Descobre os tesouros de Monte Pindo con ADEGA-Lugo |
Este domingo 20 de maio, ADEGA Lugo convídate a visitar o Monte Pindo, lugar de culto relixioso e pagán, refuxio da poboación, escapada de meigas e demos, testemuña de reis e bispos, morada dos celtas… Dise que alí está soterrada a Raíña Lupa envolta en ouro. Veremos todas as riquezas do Monte Pindo en tan só 12 quilómetros, durante un percorrido de 7 horas. Subiremos ao cumio máis alto desta mole pedregosa e logo descendermos cara o mar. Os nosos guías serán os compañeiros da Asoc. “Monte Pindo Parque Natural”, que están a loitar para que este lugar máxico sexa protexido como se merece. Descarrega o CARTAZ .
Hai 350 millóns de anos unha mole de magma consolidouse en forma de granito e quedou á intemperie pola lenta erosión dos 26 km de codia terrestre que o cubrían. Así nace o Monte Pindo que na actualidade conserva a súa forma primixenia, agás nos vales fluviais, pías e cacholas, o que nos permite estudar formacións xeolóxicas ancestrais. O monte ten multitude de covas graníticas repletas de formas de vida microscópica tan únicas no mundo que interesaron na nasa. As caprichosas formas das pedras fan que parezan cobrar vida en cada recuncho se deixamos voar a imaxinación. Ao longo do século XX os lumes, o abandono e as políticas forestais franquistas erradicaron a aguia, o voitre e ata unha cabra autóctona, substituíndo tamén o bosque autóctono por especies alleas. Malia esta perda de biodiversidade, o Monte Pindo segue a ser un verxel con 5 hábitats de interese comunitario e algunhas especies de flora e de fauna moi singulares, incluso únicas en Galiza e no mundo.
O ROTEIRO Comezamos a ruta na aldea do Fieiro, parroquia de Arcos, concello de Mazaricos. Ao pouco de empezar a camiñar chegamos ao campo de pedra tonel, onde nos toparemos coas primeiras pedras do monte do Pindo, entrando no concello de Carnota. Se erguemos a vista ollamos de esquerda á dereita os cumes da Orelluda, Casteliños, Palleiro da portela da moa d'abaixo, Petón da moa, Palleiro da cova escura, Petón dos cabazos, Trasmonte furado, Porteliña do foxiño dos lobos, O niño do corvo e Penafiel. Tras 20 min de subida chegaremos ao campo da moa d'abaixo, onde teremos unha das vistas máis fermosas do chan de Carnota. Aos nosos pés veremos a Cova de val, onde nace o río de Vadebois (Oxford, en inglés) que vai morrer á gándara de Caldebarcos, areal máis longo de todo o país, case que oito km de dunas móbiles. Deixando á nosa esquerda o petón dos voitres, chegaremos aos restos das antigas murallas galaico-romanas do s. V que pechaban o cumio da moa, que foron feitas para defenderse dos suevos. Pola súa extensión (10 ha) deberon acoller a unha poboación importante. Un pouco máis adiante estará o campo da moa d'arriba, onde se levaban os enfermos para deitalos no chan, marcando a súa pegada; logo, apartaban o enfermo, arrincaban os terróns do chan e poñíanos enriba das laxes a secar. Acreditábase que, o que enxoitaban os terróns, o enfermo sanaba. De aquí dicíase: No campo da Moa hai unha fonte fresca e sana, que está o lado da casa de Doña Alvara, polo saliente a vintecinco pasos de distancia cun metro de fondo, hai unha caixa de prata chea de ouro. Pasaremos polo campo dos conexos d'abaixo e d'arriba camiño do cume da moa , punto máis alto do Monte do Pindo, a 627 m. A moa presenta unha morfoloxía domática cunha cúspide plana coroada por unha morea de cacholas. Os veciños da contorna collían a auga da chuvia destas pías por ser auga santa (pódense observar as cruces labradas na pedra cristianizando este lugar). Baixaremos até o campo das cortes da moa onde están os restos dunha capela antiga que data do ano 830, segundo un documento do Abade Tructinio “in carinota ecclesia pintani in sentes”. Tamén existe unha inscrición labrada na pedra do ano 1200. Na muralla sur contemplaremos o campo da Raíña Lupa, onde foi soterrada con sete millóns de ouro á súa cabeceira e sete millóns, aos pés. Descenderemos ao chan de Lourenzo para coller o carreiro longo que nos vai levar até a cova Casa da Xoana. Alí, polo San Xoán, as meigas da bisbarra xuntábanse co demo (forma de macho cabrío), para facer orxías monstruosas. As meigas dábanlle conta dos maleficios e sortilexios feitos durante todo o ano contra toda clase de seres. Nos pousos d'arriba pararemos para xantar, á beira do rego Caldeiras. Chegando xa a Penafiel, andaremos os pousos do medio deixando á nosa man esquerda o cume do Barquiño e Portela ventosa. Penafiel tamén é coñecida polos veciños como Xan Quente, que fai referencia aos matrimonios que subían até a cama da fertilidade para poder ter descendencia. Foi cume sagrado dos celtas supertamaricos, que habitaban entre os ríos Tambre e Xallas. Aquí estaba a Ara Sextiana (sars iusta turrem augusti titulo memorabilem), descrita por Pomponio Mela a carón do Fluuium Sars, correspondente ao río Xallas, antigo Aisaro. Hai constancia dunha fortificación en varios documentos até o s. XV e a seguinte inscrición gravada na rocha (“Reis, Bispos, presbíteros todos por poderes recibidos de Deus excomungan este castelo”). Posibelmente faga referencia á excomuñón que no ano 1130 fixo o Arcebispo Xelmírez contra o Conde de Traba, por ter prisioneiro no seu Castelo o Arcediago de Trastámara. Foi derrubado por 300 homes da Irmandade Fusquenlla no ano 1467. Desde Penafiel ollamos o encoro de santa Uxía, construído en 1986, e que esnaquizou os últimos quilómetros do río, o coadoiro do Xallas, único caso en Europa no que un río desauga en fervenza sobre o mar. HORARIOS DE SAÍDA: -Desde Lugo: de diante da Facultade de Formación do Profesorado ás 8.00 h. -Desde Compostela: no Pazo de Congresos ás 9.45 h. RESERVAS: chamar ao 679113718 ou ao 982240299. Leva roupa e calzado axeitados e comida para o camiño. O bo humor é cousa de tod@s PREZOS: Xeral............................................................................................ 15 € Estudantes, xubilad@s e no paro…………......................................12 € Soci@s......................................................................................... 10 € Ata 17 anos.................................................................................... 5 €
PRÓXIMO ROTEIRO DE ADEGA LUGO : 17 Xuño: Serra do Galiñeiro (Vigo) +INFO: roteirosadegalugo.blogaliza.org |