Adega
INICIO Áreas temáticas Biodiversidade Qué é a biodiversidade
Qué é a biodiversidade PDF Imprimir Correo-e
Envia Qué é a biodiversidade a FaceBookEnvia Qué é a biodiversidade a Twitter

O termo ‘biodiversidade’ está a ser un novo vocablo especialmente popular nos últimos anos e, así, podémolo escoitar en moi diferentes ámbitos e en boca de moi distintas persoas, o que provoca que en moitas ocasións non se teña moi claro qué concepto se agacha tras tal verba ou incluso se chegue a deformar o seu significado.

As raiceiras do concepto de diversidade biolóxica témolas que buscar moi recentemente, tan só a principios da década dos anos oitenta, cando o equipo do biólogo Elliot E. Norse publicou unha serie de traballos sobre bioloxía mariña; logo, no ano 85, Walter G. Rosen foi o primeiro en usar o termo que se popularizou ó dar título a un libro publicado por un dos mellores e máis influíntes biólogos dos últimos anos, o norteamericano Edward O. Wilson.

 

De maneira intuitiva a biodiversidade indícanos que ten que ver, obviamente, co mundo natural, coa vida silvestre, mais cómpre ter moi claro a qué nos estamos a referir exactamente. A orixe da verba é a contracción do termo ‘diversidade biolóxica’ e nun senso rigoroso a diversidade alude ó número de especies existente (o que se coñece como riqueza) nun espacio e momento dado en relación coa abundancia dos individuos das diferentes especies. En definitiva, teríamos que un lugar moi diverso sería aquel que dese cabida á existencia de moitas especies sen que ningunha delas dominase numericamente de xeito especial, pola contra un lugar de baixa diversidade sería aquel moi pobre en especies e que ademais algunha sería significativamente máis abondosa que as demais. De xeito inmediato e doado podemos intuír cais van ser ecosistemas ou lugares cunha gran diversidade: as selvas tropicais, os arrecifes de coral, por exemplo, ó igual que podemos tamén maxinar outros cunha diversidade moi baixa: os desertos, as chairas xeadas próximas ós polos, etc. A nivel moi popular vense equiparar biodiversidade con riqueza de especies ou incluso de xeito máis sinxelo con ‘abundancia de vida’.

Pero eso non é todo, cómpre ter en conta que a vida natural é moi complexa e así podemos considerar a diversidade a moi diferentes escalas. A diversidade xenética indicaríanos a cantidade de información xenética que existe nunha especie dada e poderíamos facernos a pregunta de por qué algunhas especies son máis variables que outras (esto é importante porque a creación de productos transxénicos o que fai a medio prazo é reducir a diversidade xenética das especies). A escala xeográfica -o máis habitual- teríamos que considerar por que nalgúns lugares hai máis especies que noutros. A nivel ecolóxico, vemos tamén que algunhas comunidades son moi complexas mentres que outras son moi simples. Finalmente podemos manter un enfoque global no que podemos apreciar que os ecosistemas son moi diferentes entre si.

Qué determina que nuns lugares haxa máis diversidade que noutros.

Son múltiples os factores que determinan as diferencias en canto a diversidade entre distintas áreas e ecosistemas: esta é a parte do que estudia a bioxeografía. Un primeiro factor ten que ver coa evolución; de todos é coñecido que as especies non son inmutábeis senón que cambian co tempo, extínguense e aparecen outras novas; pois ben, aquelas áreas do planeta que levan millóns de anos sen sufriren cambios climáticos importantes pero con pequenas perturbacións constantes que diversifican a estructura dos ecosistemas ofrecen a oportunidade de que a evolución actúe diferenciando ás distintas poboación que compoñen as especies, é o que ocorre nas áreas tropicais e de xeito especial nas grandes áreas selváticas do planeta. A productividade do lugar tamén explica unha maior diversidade posto que unha maior cantidade de recursos da oportunidade a que se desenvolvan diferentes xeitos de aproveitala; esto é doadamente observable nas zonas húmidas (lagos, lagoas, marismas, esteiros...) que ofrecen unha gran cantidade de alimento e dentro dos hábitats non mariños son os que a nivel moi xeral teñen unha maior biodiversidade. Finalmente hai moitos factores decisivos que inflúen na biodiversidade a nivel local: dende a variedade xeolóxica e xeomorfolóxica dun lugar que confire un maior ou menor número de lugares para que se asenten diferentes especies á acción humana.

A posición nos continentes ten tamén un gran peso a hora de explicar a biodiversidade: esta diminúe a medida que nos afastamos do centro do continente cara a periferia. As illas, por estar precisamente illadas, teñen unha menor diversidade que as zonas continentais próximas (pola contra é frecuente atopar nelas especies que non se dan noutros lugares co que o valor biolóxico é altísimo).

Qué ocorre en Galicia.

Galicia atópase nunha posición moi afastada do centro do continente euroasiático polo que a penas chegan aquí moitas especies frecuentes noutros territorios. Bo exemplo desto é que as montañas do oriente de Lugo son o límite de distribución suroccidental no continente de moitas especies (por exemplo da pita do monte e outras aves). Por outra banda, en Galicia conflúen dúas rexións bioxeográficas que aportan distintos elementos, a Eurosiberiana (característica da Europa atlántica e continental) e a Mediterránea (típica do entorno da bacía do Mediterráneo); esto é sen dúbida un elemento enriquecedor. Pola contra a variedade xeolóxica e xeomorfolóxica galega é moi baixa e só no oriente atopamos áreas con desniveis altitudinais significativos, distintos substratos xeolóxicos, etc o que xunto co feito de que é a área máis próxima o resto do continente e máis a Península, outórgalle a esta área unha maior diversidade de vida. Tamén hai que considerar que o particular sistema de asentamento humano en Galicia (disperso por todo o territorio) e a recente febre especuladora co monte (cultivos masivos de eucaliptos e piñeiros, grandes infraestructuras, apertura indiscriminada de pistas, incendios, parques eólicos e un longo etcétera) empobrecen significativamente a cantidade de especies que podemos atopar o que nos indica un grado de conservación da biodiversidade realmente crítico.

Algunha consideración numérica.

É frecuente escoitar que tal lugar ou tal espacio ten unha gran biodiversidade, cando realmente non se sabe o que se está a dicir. É conveniente considerar este termo sempre nun senso relativo. Por exemplo non podemos dicir que Galicia sexa moi diversa en aves, lévanse rexistradas unhas 250 habituais ó longo dun ano como moito, mentres que en toda Europa hai unhas 500 especies e en países como Perú a cifra ascende a máis de 1600 para un total de 9000 aves de diferentes especies existentes no planeta. Esto lévanos a considerar que segundo moitos autores a cantidade de especies de todos os grupos que hoxe en día o home ten rexistrado é baixísima; distintas estimacións consideran que na Terra pode haber entre 5 e 30 millóns de especies diferentes (tanto de animais como de plantas ou bacterias por exemplo); cada ano descríbense para a ciencia unhas 13.000 especies e se, por exemplo, consideramos que existen uns 8,5 millóns de especies (unha cifra moi baixa e conservadora) teríamos que ¡necesitaríamos 650 anos para descubrir as especies que descoñecemos! e o nivel de destrucción ó que sometemos o planeta non vai permitir nin esto. Como di un famoso biólogo: destruímos o libro da vida sen telo lido.

A natureza galega en crise

De xeito contrastado e sen caer en esaxeracións ou alarmismos pódese afirmar que este é o peor intre para o medio natural galego de toda a historia recente. Enfrontámonos a un tempo no que as estructuras productivas e sociais rurais veñen de ser desmanteladas sen ofrecer alternativa algunha; en definitiva, un programado abandono que deixa un couto libre a calquera cousa que soe productiva aínda que a productividade sexa mínima, curtopracista, especulativa ou ficticia. Todo eso, loxicamente, coa cumplicidade administrativa cando non promovido e executado directamente.

Podemos comezar falando da producción enerxética: Galicia é unha gran productora de electricidade que maioritariamente exporta. Temos o privilexio de ter central térmica máis contaminante de Europa e todos os grandes ríos cos seus correspondentes encoros. Pero non é suficiente: todos os ríos e todos os montes serán invadidos con centrais hidroeléctricas e parques eólicos respectivamente. Neste caso ‘todos’ ten un senso absolutamente literal. Será imposible en poucos anos, atopar unha paisaxe que non estea dominada polos muíños eléctricos en calquera punto do territorio galego. O caso paradigmático ata o de agora foi a destrucción da serra de O Xistral, que posúe as maiores turbeiras de cobertor da península, as máis suroccidentais de toda Europa, amén de multitude de múltiples valores naturais. A imaxe lávase con concienzudos traballos de técnicos de máis que dubidosa independencia e solvencia.

Outros lugares caeron ou caerán baixo os muíños eólicos: Pena Trevinca, o entorno do Canón do Sil, toda a dorsal central galega, O Caurel, Ancares.... En canto ás centrais hidroeléctricas, chega con mentar un par de exemplos: o río Ulla, que conta con boa parte do seu tramo dentro de áreas propostas para a rede Natura 2000, recibirá 13 novas centrais.

E para colmo, nun medio rural envellecido na mesma medida que trivializa a súa cultura, valores e estructuras productivas non hai máis opción que a custosísima concentración parcelaria executada con cartos europeos. En poucos anos, non haberá nin unha soa paisaxe agrosilvopastoral tradicional, xusto as que albergan o común da diversidade e os maiores valores naturais en galego. Logo, como non é productivo e non hai xente nin para cultivar estas áreas, veranse invadidas polo eucalipto: reflexo dunha política forestal nefasta que acaba con prados, bosques e áreas de mato convertendo valiosísimas áreas en monocultivos forestais desprovistos de vida. E onde non crece o eucalipto, o piñeiro insigne ‘vai ben’, e así decrúase monte tras monte con maquinaria pesada nunha febre reforestadora que non considera outros posíbeis usos sustentábeis e compatíbeis coa conservación dos valores naturais. Unha enorme e imparábel maquinaria de múltiples e escuras engraxes que ten no lume, que arrasa miles de hectáreas, un dos seus compoñentes fundamentais.

Tamén resultan aberrantes outros sectores como o pizarreiro: número un no mundo, situación que só pode ser acadada sen respectar a lexislación, en definitiva unha situación socioeconómica e ecolóxica similar a moitos países do terceiro mundo. Outras explotacións mineiras de alto impacto pretenden ser instaladas en puntos como Serra da Enciña de Lastra, un dos mellores lugares do interior galego.

As rías e a costa en xeral son obxecto do desprezo máis absoluto en cuestión de vida natural: aterramentos, vertidos, portos deportivos, paseos marítimos, urbanización....

Os espacios candidatos á famosa Rede Natura 2000 xa están designados, moitos deles teñen normas de protección xenéricas –Galicia segue á cola da declaración de espacios naturais protexidos–. Dá igual: en practicamente todos hai proxectos en distintas fases de execución, que destruirán os seus valores naturais

A extinción da pita do monte é só punta a do iceberg da situación da biodiversidade. Paradoxalmente, non se coñece (nin probablemente interesa coñecer) a situación de infindade de especies.

Esta situación, terceiromundista, é debida a que o goberno combina o anarquismo coa ignorancia máis fonda e a cobertura ás eléctricas, a entramados forestais/madeireiros e intereses micro-caciquiles.

Visto a situación ¿que cres que quedará de diversidade biolóxica dentro duns anos se a situación non troca?

Algunhas preguntas e exercicios sinxelos

* Pensa nun campo que teñas perto da casa, ¿cantas especies de plantas pensas que hai?. Colle unha cinta métrica e delimita un cadrante nel de medio metro de lado, conta a continuación o número de especies distintas que atopas (simplemente interesa distinguilas, non determinalas).

* No mesmo prado delimita varios cadradiños ó azar de 10 cm de lado, fai o mesmo exercicio que antes.¿en cada cadradiño achas máis ou menos especies que no grande? ¿e en todos os cadradiños xuntos? ¿se quixeras conservar todas as especies, qué farías?

* Camiña na primavera por un xardín, unha zona de hortas, un bosque e un eucaliptal. Fíxate no número de paxaros que cantan, ¿notas algunha diferencia?

¿Cántos espacios naturais de interese coñeces? ¿Cantos teñen algún xeito de protección? ¿É suficiente a protección? ¿Cres que é suficiente declarar espacios naturais protexidos para conservar a diversidade? ¿Propoñerías algunha outra medida?

 

Xabier Vázquez Pumariño, Biólogo e Consultor Ambiental. Foi Vocal da Área de Biodiversidade na Xunta Directiva de ADEGA .

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 


ADEGA