ADEGA participa na creación da Plataforma en defensa do tren da comarca da Coruña |
A Coruña, xuño 2013. Constituiuse na comarca da Coruña, a Plataforma en defensa do tren, co obextivo de parar o roubo que se está a cometer deste servizo necesario para a cidadanía e para o medio ambiente. ADEGA sumase a esta plataforma xa que vemos necesario que se manteñan os servizo actuais, e que se melloren liñas tanto en servizos como en frecuencias como podería ser a de Ferrol, A Coruña e que se paren estes recurtes aludindo a que como gastaron na liña do AVE agora teñen que recortar as liñas que ofrecen unha total vertebración do país. A plataforma elaborou o seguinte manifesto: POR UN TREN PÚBLICO E SOCIAL NA NOSA COMARCA
A chegada do tren a Galiza foi recibida pola sociedade de finais do século XIX como un símbolo de progreso e modernización fronte ao atraso, marxinación e illamento no que estaba sumido o país. Durante o século XX, con moito atraso sobre outras zonas do estado español, fóronse construíndo novas liñas de ferrocarril que ampliaban a rede e servían para paliar a precariedade que presentaban outras vías de comunicación. Con todo, o trazado presentaba unha eiva aínda existente: o deseño do camiño de ferro primou a comunicación con Madrid e non a articulación da comunicación interna A pesar da súa importancia, durante as últimas décadas o tren convencional deixou de estar nas prioridades dos sucesivos gobernos autonómicos e do estado. Non se investiu en mellorar os servizos e as infraestruturas ata que foron deixando de ser operativas. A existencia do tren en Galiza desenvólvese nun círculo vicioso onde a redución de frecuencias e o desmantelamento de liñas e estacións ven provocando unha paulatina perda de viaxeiros/as que se utiliza como argumento para xustificar a eliminación de máis servizos no canto do investimento en melloras que o farían perfectamente viábel, como acontece coas melloras -aínda que matizábeis pola redución de servizos para poboacións intermedias- realizadas na liña A Coruña-Santiago, reformada tras unha intensa demanda social. Así as cousas, o Ministerio de Fomento ven de presentar o Plan de Racionalización de servizos ferroviarios de media distancia. Este plan é un ataque que ameaza gravemente o noso sistema ferroviario. Contempla a desaparición de estacións con baixos índices de utilización e a redución de servizos noutras ata o punto de facer inviábel a súa utilización práctica. No caso do servizo entre A Coruña e Ferrol pon en cuestión a propia existencia futura do servizo. A medición da rendibilidade do tren con criterios exclusivamente económicos -e metodoloxicamente discutíbeis- e as progresivas actuacións que apuntan a unha intención privatizadora do ferrocarril significarán, de non haber un posicionamento e unha resposta popular contundente, a desaparición do ferrocarril público e social. Por este motivo, as persoas e colectivos asinantes deste manifesto DICIMOS: -O ferrocarril debe seguir sendo un servizo público de propiedade pública, no que debe primar, por riba doutras consideracións económicas ou de intereses particulares, o beneficio social que este medio de transporte supón para o conxunto da comunidade.
-A planificación e o servizo ferroviario deben ser unha unidade integrada que responda da infraestrutura, do transporte, do mantemento e do seu patrimonio de xeito que permita a súa viabilidade e a súa vocación de servizo público.
-O ferrocarril convencional é o medio de transporte social por excelencia, que presta un servizo ao alcance de toda a sociedade. É respectuoso co medio natural e favorece a integración e vertebración territorial.
-Débense realizar investimentos no ferrocarril convencional para recuperalo do seu prolongado abandono, con actuacións dirixidas á mellora das liñas (electrificación, duplicación de vías e mellora de trazados), modernización dos sistemas de seguridade e sinalización, aumento de frecuencias e recuperación de servizos e infraestruturas; rexeitando a política que impón o modelo AVE en detrimento do ferrocarril convencional -de maior potencialidade, funcionalidade e utilidade
para as maiorías sociais e factor de desenvolvemento social e económico.
-Esiximos que os gobernos central e autonómico fagan forza ante a Unión Europea para que proceda ao desenvolvemento das nosas conexións por ferrocarril no marco do eixo atlántico de transportes que nos vincula con Europa e Lisboa, ao mesmo nivel que os eixos central e mediterráneo.
-O traspaso ao ferrocarril das mercadorías transportadas por estrada alí onde é posíbel posibilitaría o desbloqueo do colapso físico, de consumo enerxético e degradación ambiental que provoca, así como un aforro que non se adoita computar cando se fala da rendibilidade do tren. -É necesario favorecer a intermodalidade do transporte público, principalmente a complementariedade entre o ferrocarril e o transporte público colectivo por estrada a todos os niveis (compatibilidade horaria, percorridos complementares, estacións ou billete único).
-O uso do tren e do transporte público é a mellor alternativa á saturación das infraestruturas propias e o alto impacto ambiental negativo que provoca a promoción do vehículo privado como principal medio de desprazamento entre os concellos da comarca da Coruña e das Mariñas. -Por todas estas razóns, declarámonos firmemente contrarios e reclamamos a anulación das medidas adoptadas polo goberno no Plan de Racionalización de servizos ferroviarios de media distancia conducentes á eliminación total de servizos nalgunhas estacións (p.ex. Franza) ou a súa drástica redución ata o punto de supor a súa inutilidade práctica nas liñas A Coruña-Ferrol e A Coruña-Lugo. -Reclamamos a creación dun servizo de proximidade entre A Coruña-Ferrol mediante a implantación dun tren de cadencia que aumente os horarios e as frecuencias para facelo socialmente rendíbel e economicamente viábel como único xeito de consolidar unha liña actualmente ameazada e que deberá dar servizo de calidade a zonas densamente poboadas como O Burgo, Cambre, Betanzos, Pontedeume, etc. Este tipo de servizos veñen funcionando perfectamente en áreas incluso
menos poboadas noutras zonas do estado como Santander, Cádiz, ou Donostia. -Pedimos que se acometan melloras no servizo A Coruña-Lugo de xeito que dea servizo e conexión das cidades coas localidades interiores para acadar a máxima vertebración posíbel e rendemento económico e social para localidades como Oza, Cesuras, Piñoi, Curtis, Teixeiro, Guitiriz, Parga, Baamonde, Begonte, Rábade, Lugo, etc., e non un modelo no que só se contemple a conexión entre as cidades.
-É necesario dotar de conexión ferroviaria puntos como o aeroporto de Alvedro, Campus, zona sanitaria e, xeito especial e urxente, o porto exterior de Punta Langosteira.
-Débese proceder á construción de novas estacións naquelas poboacións da comarca onde o crecemento demográfico que se produciu o xustifica para seren utilizadas como servizo de proximidade (A Barcala, As Xubias, Guísamo).
-Solicitamos unha política de prezos que favoreza a utilización do servizo por parte de persoas con diversidade funcional, en situación de desemprego, pensionistas ou estudantes. -Débense acometer nun futuro próximo a construción de novas infraestruturas que completen o mapa do ferrocarril galego como, na nosa zona, a liña A Coruña-Arteixo-Carballo. -Ademais, rexeitamos que os recortes en materia ferroviaria, así como a precarización e destrución de empregos no sector van ter como consecuencia directa o deterioro do servizo e a diminución da seguridade, polo que consideramos de interese xeral a existencia dun marco laboral común e cohesionado que garanta as condicións e postos de traballo dos traballadores e traballadoras. QUEREMOS UN FERROCARRIL PÚBLICO, SOCIAL E DE CALIDADE. O TREN É DO POBO PORQUE FOMOS NÓS OS QUE O CREAMOS E MANTIVEMOS, E NINGUÉN TEN DEREITO A ARREBATARNOS O QUE NOS PERTENCE. Asinantes: Espazo Ecosocialista
Esquerda Unida
Equo
Galiza Nova
ADEGA
Fronte Cívica-Somos maioría
Comités
Anova
Cut
15M Monte Alto
Corrente Vermella
Nós Unidade Popular
CGT
BNG
Plataforma pola mobilidade
Agrupación Cultural Alexandre Bóveda |