Adega
INICIO Novas Xunta e Ministerio "atallan" a lexislación ambiental e autorizan dragar a Rede Natura sen todos os informes preceitivos

ADEGA - Ferrolterra

VIDEOS ADEGA-Ferrolterra

EUME: carbonato por un tubo!

JavaScript is disabled!
To display this content, you need a JavaScript capable browser.

Xunta e Ministerio "atallan" a lexislación ambiental e autorizan dragar a Rede Natura sen todos os informes preceitivos PDF Imprimir Correo-e
Envia Xunta e Ministerio "atallan" a lexislación ambiental e autorizan dragar a Rede Natura sen todos os informes preceitivos a FaceBookEnvia Xunta e Ministerio "atallan" a lexislación ambiental e autorizan dragar a Rede Natura sen todos os informes preceitivos a Twitter
Ferrol, 24 de outubro de 2011. Este pasado día 20 comezou o dragado dos fondos da ría de Ferrol, en plena Rede Natura 2000 (LIC Costa Ártabra). Trátase dun dos ecosistemas submariños máis interesantes e biodiversos de Galiza nos que frecuentemente aparecen novas especies. Porén, a DIA (Declaración de Impacto Ambiental) favorábel feita polo ministerio de M.A.R.M carecía inicialmente do preceitivo informe da D. X. de Conservación da Natureza. Deste xeito, unha agresiva intervención sobre un espazo protexido comezouse a desenvolver de xeito alegal. Se as administracións responsábeis omiten o cumprimento dos procedementos e prazos fixados nas leis ambientais, como van garantir a protección noso patrimonio natural?

A DIA  do proxecto “Mellora dos calados da canle de entrada ao interior da Ría de Ferrol- A Coruña no LIC Costa Ártabra-ES-1110002” promovido pola Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao, foi emitida no BOE do 3 de xaneiro de 2011 polo órgano ambiental que é o Ministerio de Medio Ambiente. Como noutros casos, a resolución minimiza ou oculta os efectos negativos de determinados impactos, en particular os efectos sobre as especies protexidas. A este respsito, nada novo pois. O máis grave (que mesmo pode ser obxecto de denuncia e recurso xudicial) é que o Ministerio en connivencia coa Xunta, incumpriu de xeito  grave e demostrábel o procedemento legal determinado polo RD 1/2008 (de Avaliación de Impacto Ambiental), a Lei 42/2007 (do Patrimonio Natural e da Biodiversidade), e a DC 92/43/CEE (Directiva de Hábitats): A DIA do Ministerio carece do informe perceptivo que debería emitir o órgano responsable da xestión da Rede Natura 2000 en Galiza, isto é, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

A necesidade deste informe perceptivo queda recollida no artigo 4.3 do RDL 1/2008 de Avaliación de Impacto Ambiental que di "Cando corresponda á Administración Xeral do Estado formular a declaración de impacto ambiental regulada nesta Lei, será consultado preceptivamente o órgano ambiental da comunidade autónoma onde se ubique territorialmente o proxecto". Este punto cúmprese só en parte: na páx. 554 da DIA, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente "INFORMA POSITIVAMENTE o proxecto e recorda a necesidade de solicitar informe á Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta ademais da necesaria autorización da Consellería de Medio Rural por ser un espazo ZEPVN". De xeito que a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente emite un informe incompleto a sabendas que falta o da D.X. de Conservación da Natureza.

A propia DIA recoñece que a D.X. de Conservación da Natureza, que é a responsable na xestión dos espazos naturais protexidos en Galiza, NON INTERVEU NO PROCEDEMENTO DE AVALIACIÓN AMBIENTAL dunha obra que se ía desenvolver nun espazo natural protexido da Rede Natura.

Ademáis o artigo 45.4 da Lei 42/2007 do Patrimonio Natural di “Calquer plan, programa ou proxecto que, sen ter relación directa coa xestión do lugar uo sen ser necesario para a mesma, poda afectar de forma apreciable aos citados lugares... someterase a unha adecuada avaliación das súas repercusións que se realizará de acordo coas normas de aplicación, de acordo co establecido na lexislación básica estatal e nas normas adicionais de protección ditadas polas Comunidades autónomas, tendo en conta os obxetivos de conservación de dito lugar. Á vista das conclusións da avaliación das repercusións os órganos competentes para aprobar ou autorizar só poderán manifestar a súa conformidade cos mesmos tras asegurarse de que non causará perxuicio á integridade do lugar, e se procede, tras sometelo a información pública”. De novo, a DX de Conservación da Natureza non informou con base ás súas competencias na Rede Natura.

Como resultado destas "omisións" e irregularidades no procedemento, a DIA debería ser anulada por emitirse sen contar co informe preceptivo da D.X. de Conservación da Natureza que é a que tiña que informar preceptivamente sobre as repercusións da obra nos valores naturais deste espazo protexido da Rede Natura. A chafallada complétase cando o Ministerio pide informe e autorización á D.X. de Conservación da Natureza 9 meses despois de emitirse a DIA!

Como o punto 5.d da DIA recollía que “O calendario de execución contará coa aprobación da Dirección Xeral de Conservación da natureza da Xunta de Galicia”, o xoves 20 de outubro, momento en que comezan as obras, ADEGA presentouse na Autoridade Portuaria e solicitou ver a autorización da D.X. Conservación á que se refire a DIA. Entregáronnos unha copia da autorización do Director Xeral con data de saída da Xunta do 10 de outubro de 2011 e de entrada na Autoridade Portuaria do 7 de outubro!!!, todo un exemplo de eficiencia administrativa con salto atrás no tempo incluido. A devandita autorización trascribe o informe favorábel do Xefe do Servizo de Conservación da Natureza da Coruña onde fai referenza, por 3 veces, a un "Informe do biólogo deste Servizo Provincial do 23 de xullo de 2010", informe que solicitamos á Autoridade Portuaria e que respostaron que non tiñan. Que é o que diría este misterioso informe, emitido dentro do prazo de información pública, para que nunca chegara ao Ministerio ou non lles interesara facelo público?

Que non se inclúa este informe na DIA resulta sospeitoso, por canto é moi probábel que este fora negativo. É o colofón a un cúmulo de irregularidades (incumprimento grave do artigo 6 da Directiva de Hábitats, incumprimento da lexislación de impacto ambiental e da Lei 42/2007) que remata na emisión dunha DIA fraudulenta a sabendas que faltan documentos necesarios. Por iso, ademais de solicitar a anulación desta DIA trasladaremos a Europa este asunto e poñeremos en coñecemento da Fiscalía todo o procedemento para dirimir as responsabilidades que atinxan á Xunta e ao Ministerio.
As leis ambientais son de obrigado cumprimento para todos/as, e as administracións deberían ser as pimeiras en respectalas!
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA