Adega
INICIO Novas A plataforma "Muralla Viva" denuncia o uso do glifosato pola Xunta para "limpar" a muralla de Lugo
A plataforma "Muralla Viva" denuncia o uso do glifosato pola Xunta para "limpar" a muralla de Lugo PDF Imprimir Correo-e
Envia A plataforma "Muralla Viva" denuncia o uso do glifosato pola Xunta para "limpar" a muralla de Lugo a FaceBookEnvia A plataforma "Muralla Viva" denuncia o uso do glifosato pola Xunta para "limpar" a muralla de Lugo a Twitter

glifosatomurallaLugo, 2 de agosto de 2012. A recentemente constituída Plataforma Muralla Viva, integrada por A Cova da Terra, ADEGA, Asociación Cultural In Bocca al Luppo, AENDA Lugo, Amigos da Terra, A Revolta Natural, AVAFES, PAEXGA, Sociedade Galega de Ornitoloxía, Verdegaia, SAUDARTE e GREFA Majadahonda, quere mostrar a súa oposición ao uso de herbicidas nos labores de limpeza da Muralla de Lugo, e concretamente ao emprego do ROUNDUP PLUS de Monsanto (principio activo glifosato). Esta plataforma, tras ter noticia da inminente aplicación deste tóxico sobre o Monumento Patrimonio da Humanidade, púxose en contacto coa empresa concesionaria RESCONSA quen remitiu ao Departamento de Produción Vexetal da USC. Muralla Viva confirmou, logo dunha reunión con este Departamento, a intención da Xunta de usar este tóxico para a limpeza da Muralla nos meses de xullo e/ou agosto.

Muralla Viva oponse ao uso de herbicidas na Muralla e, concretamente, ao uso do glifosato como principio activo do Roundup de Monsanto, polos seguintes motivos:

-O Roundup Plus xa indica no seu etiquetado que se trata dun produto “perigoso para o medio ambiente”. As altas medidas de seguridade que precisa non garanten a súa inocuidade. Este produto non está previsto para o uso que se lle vai dar na Muralla.

-O emprego de herbicidas na Muralla é innecesario e contraproducente para a conservación do monumento. A aplicación de herbicidas non resolve o problema e produce fenómenos de resistencia en plantas perigosas para a conservación do mesmo polas súas fortes raíces, como a Parietaria judaica, sendo necesario o emprego de maiores concentracións ou de outros tóxicos en anos posteriores.

-Este agrotóxico presenta un risco para a saúde humana, animal e ambiental sendo a súa exposición especialmente contraindicada para mulleres embarazadas, nenas e nenos, persoas maiores e aquelas con algún tipo de inmunodeficiencia. Unha evidencia médica crecente sospeita que a exposición a herbicidas está relacionada con diversas enfermidades emerxentes. O glifosato relaciónase en concreto con Linfomas Non-Hogkin, malformacións, enfermidades endocrinas, dexenerativas, do sistema nervioso, alerxias e outras. Estudos recentes confirman a súa xenotoxicidade (pode danar o ADN celular) por inhalación a concentracións ata 99% máis baixas que as empregadas en labores agrícolas.

-A limpeza da Muralla con este produto implica a súa aplicación sobre uns 45.000 metros cadrados de superficie dunha estrutura pechada de ata 10m de altura que abrangue a zona máis turística da cidade, a poucos metros de vivendas, comercios, locais de hostalería, colexios etc., e visitada a diario por centos de turistas, deportistas e paseantes, para os que supón un risco moi difícil de medir.

- A Muralla de Lugo é un hábitat antropoxénico que serve de refuxio para réptiles e diferentes especies de aves, algunhas das cales se atopan dentro do Listado de especies en réxime de protección especial. Os efectos do glifosato para estas especies é difícil de valorar.

- Sendo a cidade de Lugo un dos poucos núcleos urbanos sito dentro dunha Reserva da Biosfera e a Muralla e a Vila de Lucus Augusti elementos fundamentais desta, ademais de estar declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, este tipo de actuacións ofrecen unha imaxe negativa tanto da cidade como das estratexias de conservación do seu patrimonio e as políticas ambientais da Administración, totalmente opostas aos principios que promove a UNESCO e cun efecto moi negativo dende o punto de vista socioeducativo.

- ÚLTIMOS ACONTECEMENTOS: Contrariamente ao comunicado reiteradamente a esta plataforma e como puidemos observar persoalmente o 31 de xullo ás seis e media da tarde, na Porta de San Pedro, estívose a fumigar en horario de maior afluencia de persoas cara ao centro da cidade, sen ter en conta a climatoloxía (calor, sol, e sobre todo o vento que había ese día (pódese consultar meteogalicia)). A fumigación facíase dende o adarve da Muralla, producindo o “efecto ducha” sen seguir as recomendacións de precaución do uso destes produtos que figuran nas fichas de seguridade e nas recomendacións de institucións como a OMS que suporía a colocación de vallas que impediran o paso de persoal ás zonas de traballo, evitar fumigar con calor porque aumenta a transpiración da pel e polo tanto as posibilidades de intoxicación, evitar traballar con vento porque este desvía o produto cara a fora das áreas nas que se pretende actuar e cara a zona peonil. http://www.facebook.com/photo.php?v=363089303760542

 

Á vista das informacións aportadas, dende Muralla Viva reclamamos as administracións e responsables técnicos a aplicación do Principio de precaución e de Acción Preventiva recollidos no artigo 191.2 do Tratado de funcionamento da Unión Europea. Pedimos, así mesmo, à Dirección Xeral de Patrimonio, à empresa concesionaria RESCONSA e ás administracións competentes que descarten o emprego de herbicidas e promovan a recuperación do xeito tradicional de mantemento da Muralla, consistente nun control coidadoso, intensivo e manual da vexetación, un método moi efectivo e absolutamente limpo, que se vén empregando ao longo do mundo noutros monumentos Patrimonio da Humanidade que xa abandonaron o emprego de Roundup pola súa potencialidade de danar á pedra.

Ademais, consideramos que a formación de persoal de mantemento especializado na conservación da Muralla permitiría a creación de emprego verde estable e impulsaría unha imaxe positiva e responsable da nosa Muralla e cidade ao exterior.

Para máis información:

Bárbara Soto 679563103.
Montse Lombardía (ADEGA) 982240299, 639664924.
Clara Raposo (Cova da Terra) 982230211, 687277744.
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 
galizamaxica

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA