Adega
INICIO Novas Manobras sospeitosas de Fomento para a ampliar o aeroporto de Alvedro, custe o que custe
Manobras sospeitosas de Fomento para a ampliar o aeroporto de Alvedro, custe o que custe PDF Imprimir Correo-e
Envia Manobras sospeitosas de Fomento para a ampliar o aeroporto de Alvedro, custe o que custe a FaceBookEnvia Manobras sospeitosas de Fomento para a ampliar o aeroporto de Alvedro, custe o que custe a Twitter
alvedroA Coruña, 26 de xullo de 2010. Os técnicos de AENA xa comenzaron a "visitar" Culleredo apesar de que o Ministerio de Medio Ambiente aínda non contestou ás 14.000 alegacións apresentadas en maio do 2009. A insistencia de Fomento en realizar esta obra, enviando por diante aos técnicos de AENA a coaccionar á veciñanza, fai que ADEGA sospeite que detrás deste proxecto hai algo máis que localismo, e talvez agoche intereses especulativos. Resulta difícil de atopar xustificación a unha obra baseada en estimacións e necesidades irreais e que o estudo preliminar cualifica de "impacto medioambiental, cultural e social severo".

Se pensamos que a pertenza á Unión Europea implica unhas certas responsabilidades e non só dispor dos cartos dos Fondos Estruturais, como parecen dar a entender algúns políticos ao intentar pasar por riba da lexislación medioambiental, concretamente da directiva europea 97/11/CE, que modifica a 85/337/CEE, que sinala a necesidade de avaliar as repercusións deste tipo de proxectos sobre o ambiente, parecería lóxico pensar que o curso natural dunha obra destas características consistiría en presentar o estudo, respostar ás alegacións e só unha vez confirmada a viabilidade do proxecto levar a cabo a ampliación.

Por outro lado ADEGA ve incoherente que se leve anos e anos falando da necesidade de rexeración da Ría do Burgo, e que a única obra emprendida polas autoridades sobre esta ría non vaia ser para mellorala, senón todo o contrario, xa que o movemento de terras para os recheos do aeroporto provocará arrastres de sedimentos á ría, e unha máis que probábel alta mortandade nos mariscos. No entanto, no EIA só están orzamentados 2.000 euros para a rexeneración da fauna, cantidade a todas luces irrisoria, debido a que dito estudo non ten en conta o impacto que vai ter o proxecto sobre a ría, un dos lugares privelixiados de Galiza para a observación de aves.

ADEGA considera que as infraestruturas deberían responder máis ás necesidades da poboación e non tanto a favores políticos e intereses económicos. Neste plano, e seguindo co mencionado anteriormente, sería moito máis útil para a comarca levar a cabo o saneamiento e adecuación da Ría do Burgo, demandando pola UE dende fai tempo, que hipertrofiar un custoso aeroporto baseándose en necesidades inexistentes e localismos.

Aínda que en ADEGA vemos como claros responsables deste despropósito ao estado (promotor da obra), á Xunta de Galicia (necesaria para levar a cabo o estudio medioambiental) e ao Concello da Coruña (por unha manipulación interesada e eleitoralista das necesidades da comarca), dende eiquí gustaríanos demandar aos concellos de Culleredo, Oleiros, Cambre e Arteixo un maior esforzo na loita contra esta inxustificada agresión ambiental e desbaldimento de cartos públicos.
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

logo-plataforma-burgo

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA