Concentración no Toural e denuncia na UE pola contaminación da ría do Burgo |
A Coruña, 3 de agosto de 2010. A Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo, integrada por máis de 30 asociacións ecoloxistas, veciñais, políticas, deportivas e empresariais, decidiu levar o problema de degradación deste espazo ao Parlamento Europeo, ao considerar que a pasividade e a connivencia das autoridades responsábeis (Estado, Xunta e concellos de A Coruña, Oleiros, Cambre e Culleredo) está criando unha situación de emerxencia ambiental e poñendo en risco continuado a saúde humana. Aliás este sábado 7 de agosto ás 11:30h concentrarémomos na praza do Toural en Compostela, para protestar pola contaminación da ría e amosar as evidencias do seu pésimo estado. Baixa a Denuncia_UE_RÍA_DO_BURGO (185 Kb) No escrito apresentado perante a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo denúnciase o incumprimento de até tres directivas europeas: -Directiva 79/923/CEE, en relación coa calidade das augas. -Directiva 91/271/CEE, relativa ao tratamento de augas residuais urbanas, que leva un retraso de dez anos no seu cumprimento, xa que A Coruña aínda non conta con EDAR. -Directiva 2006/113/CE, sobre a calidade esixida nas augas destinadas á cría de moluscos que obriga a tomar medidas para reducir a contaminación existente. Tanto ADEGA como a propia Plataforma consideramos moi importante que se delimiten as responsabilidades de cada institución para evitar que segan sen facerse cargo do problema. Todas as administracións son culpábeis: tanto o estado español (Ministerio de medio Ambiente, Rural e Mariño) con competencias no DPMT e no control das verteduras ao mar; como a Xunta de Galiza (Augas de Galiza, Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e Consellería do Mar) e os concellos afectados que limitan coa ría do Burgo (A Coruña, Oleiros, Cambre e Culleredo) incumpriron as leis, e portanto fican agora denunciadas perante a UE. Dende 1986 levamos escoitando promesas de saneamento da ría do Burgo, que polo de agora para o único que serviron foi para encher xornais e panfletos eleitorais, namentres o lamas contaminadas ían acumulándose até chegar aos 1,90 metros de espesor, facendo inviábel a produción de bivalvos. Por iso, se as administración competentes non cumpren coa súa función de sanear a ría, confiamos que as sancións da UE obríguenlles a tomar dunha vez en serio este problema denantes de que a situación sexa irreversíbel. E por isto que ADEGA, xunto cos demáis colectivos que fan parte da Plataforma, esiximos: -Rematar coa contaminación causada polas verteduras directas á ría do Burgo. -Imposición de sancións exemplares para os causantes das verteduras, constantes e reiteradas nos últimos anos, e das que o SEPRONA ten cumpridos datos. -A posta en marcha con carácter urxente dun proxecto integral de saneamento e rexeneración medioambiental da ría. -A inmediata posta en funcionamento do EDAR de Bens, xa que A Coruña é a única grande cidade do estado que aínda non conta cunha depuradora de augas residuais. |