Adega
INICIO RSS Radio Cerna Contidos Radio CERNA
Contidos Radio CERNA PDF Imprimir Correo-e
Envia Contidos Radio CERNA a FaceBookEnvia Contidos Radio CERNA a Twitter

CONTIDOS

 

A función social reivindicativa, educativa e formativa de ADEGA precisa de canles de comunicación axeitadas que permitan a interactividade entre a entidade ecoloxista e a sociedade galega en xeral, tan só deste xeito é posíbel deseñar directrices comúns para o desenvolvemento económico, social e ambiental de Galiza. Por iso Radio CERNA pretende ser o foro, non só das entidades ecoloxistas galegas, senón tamén de aqueles outros sectores sociais implicados nesta finalidade común.

Radio CERNA emite diariamente, de luns a venres, espazos dunha duración aproximada de 10 minutos nos que se retransmiten contidos relacionados co ecoloxismo ou coa temática ambiental de Galiza que teñan interese informativo ou educacional para o conxunto da sociedade. CERNA analiza a realidade ambiental galega desde diferentes perspectivas (económica, social e política) e conta coa participación de colaboradores e colaboradoras especializados/as nos distintos eidos do ecoloxismo: biodiversidade, terminoloxía ambiental, lexislación sobre o medio ambiente, consellos para a vida cotiá, patrimonio natural e cultural, enerxías alternativas, toponimia, etc. Tamén informa das novas ambientais máis relevantes que teñen lugar cada semana no territorio galego e ofrece aos cidadáns un espazo de queixa ou denuncia pública de calquera situación que atente contra o noso patrimonio natural ou que sexa degradante para o medio ambiente galego.

A continuación sinálanse algunhas das seccións das que consta o espazo radiofónico Cerna de ADEGA:

· Tema A FONDO:
Aborda un tema de actualidade ou de relevancia referente ao medio ambiente galego.

· Terminoloxía sustentábel
Neste apartado defínense termos ou expresións utilizados nas ciencias naturais e explícase a súa funcionalidade ambiental.

· Alternativas limpas
Nesta sección faise referencia aos estudos de investigación máis actuais que se basean nas novas formas de desenvolvemento socio-económico e ambiental inocuas para o medio, dándolle prioridade a temáticas sobre as enerxías renovábeis.

· Consellos para a vida cotiá
Neste espazo danse recomendacións para convivir de xeito adecuado co medio ambiente e protexelo de axentes nocivos e contaminantes na nosa vida diaria.

· Toponimia
Explicación do significado etimolóxico dunha localidade ou recuncho de Galiza, moitos deles relacionados co noso patrimonio natural, co obxecto de recuperar e apreciar a nosa memoria histórica.

· Patrimonio
Falamos da riqueza cultural e patrimonial que Galiza agocha en todo o seu territorio coa intención de concienciar á sociedade galega da importancia do seu coidado e conservación.

· Flora e fauna
Explícanse as peculiaridade das especies vexetais e animais propias ou endémicas de Galiza.

· Lexislación Ambiental
Especialistas en dereito ambiental dan a coñecer as diferentes figuras lexislativas que nos obrigan e defenden das ameazas ambientais.

· Boletín informativo semanal
O obxectivo é manter informado ó noso ouvinte dos atentados que sofre o ecosistema galego e das alternativas que existen para combatelos.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 


ADEGA