O territorio retratado na literatura oral, na escrita e na toponimia está en perigo de desaparecer |
Lugo, 11 de xuño 2011. O Encontro de Escritor@s celebrado hoxe no Salón de Actos da Deputación de Lugo por ADEGA dentro da súa campaña por unha ordenación sustentable do territorio “Ponte no medio. Móvete polo territorio” acolleu unha ducia de autores e autoras galegas para retratar a súa relación co territorio galego e, nomeadamente, co lucense a través da literatura ou da toponimia. No encontro púxose de relevancia a situación de declive da conservación da literatura oral, escrita e da toponimia ligada ao territorio galego e instouse ás autoridades públicas competentes, autonómicas e locais, a velar pola súa preservación. Na primeira palestra participaron os narradores Ana Carreira, Xoán Ramiro Cuba e Antonio Reigosa. A primeira versou sobre a importancia do medo na literatura oral para a aprendizaxe de novos e adultos, na que o lugar ou o territorio no que se desenvolven estas historias son fundamentais. Xoán Ramiro Cuba, segundo dos ponentes, baseou o seu discurso no lendario relacionado cos elementos naturais, coa paisaxe ou a orografía galega (fontes, penedos, etc.). destacando a necesidade de conservar eses elementos naturais como testemuña da tradición oral e das lendas relacionadas, de xeito que se consiga inventariar, non só os elementos físicos, senón tamén as lendas e historias asociadas: “sería moi importante que concellos e parroquias fixesen inventarios de todos estes elementos que teñen lenda e que están a ser dinamitados. Coa súa perda, tamén se perde o noso patrimonio oral que tamén é motivo de protección”. Pola súa parte, Antonio Reigosa afondou na literatura oral relacionada co patrimonio arqueolóxico lugués, como os castros de Viladonga ou Piugos ou os castelos, como o de Picato en Outeiro de Rei. Reigosa tamén expresou a necesidade de que as administracións de ámbito local e autonómico presten máis atención ao patrimonio relativo á nosa literatura oral.
A lingüista e doutora en toponimia Xulia Marqués foi a encargada de abrir a quenda de ponencia sobre a toponimia ou os nomes de territorio. A profesora destacou o dano que as concentracións parcelarias supuxeron para a preservación dos nomes de lugar, a fitotoponimia (relativa á flora) e a zootoponimia (relativa á fauna). Así, a perda material de elementos naturais e patrimoniais leva consigo a perda do patrimonio inmaterial e, nomeadamente, da microtoponimia. Marqués destacou o papel das escola na dignificación e preservación da toponimia que fornece de “pluralidade de información, detalles dos grupos humanos, dos espazos, do idioma, de crenzas , de historia e, en definitiva, de identidade”, dixo Marqués, “e para informar hai que educar, para educar hai que coñecer, e para coñecer hai que protexer e valorar”. Pola súa banda, o lucense Xosé Miranda criticou a tendencia “maniática” das autoridades públicas de mudar os vellos topónimos dos lugares por nomes honoríficos ou de repertorio, co conseguinte baleirado de significado e sentido dos nomes dos espazos. Así mesmo, enumerou unha ampla lista de topónimos que emoreceron, que foron mudados ou que foron trasladados a espazos alleos ao lugar designado, etc. Algúns dos nomes de lugar desaparecidos na cidade de Lugo citados por Miranda: o campo das cagallas, o cagarrón, o campo da botella, o carril da ramella, o frontón, rúa da cañería, rúa do sol, carril dos fornos, etc. Tamén o escritor Gonzalo Navaza, especialista na toponimia galega, chamou a atención das administracións locais e a Xunta competentes na preservación dos nomes de lugar e do patrimonio toponímico sobre a preservación deste ben inmaterial. Segundo Navaza, a toponimia é parte fundamental, e quizais a máis obxectiva, do patrimonio cultural dunha comunidade. En segundo lugar, resaltou a extraordinaria riqueza de topónimos que ten o noso territorio galego, favorecida pola dispersión da poboación, a orografía e a fragmentación da propiedade. Alén disto, coincide con Miranda no rexeitamento da toponimia conmemorativa e de repertorio, tamén desaconsellada pola Unesco.
Os literatos nados en Lugo, Paco Martín e Isidro Novo, xunto coa escritora María Reimóndez relataron a súa experiencia vital no territorio lucense desde a perspectiva de tres xeracións distintas que compartiron un mesmo espazo. E na última palestra, moderada por Xurxo Souto, versaron sobre o territorio na literatura as escritoras Pilar García Negro e Adela Figueroa Panisse. Rosalía de Castro, Otero Pedraio, Carvalho Calero, Luis Pimentel, Manuel María, Castelao ou Anxel Fole foron, segundo Pilar García Negro, autores fundamentais na literatura galega que constribuíron especialmente a retratar a cidade de Lugo a través do seus relatos. Actualmente, destacan neste sentido, Marica Campo ou Isidro Novo, entre outros. Pola súa banda, Adela Figueroa explicou como a imaxe e a memoria de Lugo trascendeu na súa literatura.
O acto estivo amenizado pola actuación da coral LUGH e dous membros do grupo de música tradicional de Lugo “Os Frebudos”. |