Adega
INICIO Áreas temáticas Enerxía Nucleares e Quioto: a estratexia do engano
Nucleares e Quioto: a estratexia do engano PDF Imprimir Correo-e
Envia Nucleares e Quioto: a estratexia do engano a FaceBookEnvia Nucleares e Quioto: a estratexia do engano a Twitter
nuclear.jpgCon motivo da parada definitiva da central nuclear de Zorita o pasado 30 de abril, e fronte ás voces que coa excusa de cumprir con Quioto e frear o cambio climático queren resucitar o negocio da industria nuclear, ADEGA volta a insistir que A OPCIÓN NUCLEAR SEGUE A SER TOTALMENTE INACEITÁBEL, tanto dende o punto de vista ambiental, da saúde e da solidariedade, como dende o punto de vista económico e da seguridade. Non queremos nucleares a cambio de térmicas. A alternativa: renovábeis, aforro e eficiencia.

A central nuclear José Cabrera, máis coñecida como Zorita (Cidade Real) deixou definitivamente de funcionar a partir das 23:30 horas deste 30 de abril, en virtude dun acordo do ano 2002 da Comisión de Industria do Parlamento. Remata así parte dun longo pesadelo de case 40 anos (quedan aínda 9 até o seu completo desmantelamento), mais o mal soño da enerxía nuclear e dos seus refugallos parece non ter fin. 

Neste 2006 cúmprese tamén o 20 cabodano do accidente de Chernobil, a meirande catástrofe nuclear civil da historia até o momento, que causou xa unhas 200.000 mortes segundo informes independentes, e aínda seguirá a provocar máis no futuro. Non queremos tampouco deixar pasar a ocasión de lembrar que en Galiza temos tamén experiencia no que atinxe á loita contra a ameaza nuclear: a finais dos anos 70 e grazas ás accións de ADEGA e doutros colectivos sociais, conseguiuse rexeitar a proxectada central nuclear de Xove (Lugo) así como parar o vertido de refugallos radioactivos na foxa atlántica (anos 86 e 87). É que non imos aprender dos erros do pasado?; até cando imos ter sobre as nosas cabezas e as dos nosos fill@s, net@s... esta ameaza?.

A central que agora se ven de pechar tiña instalados 160 MW de potencia eléctrica e entrou en funcionamento no ano 1968 ao abeiro do “desarrollismo” do rexime franquista. Estaba integrada por un reactor de primeira xeración de auga a presión, con graves defectos en canto a materiais e deseño, que posteriormente durante a súa vida útil bateu o récord de incidentes e paradas de todas as centrais do estado. No 1994 se detectaron ademáis serios problemas de corrosión no xerador de vapor e na tapa do reactor, que foi substituida 3 anos despois. Tamén  durante  casi todo o 2004 o reactor estivo parado para substituir o combustíbel, detectándose entón graves fallas nunha bomba de refrixeración. Mesmo chegou a caer un parafuso ao reactor. Todos estes “inconvintes” e “incidentes” poñen de manifesto o risco que supoñen estas instalacións, verdadeiras “ruletas rusas” que xogan co medio ambiente e a saúde de varias xeracións. Agora ademáis, semella que tamén se quere confundir á opinión pública ao tentar presentar ás nucleares como única alternativa para o cumprimento do Protocolo de Quioto e a loita contra o cambio climático. Neste senso, e perante o debate social que está suscitando a volta á enerxía nuclear ADEGA quere manifestar o segiuinte:

En relación ao cambio climático, de ningún xeito é certo que as nucleares evitan a emisión dióxido de carbono. A extracción e enriquecimento do uranio e a construcción da propia central son procesos que comportan elevadas emisións de dióxido de carbono. Alén disto, o uranio é un recurso non renovábel que hai que importar, co que o un territorio que aposta pola nuclear pasaría a facerse fortemente dependente deste mineral e porén das empresas que controlan o seu comercio a nível mundial. En Franza, onde a industria nuclear supón o 80% da xeración eléctrica, non se están a cumprir os obxectivos de Quioto. Mentras, Alemaña que decidíu abandonar a nuclear e apostar polas enerxías renovábeis, ten acadado os obxectivos de reducción das súas emisións de GEIs. Cómpre lembrar que Alemaña é o país de Europa con meirande potencia eólica e fotovoltaica instalada, anque os seus recursos de vento e sol son moi inferiores aos de España. No entanto, os obxectivos de Quioto aínda que referenciados aos estados, atinxen ás empresas emisoras (térmicas de carbón, fundamentalmente) das que por certo, en Galiza fican as máis contaminantes de Europa. E qué empresa se prantexa reducir os seus beneficios para ver de contaminar menos?. Queren manter intactas as inmensas plusvalías que durante décadas obtiveron a costa de contaminar a caño libre o noso País. Porén se non poden acadar máis cuota, ou non queren gastar demasiado no mercado das emisións, o recurso das nucleares convírtese xa que logo na solución perfeita. Nada se fala, no entanto, do aforro e da eficiencia enerxética como método para conter a demanda desbocada (e interesada) de enerxía.

Dende o punto de vista da saúde, non podemos esquecer os graves riscos dos probábeis escapes e variados “incidentes” que poidan producirse durante o funcionamento da central, nen tampouco a perigosidade dos seus residuos radiactivos. Ademáis, estes riscos se transfiren ás xeneracións futuras por moitos milleiros de anos. A xestión dos refugallos nucleares está moi lonxe de ser resolta: é absolutamente insolidario pensar en trasladar ás xeracións futuras os problemas producidos pola nosa inconsciencia e despilfarro actuais. Nestes intres, o estado español está considerando diversas opcións para un depósito temporal de refugallos nucleares de alta actividade. Non sería estrano que unha das posíbeis ubicacións fose Galiza pola súas especiais características xeolóxicas, aínda que a recente modificación da categoría sísmica do noso territorio poida ter contribuido a desviar a atención do CSN (Consello de Seguridade Nuclear) cara outros territorios. Neste senso, ADEGA ten proposto diante da Comisión para a Reforma do Estatuto a declaración de Galiza como territorio desnuclearizado, isto é, libre de instalacións de produción, enriquecimento ou armacenamento de combustíbel e refugallos nucleares, polo perigo que entranan tanto para as xeracións actuais como para as futuras.

Dende o punto de vista da seguridade, os numerosos accidentes que se teñen producido en reactores de todo o mundo, do que o de Chernobil (1986) foi exemplo máis dramático, demostran que por moitas que sexan as medidas de seguridade e a prevención, a probabilidade dun accidente de fatais consecuencias sempre existe. A tecnoloxía nuclear está hoxe moi lonxe de ser segura, e as probabilidades estatísticas dun accidente son un factor real a ter en conta, como o demonstra a obrigatoriedade dos planos de emerxencia nuclear alí onde se asenta unha central. Tamén debemos ter presente que a implantación da tecnoloxía nuclear civil conduce á disponibilidade de combustíbel para as armas atómicas. Velaí está a crise (de momento diplomática) co actual governo iraniano polas pretensións deste de acceder á tecnoloxía nuclear de uso civil.

Finalmente, ademáis destes argumentos, aínda debemos considerar tamén o elevado custo económico da opción nuclear que só é rendíbel para as empresas eléctricas na medida en que os gastos da producción e xestión do uranio así como o alto custo da xestión dos refugallos están socializados, isto é, corren a cargo dos orzamentos do Estado, é dicer, á conta de tod@s nós.

Dende ADEGA reafirmámonos hoxe nos mesmos argumentos que no 1977 cimentaron a consciencia antinuclear de Galiza na marcha de Viveiro a Xove en contra da proxectada central na Mariña, e cos que nos anos 1986 e 1987 mobilizaron á sociedade galega en contra dos vertidos radiactivos na foxa atlántica. Por iso, ADEGA ven de solicitar ao Parlamento de Galiza e ao governo da Xunta que no texto do Estatuto se declare expresamente a vontade decidida dos galegos e galegas de termos unha terra libre do pesadelo nuclear.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 


ADEGA