestión dos seus refugallos son moito máis rendíbeis investidos no aforro e a eficiencia enerxética, a promoción e a investigación en fontes de enerxía renovábeis. |