TERRACTIVA 2010
Lugar: Recinto Feiral de Arzúa (r/ Padre Pardo s/n) Días: sábado 2 e domingo 3 de outubro
Horario: de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 h.
Alén do tradicional stand con información sobre as actividades de ADEGA e diverso material divulgativo, estas son as actividades nas que participa ADEGA na feira Terractiva deste 2010:
LIMPA-ROTEIRO FLUVIAL*, colaboración entre ADEGA e a Asociación de Troiteiros do Río Furelos. Aproveitando unha xornada que se fai de limpeza do treito que discorre entre Ramil e o castelo de Pambre (3 km) realizarase unha limpeza das canles e beiras dos ríos Tambre e Ulla.
Sairá un autobús desde o recinto feiral e regresará ao final da actividade. *Aconséllase levar botas de auga. Lugar: Saída do Recinto Feiral de Arzúa (r/ Padre Pardo s/n) Día: domingo 3 de outubro Horario: de 11:00 a 14:00 PALESTRAS:
• A recuperación activa dos saberes populares: A Eira da Xoana. (Adela Figueroa e Marcial Barral, ADEGA)
Lugar: Aula D (1º andar Recinto Feiral) Día: domingo 3 de outubro Horario: 18.30 h
A Eira da Xoana é a casa que ADEGA ten no Alto Ulla, na aldea de Ramil, concello da Golada. Esta casiña forma parte dun proxecto ambicioso que combina a Educación Ambiental, a necesidade de integrármonos no entorno como colectivo, a ocupación do rural con actuacions alternativas, renovadoras e recuperadoras de vellos saberes. Con este proxecto, ADEGA procura dar unha alternativa viábel ao dramático abandono do noso rural, ocupándoo fisicamente, para traballar nel cun espírito de respecto e capacidade de aprendizaxe da cultura tradicional, e tamén coa aportación de visións máis modernas como a da cultura da sustentabilidade e da custodia do territorio.
• A custodia do territorio (Manuel Ferro, Técnico de desenvolvemento local)
Lugar: Aula A (1º andar Recinto Feiral)
Día: sábado 2 de outubro
Horario: 12.00 h
Explicarase o que significa esta nova figura de xestión do territorio e que xa ten algunhas experiencias en funcionamento en Galiza. Tratarase de dar unha visión da situación actual de implantación no territorio estatal e galego desta nova forma de xestión, baseada na conservación da natureza. Exporase como o exemplo o proxecto de custodia do territorio da bacía alta do río Ulla.
• O camiño que quedou polo camiño. Mitos, lendas e rituais de camiñantes (Ricardo Polín. Doutor en Filoloxía Medieval)
Lugar: Aula D (1º andar Recinto Feiral)
Día: sábado 2 de outubro
Horario: 18.00 h
Breve aproximación aos elementos caracterizadores do Camiño de Santiago como B.I.C fronte á preocupante transformación deste nun recurso mediático tendente a substituír os valores históricos e paisaxísticos da cultura camiñeira que lle son afíns, cuestión que será abordada tomando como referencia a casuística propia da vía primitiva a Compostela e outras derivas semellantes.
• Arzúa e as infraestructuras do transporte terrestre (Xosé Carlos Fernández. Enxeñeiro técnico de obras públicas)
Lugar: Aula D (1º andar Recinto Feiral)
Día: sábado 2 de outubro
Horario: 18.45 h
Repaso ás vías terrestres que serven a Arzúa para comunicarse con outras poboacións en coas VACs, vías de gran capacidade. Abordaremos as carencias destas vías e proxectos en curso pra resolvelas ou melloralas. Posibilidade e conveniencia de que Arzúa conte cunha liña de ferrocarril que comunique con Santiago e con Lugo.
• Mesa redonda: “O urbanismo en Galiza. O exemplo de Barreiros” (Froilán Pallín (secretario xeral de ADEGA)
-Fernando Abel Vilela (profesor de dereito administrativo na USC) -Un representante do colectivo "Máis talento, menos cemento" Lugar: Aula A (1º andar Recinto Feiral) Día: domingo 3 de outubro Horario: 12.30 h
ADEGA e a plataforma “Máis talento, menos cemento” darán unha visión da realidade urbanística que está a sufrir Galiza nestes momentos, nomeadamente no litoral, e da necesidade da actuación social fronte as inxustizas exercidas no territorio polas construtoras e os poderes políticos local e autonómico. Barreiros, localidade da Mariña de Lugo, será tratado como o referente do que pode ser a política urbanística e de ordenación do territorio no futuro.
EXPOSICIÓN: “O lobo, unha carreira pola supervivencia”: unha mostra iniciativa de ADEGA, ERVA e AAAGP (Asociación de Amizade das Artes Galego Portuguesa), que pretende ser unha alegato para a conservación do lobo e dos seus hábitats ante as moitas e potentes ameazas ás que está sometido pola acción humana. Tamén tenta achegar a figura deste morador ás persoas, como elemento da nosa cultura, do noso imaxinario, da nosa paisaxe e da nosa diversidade natural co que hai que convivir. A exposición é posible grazas á colaboración de máis de 60 artistas galegos e portugueses que a través da súa obra pictórica, literaria, fotográfica e audiovisual amosan unha visión diferente, amigable e solidaria co depredador máis senlleiro dos nosos montes.
|