ADEGA solicita que a Cova de Eirós sexa a primeira en ser declarada BIC e preservala dunha canteira |
Lugo, 8 de maio de 2012. ADEGA vén de solicitar a declaración de BIC (Ben de Interese Cultural) para a Cova de Eirós do Concello de Triacastela nas dependencias da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellaría de Educación e Cultura. Esta cova da montaña oriental garda restos arqueolóxicos e paleontolóxicos de grande valor para reconstruír a historia de Galiza dos últimos 100.000 anos; pese a iso, pode estar en risco, ao atoparse no medio dunha explotación de pedra calcaria cuxa concesión chega sobre a vertical da entrada á cavidade. De saír adiante esta petición, sería a primeira cova galega en adquirir o rango de BIC. Preme eiquí para descargar a solicitude. Nela atopáronse obxectos, restos humanos e faunísticos que a converten nun dos xacementos de maior interese científico e patrimonial do país. Alí, apareceu o adorno mais antigo de Galiza, un colgante datado en máis de 26.000 anos, o que dá testemuña da primitiva ocupación da nosa terra por seres humanos desde o paleolítico medio. Ademais de numerosos restos de habitación de máis de 100.000 anos, a cova garda pegadas da ocupación por fauna do cuaternario, mesmo do oso das cavernas (Ursus espelaeus), que a converten no exemplo máis occidental de Europa do hábitat desta especie. A cova de Eirós conserva así mesmo rabuñaduras de oso nas paredes que supoñen unha valiosa testemuña de que o animal habitou dentro da cova. Moitos outros achádegos permiten reconstruír o ambiente e a ecoloxía da parte máis occidental de Galiza, a máis vella xeoloxicamente falando, e que está a se revelar como unha zona de grande produción arqueolóxica e paleontolóxica. De feito, as universidades da Coruña e de Santiago de Compostela, a de Cantabria e a Rovira i Virgil de Catalunya desenvolveron varios estudos neste xacemento de Triacastela polo elevado interese que representan os restos alí atopados. Porén, aínda fican estratos que deben ser explorados, valorándose en cinco os niveis de sedimentos que poden ser produtivos arqueoloxicamente. Pese aos valores prehistóricos que conserva a cova de Eirós, este xacemento aínda pode correr perigo, ao atoparse no medio dunha explotación de pedra calcaria, cuxa concesión chega sobre a vertical da entrada á cova. É por iso que, desde ADEGA, consideramos urxente a declaración de BIC do xacemento, de feito que garanta a preservación deste importante elemento do noso patrimonio cultural e xeolóxico. De atender esta petición, a cova de Eirós sería a primeira cova galega que estaría catalogada baixo este recoñecemento de protección, como Ben de Interese Cultural. Ademais de ADEGA e a Asociación Socio-cultural do Iribio, únense a esta petición de declaración de BIC, varias personalidades da Cultura galega como as que se citan a continuación. APOIAN ESTA SOLICITUDE:
MÁIS INFORMACIÓN: Adela Figueroa, vicepresidenta de ADEGA Lugo: 686701344.
Marcos Celeiro, presidente da Asociación Sociocultural do Iribio: 654991560. |