Paderne de Allariz, no 19 de marzo de 2010. ADEGA-Ourense vén de tomar coñecemento da actuación que se está a executar no Monte de Rioseco (parroquia de Figueiroá) do Concello de Paderne de Allariz. Toneladas de terra e pedras procedentes das obras de "mellora" da estrada comarcal que enlaza o Polígono de San Cibrao con Maceda están sendo deitadas no monte veciñal denominado "Rioseco".
Podemos calcular que a superficie afectada sería dunhas 14 ha., o que supón un verdadeiro impacto ambiental neste monte de titularidade veciñal (semellante a un campo de golf de máximo nível).
ADEGA tivo coñecemento deste depósito a través de insistentes denuncias veciñais chegadas a nosa asociación. Estas obras contan co visto e prace do Presidente da Comunidade de Montes, non obstante, coa oposición de moitos comuneiros que están sofrindo ruído e molestias do tránsito de camións polos camiños veciñais.
Ausencia de permisos e augas contaminadas
ADEGA-Ourense vén de facer as correspondentes denuncias ante os organismos competentes por si o depósitos de cascallos non contaran coas autorizacións necesarias. A veciñanza sofriu este inverno as molestias causadas por este macro-recheo pola contaminación das augas de abastecemento domiciliarios, ao estar ao pé deste monte a estación captadora de auga potábel para a parroquia de Rioseco, do que deducimos que as autoridades públicas non están a facer cumprir a normativa enmateria sanitaria e noutros casos tamén sería responsábel o Alcalde do Concello de Paderne de Allariz. |