Adega
INICIO Áreas temáticas Enerxía Alegacións de ADEGA á modificación do Plano Sectorial Eólico de Galiza
Alegacións de ADEGA á modificación do Plano Sectorial Eólico de Galiza PDF Imprimir Correo-e
Envia Alegacións de ADEGA á modificación do Plano Sectorial Eólico de Galiza a FaceBookEnvia Alegacións de ADEGA á modificación do Plano Sectorial Eólico de Galiza a Twitter

A Modificación non corrixe as graves deficiencias ambientais que presenta o Plano Sectorial Eólico vixente, principalmente por non preservar da instalación de parques eólicos as zonas de maior valor ecolóxico. A Modificación presentada non incorpora as necesarias consideracións ambientais, desprezando a posibilidade de reformular o Plano asumindo criterios esixentes de respecto á natureza, o que maximizaría os seus beneficios ambientais.

A Modificación agrava aínda máis os efectos negativos sobre o medio natural do Plano Eólico, que está provocando, e seguirá a provocar de se aprobar a Modificación proposta, importantes prexuízos ambientais en numerosos espacios de interese natural de todo o territorio do noso país. Neste senso, non podemos deixar de sinalar que nos parece un sarcasmo afirmar, como fai a Modificación referíndose á realidade galega, que a enerxía eólica constitúe “una explotación de recursos naturales autóctonos de escasa agresión medioambiental”.

  • A enerxía eólica é renovábel e non contribúe ao aumento do efeito invernadeiro que provoca o cambio climático, polo que, en principio, mostra vantaxes ambientais fronte ás enerxías que se obteñen da combustión de carbón, pretróleo ou gas natural, vantaxes que comparte coa enerxia hidráulica. Pero ao igual que esta, non está exenta de impactos ambientais, os cais van depender de onde, de como e de cantos parques eólicos se instalen. No caso de Galiza, estes impactos ambientais están a ser moi considerábeis, como consecuencia dunha planificación ambientalmente incorrecta e autoritaria da instalación dos parques eólicos.

  • É conveniente que o conxunto do Plano Sectorial Eólico sexa sometido a unha avaliación ambiental estratéxica imparcial e rigorosa que valore o seu impacto no medio natural. A avaliación individual de cada un dos proxectos de parques eólicos (que ademais non ten en conta o impacto dos tendidos eléctricos necesarios para a evacuación da electricidade xerada) é unha ferramenta claramente insuficiente para valorar e minimizar a incidencia ambiental negativa do Plano.

  • Deberían ser excluídos de entrada como espacios susceptíbeis de albergaren parques eólicos alomenos todos aqueles espacios naturais que son obxecto dalgunha figura de protección legal (parques, réxime de protección xeral,...). É necesario definir, coa participación de investigadores, asociacións de defensa ambiental e Consellería de Medio Ambiente, un mapa no que se establezan claramente aquelas áreas do territorio nas que non é ambientalmente aceptábel a construcción de parques eólicos.

  • A aplicación do Plan Sectorial Eólico de Galicia está a conlevar ao noso xuízo o incumprimento sistemático, nas zonas propostas pola Consellería de Medio Ambiente para formaren parte da Rede Natura 2000 (Lugares de Interese Comunitario, LICs), do Real Decreto 1997/1995, do 7 de decembro, polo que se establecen medidas para contribuír a garantir a biodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e da flora e fauna silvestres (pola que se traspón ó ordenamento xurídico español a parte da Directiva 92/43/CEE “Hábitats” que non estaba incorporada ó mesmo).

  • A Modificación debería prestar especial atención ao impacto do Plano Eólico sobre cada un dos LICs. O Plano está afectando ou vai afectar de forma moi negativa (construcción de tendidos eléctricos, instalación de aeroxeradores, apertura de pistas,...) á case totalidade dos LICs con interese para a producción de enerxía eólica, provocando neles unha perda máis ou menos notábel do seu grao de naturalidade.

  • A Modificación do Plano Eólico debería garantir a implementación de todas as medidas necesarias para a protección efectiva do patrimonio cultural e do atractivo turístico de Galicia. Na actualidade, en moitos casos, non se están adoptando as medidas necesarias para a protección do patrimonio arqueolóxico. No que atinxe ás chamadas “Proteccións turísticas”, entendemos habería que ter en conta máis seriamente o parecer da Secretaría Xeral de Turismo da Xunta.

  • O párrafo “procede declarar la compatibilidad de estas instalaciones con el paisaje gallego, dado el potencial eólico de la región, que haga de los parques eólicos una seña de identidad de la Galicia del futuro" está totalmente fóra de lugar e revela a nula sensibilidade paisaxística dos seus redactores. A mala planificación do desenvolvemento da enerxía eólica, xunto con outras actuacións lamentábeis, está contribuíndo a que un “sinal de identidade” galego sexa a paisaxe deteriorada. Isto xa está a ser posto de manifesto en enquisas realizadas a visitantes do noso país.

  • Non se deberían considerar por sistema e en todos os casos os parques eólicos como de interese público e utilidade social.

  • O Plano Sectorial non respecta a autonomía municipal, ao impor aos Concellos a instalación de parques eólicos no seu territorio.

  • O desenvolvemento da enerxía eólica deberíase planificar a nivel de cada comarca, coa participación de todos os sectores e axentes sociais interesados, para non prexudicar outras actividades, como o turismo, respectar axeitadamente os direitos das poboacións locais e maximizar os beneficios económicos locais da instalación dos parques eólicos.

  • Unha política enerxética ecoloxicamente sustentábel debe ter como primeira prioridade a promoción do aforro e a mellora da eficiencia enerxética. Nun escenario como o actual, de forte crecemento da demanda de electricidade, é imposíbel reducir sensibelmente o impacto ambiental da producción e consumo de electricidade. O Plano Eólico, pola súa falta de respecto ao medio natural, non está contribuíndo a reducir ese impacto ambiental en Galiza senón todo o contrario.

 

10.png
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 


ADEGA