A Deputación de Lugo aproba por unanimidade solicitar que a Cova de Eirós sexa BIC |
Lugo, a 31 de xullo de 2012. No Pleno da Deputación de Lugo de hoxe foi aprobada por unanimidade unha moción do Bloque Nacionalista Galego na que se pide que a Deputación Provincial traslade á Xunta a solicitude formal de que a Cova de Eirós de Triacastela sexa declarada como Ben de Interese Cultural. Á súa vez, todos os grupos con representación política na Deputación foron instados por ADEGA e a Asociación sociocultural de O Iribio a posicionarse ao respecto da máxima protección patrimonial legal deste xacemento paleolítico. Ambos os dous colectivos xa pediran a declaración de BIC para a Cova de Eirós en xullo de 2009 e, de novo, en maio deste ano diante da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sen, polo de agora, obter resposta por parte deste departamento da Xunta. Desde o punto de vista de ADEGA e da Asociación Sociocultural do Iribio, a Cova de Eirós de Triacastela garda no seu interior un valioso patrimonio arqueolóxico, con restos de fauna e flora do cuaternario, entre os que os que destacan as pegadas do Ursus espelaeus (oso cavernario) que demostran que esta especie habitou nesta cova. Isto é moi importante xa que estes restos do Oso cavernario na Cova de Eirós indican que Galiza é o hábitat máis occidental onde morou esta especie do Pleistoceno. Así o mostran os traballos da doutora Aurora Grandal e do doutor Xoán Ramón Vidal Romaní da Universidade da Coruña. Ademais, no ano 2008 arqueólogos vencellados ás universidades de Santiago de Compostela, de Cantabria e da Rovira i Virgili, confirmaron a fins do verán pasado o achado de materiais líticos que, sen dubidar, están adscritos ao Paleolítico Medio, datados por cronoloxía absoluta en 118.000 anos, e no Paleolítico Superior, datados entre 29.000 e 22.000 anos, correspondentes ao período Gravetiense, o dos humanos neandertais, até agora inédito en Galiza. Tamén, como resultado destas escavacións aparece un colgante datado en 26.000 anos, encontrado na zona máis externa da Cova de Eirós, e unha agulla de coser que nos mostra xa unha serie de habilidades adaptativas para a construción de roupa de protección para o duro clima que, naquela altura, había no territorio, máis frío do que na actualidade. ADEGA e a Asociación sociocultural do Iribio congratúlanse de que o Organismo Provincial de Lugo se una ás súas reclamas de protección deste xacemento de grande valor histórico e salienta a importancia da súa localización nas proximidades do Camiño de Santiago, o que lle podería dar aínda un maior valor engadido a este punto da rota dos peregrinos, como unha xanela aberta á nosa historia máis recuada nos tempos. |