Adega
INICIO Áreas temáticas Enerxía Benvido Míster Átomo! Refugallos nucleares por postos de traballo
Benvido Míster Átomo! Refugallos nucleares por postos de traballo PDF Imprimir Correo-e
Envia Benvido Míster Átomo! Refugallos nucleares por postos de traballo a FaceBookEnvia Benvido Míster Átomo! Refugallos nucleares por postos de traballo a Twitter
nuke2.gif
3 de agosto de 2006. Estes días, o ministerio de Industria está promovendo unha campaña publicitaria para captar concellos que alberguen o Almacén Temporal Centralizado (ATC) para os refugallos das nucleares. Aliás, vén de sancionar con 1,6 millóns de € á central de Vandellós II por tres infracións graves no “incidente” do 25/8/2004. Estes novos episodios do “culebrón” nuclear poñen en evidencia as graves eivas desta tecnoloxía e a falta de control da propia administración sobre a todopoderosa industria nuclear. ADEGA insiste na necesidade de abandonar a enerxía nuclear e poñer data de caducidade ás centrais actuais. As empresas deben ser as responsábeis de xestionar os seus refugallos onde os producen e non socializar os riscos e custos do seu tratamento.

O 14 de decembro de 2004 o Congreso aprobaba na Comisión de Industria a construción dun Almacén Temporal Centralizado (ATC) para os residuos nucleares de alta actividade e longa vida (os provintes das centrais nucleares). Até o de agora, o combustíbel gastado e outros refugallos radiactivos eran depositados en Almacéns Transitorios Individuais (ATIs) nas propias centrais. No ano 2000 entrou en funcionamento o cemiterio nuclear de Trillo (Guadalaxara) e xa hai un proxecto de ATI para central de Zorita que se pechou este ano. No entanto, os refugallos de alta actividade de Vandellós I (Tarragona) que se enviaron a reprocesar a Franza tralo accidente de 1989 teñen que volver a España antes de 2011, baixo multa de 57.000 € por cada día de retraso. Isto significa que para entón ten xa que estar habilitado algún xeito de facerse cargo destes refugallos. Tamén no 2009 e 2010 expiran os permisos provisionais de explotación de Garoña (Burgos) e Almaraz (Cáceres) e no 2013 encherase a piscina de combustíbel gastado de Ascó I (Tarragona).

É por isto que o governo español aprobou o pasado 23 de xuño o VI Plan Xeral de Residuos Radiactivos e a constitución dunha comisión interministerial para promover o Almacén Temporal Centralizado. De seguido, comenza unha “florida” campaña na prensa escrita con anuncios solicitando concellos candidatos para a ubicación do Almacén Temporal Centralizado a cambio, para millor convencer, de importantes compensacións en dotacións e infraestruturas, postos de traballo ou beneficios económicos. Aos poucos días apareceron xa ofertas coma a de Peque (Zamora) que suscitou o rexeitamento dalgúns concellos galegos veciños á comarca de Sanabria. No entanto non debemos descartar que en Galiza poida aparecer algún governo municipal disposto a sumarse ao “negocio” dos investimentos e dotacións prometidas.

Dende ADEGA queremos adiantarnos a este debate expoñendo os principais argumentos en contra dun modelo de xestión dos refugallos radiactivos das nucleares que traslada á cidadanía a responsabilidade da súa xestión, ficando a industria só cos beneficios xerados.

Os refugallos radiactivos: un problema innecesario de difícil solución
No estado español, os isótopos radiactivos úsanse actualmente en aplicacións médicas, en control de calidade e investigación de materiais, en datacións arqueolóxicas, en investigacións na física de partículas, etc. Pero é a industria da xeneración eléctrica nuclear a que produce a meirande parte dos de maior actividade e longa vida. Segundo datos do sector prodúcense anualmente unhas 1.700 Tm de refugallos radiactivos acadando, segundo os tipos, as seguintes cifras e previsións:

Periodo Residuos de baixa e media actividade (vida media ? 30 anos)
Combustíbel gastado e residuos de alta actividade (vida media > 30 anos)
Até 31/12/2005 37.200 m3 3.370 toneladas
Até o final da vida útil das CC.NN 176.000 m3 19.571 toneladas de elementos combustíbeis (6.774 toneladas de U) ocupando un volume de 12.800 m3

Destes refugallos os de media e baixa actividade almacénanse nas instalacións de ENRESA en El Cabril (Córdoba) e o combustíbel gastado e de demáis refugallos de alta actividade almacénanse nas piscinas de cada unha das centrais nucleares. O ATC será, segundo as intencións do governo, o lugar onde gardar os refugallos durante uns 100 anos, suficiente para que os que fixemos uso da electricidade nuclear, os políticos que tomaron a decisión de construir centrais e os que se lucraron con elas xa non conten, e deste xeito deixar ás vindeiras xeracións a papeleta de xestionar os materiais radiactivos. A vida media destes isótopos oscila entre os 70.000 anos do 90Sr até os 4.470 millóns de anos do 238U. Portanto, alén da insolidariedade coas xeracións futuras, xestionar estes refugallos durante tanto tempo precisa dunhas condicións de estabilidade (xeolóxica, social…) que ninguén pode garantir, convertíndose nunha hipoteca para o futuro do planeta.

A enerxía nuclear: un proceso tamén éticamente suxo
Outros aspectos sobre os que ADEGA convida a reflexionar á hora de plantexar a opción nuclear e as alternativas para xestionar os seus refugallos son:
-O sector nuclear ten importantes vencellos coa industria bélica e as armas atómicas. As centrais nucleares son instalacións necesarias para a obtención do compoñente principal das bombas: o uranio enriquecido ou o plutonio. A recente crise iraniana polas pretensións deste país de comenzar un programa de enriquecimento de uranio é un bo exemplo.
-Os promotores e xestores da enerxia nuclear teñen amosado en moitas ocasións a súa irresponsabilidade e desinterés polas consecuencias do seu negocio. Cómpre lembrar as moitas mobilizacións sociais que fixeron falta para paralizar o vertido de refugallos radiactivos na foxa atlántica ou os anteriores proxectos de almacenamento xeolóxico profundo, que trataban simplemente de desentenderse para sempre dos residuos radiactivos sen ningunha preocupación polas consecuencias ambientais e de saúde. En ADEGA pensamos que isto mesmo é o que pretenden agora as empresas da xeración nuclear con este Almacén Temporal Centralizado. Outro exemplo de irresponsabilidade por parte das empresas á hora de xestionar os seus “incidentes” é a recente multa de 1,6 millóns de € que o Ministerio de Industria ven de impoñer á central de Vandellós II (Endesa-Iberdrola). O “suceso”, un fallo grave no circuito de refrixeración esencial, foi calificado no seu día (agosto de 2004) polo Consello de Seguridade Nuclear como o segundo máis grave na historia da enerxía nuclear en España, despois do accidente de Vandellós I en 1989 e que provocou o seu peche. Con todo, esta multa parécenos ridícula e pouco disuasoria porque Vandellós II factura diariamente 2,4 millóns de €. Alén diso, o réxime sancionador das infraccións á seguridade nuclear emana dunha lei franquista: a Lei 25 sobre Enerxía Nuclear de 1964.
-Sería bon non esquencer tampouco a total imprevisión das nucleares con relación, precisamente, aos refugallos que xeran. Por exemplo, a central nuclear de Trillo saturou no 2003 a súa capacidade de almacenamento tendo que improvisar sitio suplementario. Case todas as demáis necesitarán tamén de almacén suplementario antes do 2010, por non dicer que ningunha delas pensou responsabilizarse dos refugallos procedentes do seu desmantelamento ao final da súa vida útil: os refugallos de Vandellós I e Garoña foron mandados fóra e terán que retornar a España antes de 2010.

Propostas de ADEGA
Logo de desbotados por razóns obvias (que até hai pouco non o eran tanto) o abandono dos refugallos radiactivos no fondo do mar ou da terra, plantéxase agora a cuestión do almacenamento temporal centralizado. No entanto, co ATC as empresas eléctricas seguen tratando de desprenderse da responsabilidade xestionar os seus refugallos pretendendo transferila ao conxunto da sociedade, liberándose de paso dos enormes custos que vai representar manter durante anos este depósito centralizado. Esta alternativa resulta, pois, éticamente inaceptábel e socialmente inxusta. Por outra banda, non serve de nada planificar un depósito centralizado de refugallos radiactivos se previamente non decidimos sobre o futuro da enerxía nuclear, pois, entre outras cousas, será imposíbel saber a cantidade de refugallos que necesitaremos xestionar.

A este respeito, ADEGA propón:
-Establecer un calendario para o abandono da enerxía nuclear antes de decidir sobre o almacenamento centralizado dos refugallos.

-Mentras, deben ser as nucleares as que como até de agora, se sigan facendo cargo da xestión dos seus propios refugallos de xeito que:

a) se almacenen onde se produzan, isto é, nas propias centrais, evitando o trasego de materiais radiactivos.
b) se almacenen de xeito accesíbel (para permitir a inspección e o mantemento), vixiado (para detectar inmediatamente calquera eiva) e recuperábel (para poder acceder a eles de inmediato).

-A industria nuclear deberá afrontar os custos derivados da xestión dos refugallos e do eventual desmantelamento das centrais. A cidadanía non ten por que pagar esta fatura, que na actualidade repercute no noso recibo eléctrico, violando o principio de “quen contamina, paga”.

Sobre a oferta do Concello de Peque (Zamora):
En canto á oferta do concello de Peque (Zamora) para a ubicación neste término municipal do ATC, entendemos a preocupación do Sr. Alcalde por millorar a calidade de vida e o nivel de emprego de todos os habitantes do concello. Ten o alcalde de Peque toda a razón en reivindicar estes dereitos, pero non podemos aceptar que se faga a costa de poñer en risco a seguridade e a saúde pública para que a cambio as empresas da enerxía nuclear podan seguir acumulando máis e máis beneficios. Convidamos ao Sr. Alcalde a procurar outras alternativas sustentábeis para o de desnvolvemento da súa vila. Para isto, contará de seguro con todo o apoio dunha cidadanía galega que xa nos anos 80 se mobilizou masivamente en contra dos vertidos radiactivos na foxa atlántica.
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 


ADEGA