Ampliación de Alvedro: delirio localista ou pelotazo encoberto? |
A Coruña, 19 de maio de 2009. ADEGA, xunto cunha manchea de veciños/as, asociacións e concellos (Culleredo, Cerceda, Cambre e Oleiros) ven de apresentar ALEGACIÓNS (26 KB) á prevista ampliación en 400 m da pista do aeroporto de Alvedro. Esta obra, de brutal impacto paisaxístico e territorial, viría a duplicar o trafego de aeronaves, ruído e polución, sobre a poboada área metropolitana da Coruña. Alén disto e ao longo de 2 anos de obras, sería preciso remexer máis de 4 millóns e medio de m3 de terra e rochas para criar un xigantesco talude de máis de 40 m de alto fendendo o val do Mero. Os arrastres desta faraónica obra rematarán no fondo da ría do Burgo, supoñendo a puntilla definitiva para este castigado entorno e exterminando a produción marisqueira. Co AVE ás portas, a quen beneficia esta delirante obra?
ALEGACIÓNS Primeira: A ampliación prevista da cabeceira cara o interior en 400 metros, duplicará segundo o propio E.I.A. o número de voos, aumentando consecuentenente os níveis sonoros e a frecuencia de superación dos umbrais recomendados (>65 dB) e mesmo tolerábeis (poden superar por veces os 120 dB) nun amplo contorno densamente poboado, sen que no proxecto conste un inventario pormenorizado das edificacións afectas polo ruido, nen a magnitude deste, tal como obriga o artigo 10 do Real Decreto 1367/2007. Polo mesmo, o E.I.A. tampouco prevé un plano complementario de illamento acústico para as viviendas afectadas.
Segunda: Nas diversas alternativas ao proxecto que deben figurar no E.I.A segundo a lexislación vixente, non se contempla a denominada “alternativa cero”, isto é, a non realización da obra. O máis grave é que tampouco se ten en conta, dada a ubicación da infraestrutura, a proposta reclamada por concellos e veciños de declarar a Alvedro como “Aeroporto Urbano”, o que comportaría unha limitación horaria máis acorde coa situación da instalación e os efectos (contaminación acústica e atmosférica) sobre a poboación residente.
Terceira: As alteracións da paisaxe provocada polos dous anos de obras e a remoción de millóns de toneladas de materiais xeolóxicos dos montes Rus, San Miguel, e Costa, entre outros, resultan inasumíbeis e imposíbeis de amortecer ou apantallar. A zona de extracción de áridos para recheo domina unha ampla bacía visual tanto cara o sur e sur-este, vales da Barcala, Culleredo e Cambre, como cara o N, costa de A Coruña e O Burgo. Asemade, a barreira visual que conformará a ampliación da pista en 400 m sobre o val de Tarrío e A Barcala (Río Mero), con taludes de máis de 40 m de alto, non poderá ser amortecida e só pode cualificarse de inasumíbel, sendo ambas actuacións (desmonte e recheo) incompatíbeis coas Directrices de Protección da Paisaxe recollidas no Convenio Europeo da Paisaxe, asinado en Florencia a proposta do Consello de Europa o 20 de outubro de 2000. A maiores, no E.I.A non figura o preceitivo Estudo de Impacto e Integración Paisaxística do proxecto, segundo dispón o artigo 11.1 da Lei 7/2008 da Paisaxe de Galicia.
Cuarta: As obras complementarias de rebaixe e extracción de áridos dos montes circundantes e recheo dos vales cos materiais extraídos, que esixirán un movemento de terras de máis de 4 millóns medio de m3 ao longo de 2 anos, modificarán de xeito permanente a dinámica hídrica, diminuindo a infiltración e aumentando a escorrentía superficial. Este feito, tal como se ten comprobado noutras obras públicas e mesmo nos montes galegos logo da vaga de lumes de 2006, provocará o aumento dos episodios de arrastres violentos e a inxección de sedimentos através da rede fluvial, que rematarán depositados na Ría do Burgo. No apartado da xeoloxía e afeccións á dinámica hídrica do E.I.A. non se avalía convintemente o incremento destes arrastres episódicos e o risco ambiental, de seguridade e saúde cidadá e mesmo económico que comportarían os aluvións que finalmente chegarían a depositarse na cabeceira da Ría do Burgo, provocando, tal e como vimos no caso das rías de Muros-Noia e Arousa durante o outono e inverno de 2006-2007, mortandades masivas de marisco.
Quinta: A ampliación da pista e o conseguinte incremento da actividade aeroportuaria redundará nunha perda de calidade do ar, aumentando as emisións de G.E.I., particularmente NOx e compostos hidrocarbonados, estes últimos provintes dos purgados preventivos que moitas aeronaves efectúan durante a aproximación ás pistas e das eventuais fugas e vertidos que se produzan nas manobras de repostaxe e no mantemento dos depósitos de combustíbel. Estas verteduras incidirán sobre a calidade atmosférica e hídrica dunha contorna altamente poboada e con numerosos aproveitamentos agrícolas tradicionais, alén de chegar á maltreita Ría do Burgo através dos cursos fluviais que drenan a escorrentía das instalacións aeroportuarias.
Sexta: Na xustificación do proxecto que figura na documentación consultada, incídese no feito do previsto incremento de pasaxeiros para 2014 e 2020 (1.714.800 e 2.083.800 persoas respectivamente). Eses dados son para ADEGA, totalmente ficticios e infundados, dado que a poboación galega atópase en regresión, cun progresivo envellecemento poboacional que non cadra coas previsións do proxecto. A maiores, e no actual contexto de crise económica mundial, cun turismo estacionario dende hai algúns exercicios, a diminución da actividade industrial e do P.I.B. e, consecuentemente, un menor poder adquisitivo da cidadanía usuaria dos servizos aeroportuarios, as cifras apontadas na memoria do proxecto só poden cualificarse de irreais. Cómpre ter en conta tamén, que nun horizonte a curto prazo, a chegada do AVE vai supoñer un traslado de usuarios do avión cara o tren, tal como ten acontecido naquelas zonas (Andalucía e Catalunya, por exemplo) nas que o AVE e segundo o propio Ministerio de Fomento, chegou a reducir nun 50% os usuarios/as do avión.
Por todo o anteriormente exposto, ADEGA SOLICITA unha Declaración de Impacto Ambiental negativa, xa que a obra é manifestamente innecesaria e insustentábel dende o ponto de vista ambiental, social e económico, e pode poñer en risco a seguridade e a saúde dunha importante poboación, alén de perxudicar gravemente a un dos sectores produtivos más importantes do noso país como é o marisqueo. |