Adega
INICIO Novas Participa na marcha pola rexeneración da Ría do Burgo
Participa na marcha pola rexeneración da Ría do Burgo PDF Imprimir Correo-e
Envia Participa na marcha pola rexeneración da Ría do Burgo a FaceBookEnvia Participa na marcha pola rexeneración da Ría do Burgo a Twitter
verquido_ría_do_burgoA Coruña, 27 de setembro de 2011. ADEGA, como membro da Plataforma pola Defensa da ría do Burgo, vai participar na manifestación deste 2 de outubro para esixir á Xunta e ao Estado un plan de rexeneración e saneamento integral da Ría, así como a limpeza das lamas do fondo do esteiro. Esta reivindicación que se vén facendo desde hai anos, volve a reactivarse a través desta marcha que terá lugar un mes despois vertido de 37.000 litros de queroseno no corazón da ría, e sobre o que publicamos este documento sobre os  Efectos do queroseno na Ría do Burgo  (32 Kb) .

ADEGA pide a colaboración da cidadanía e a súa asistencia á manifestación para conseguir que os dous gobernos deixen de evadir a súas resopnsabilidades e asuman as súas obrigas establecendo prazos reais para a rexeneración integral da ría, do mesmo xeito que establecen prazos para obras faraónicas do aeroporto de Alvedro  e o outros sen sentido. En ADEGA xa estamos fartos de que os gobernos unha vez ao ano envíen notas á prensa dicindo que xa hai cartos para a rexeneración e de que fagan alarde da toma de acordos que non quedan máis que en lerias entre partidos políticos e en fotos que buscan só votos.

ria_do_burgo

Cremos que a ría non pode esperar máis e esiximos dunha vez por todas un plan de rexeneracíon que non quede na estantería da consellería. A vertedura de queroseno producida o día 2 de setembro forma parte dun longo etcétera de incidentes que leva padecendo ao longo deste século e do pasado a Ría do Burgo. As verteduras máis coñecidas as producidas polos accidentes dos petroleiros Urkiola e Mar Exeo ou as numerosas e repetidas "perdas" da terminal de carga de Repsol. Pero non só está a ser agredida pola contaminación de hidrocarburos: verteduras de augas fecais, (a máis recente delas hai escasos días), os numerosos plásticos que adoitan verse flotando, o constante goteo de aceite de automo ción que de seguro chega á ría polos sumidoiros de augas pluviais, os numerosos recheos feitos para a construción dos paseos marítimos e fluviais, etc., forman unha longa restra de atentados ecolóxicos que vén soportando a ría do Burgo.

As Administracións deben devolverlle o explendor roubado á ría do Burgo e convertela  nunha fonte de ingresos para a comarca, asociando postos de traballo a actividades náuticas, ao marisqueo ou  ao turismo, que nestes tempos de crise tan necesarios son.

CHARLA SOBRE OS EFECTOS DO QUEROSENO NA RÍA

Alexandre García, biólogo mariño e membro de ADEGA, dará este martes 27 de setembro, ás 20:30, unha charla sobre o estado da Ría do Burgo  e sobre as accións a levar a cabo para a súa recuperación, na Asociación de Veciños de Oza- A Gaiteira - Os Castros no local da Asociación (Rúa Mercede, 56 baixo).

Así que animamos á cidadanía a participar desta charla, así como na marcha que partirá o 2 de outubro desde a Praza de Europa do Burgo ata a mesma ría. Será o xeito que teremos de  dicirlles aos políticos que xa está ben de que as grandes obras na comarcas se rixan máis polos intereses das grandes construtoras que polos intereses reais da xente que vivimos nela, e que o medio ambiente e a creación de postos de traballo deberían ser prioritarios para aumentar a nosa calidade de vida.

Achegamos un documento onde o biólogo mariño e membro de ADEGA, Alexandre García, analiza os posibles efectos deste verquido. Os_efectos_da_vertedura_de_queroseno_na_ria_do_Burgo

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

logo-plataforma-burgo

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA