Lugo, 21 decembro de 2012. ADEGA vén de coñecer que, mediante resolución ditada o 3 de novembro de 2012, a S. X. de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas denegou a ERIMSA a autorización urbanística para a extracción de seixo metalúrxico en terreos do municipio da Pastoriza, dentro do ámbito da concesión “Alicia nº 5917”. Este é o primeiro proxecto de explotación de cuarzo de Erimsa fallido na Terra Chá e que, seguramente, veña seguido da denegación da autorización urbanística dos restantes proxectos mineiros solicitados pola empresa para Castro de Rei e Cospeito. ADEGA, xunto con outros colectivos da zona e co propio concello da Pastoriza, alédase de ter gañado nos xulgados esta batalla contra a especulación de recursos e na defensa do rural, e agora ratificada por esta resolución administrativa.
A empresa mineira xa solicitara licenza ao concello no ano 2008, interpondo despois demanda xudicial a finais de 2009, coa pretensión de que lle fose recoñecida a adquisición da licenza por falta de resolución municipal, tendo tomado ADEGA parte moi activa no correspondente proceso xudicial, asistida do letrado, especialista en temas ambientais, Apolinar Gómez Roca. Esta pretensión foi rexeitada polo Xulgado do contencioso-administrativo de Lugo, por resultar contraria ao ordenamento legal.
Tras os cambios introducidos na Lei urbanística galega no ano 2010, ERIMSA solicitou en 2011 autorización urbanística da Xunta de Galicia, preceptiva antes de tramitar as licenzas municipais, dando lugar ao expediente que se vén de rematar coa citada resolución do pasado 3 de novembro.
A superficie do concello da Pastoriza afectada pola esta explotación era de máis de 50 has, pertencentes ás parroquias chairegas de Reigosa e A Regueira, incluídas nunha zona de especial interese agrario declarada no ano 2007, pondo en perigo distintos valores protexidos polo ordenamento urbanístico, como a produtividade agraria das terras –base da economía local- ou masas arbóreas de interese, e agravando os riscos de danos ante fenómenos de inundación, frecuentes en boa parte das zonas afectadas.
Como elementos esenciais que fundamentan a resolución, cabe resaltar o grande rexeitamento social que xerou este proxecto, ao que a principios de 2009 se presentaran centos de alegacións por particulares e distintos colectivos -entre os que se atopa ADEGA-, a firmeza do Concello da Pastoriza na defensa dos intereses da poboación afectada e o ben facer neste caso de varios departamentos da Administración Autonómica e estatal que en distintos informes destacaron o deterioro irreversible que a explotación mineira tería para os valores e potencialidades do territorio afectado.
Sendo conscientes da singularidade que representa o posicionamento das Adminis-tracións fronte a intereses económicos tan importantes como os implícitos ao proxecto mineiro que agora se veu a denegar, desde ADEGA queremos felicitar ao Concello e ás demais Administracións intervintes no expediente, pola súa actuación a prol do cumprimento da legalidade e da defensa efectiva do medio ambiente.
Actualmente atópanse pendentes de resolución urbanística outros expedientes de proxectos mineiros promovidos pola mesma empresa, tanto na Pastoriza (no ámbito da concesión “Pastoriza nº 5562”), coma nos de Cospeito e Castro de Rei (concesións “Alicia nº 5917” e “Karles nº 5919”), de análogos efectos, polo que dende este colectivo ecoloxista se agarda que teñan o mesmo remate denegatorio por parte da Administración, como xa ditaminou o xulgado contencioso-administrativo.
|