Redondela, 15 de xuño de 2009. A falta de previsión do Dpto. de Xestión de Patrimonio do Estado coas obras de instalación dunha rede de protección no antigo viaduto do tren en Redondela, causou graves danos a unha colonia de mais de 80 niños de andoriñas de cu branco ( Delichon urbica) e cirrios ( Apus apus), unha das maiores da provincia. Ambas especies insectívoras están en regresión e están catalogadas como de interese especial no Catálogo Español de Especies Ameazadas. Hai uns días, e ante a insistencia dos compañeiros/as de ADEGA-Vigo, abríronse finalmente uns buratos na rede, como solución para que as andoriñas puideran alimentar ás súas crías. Pero moitos niños estaban xa perdidos porque os pitos morreron de fame logo de días sen comer.
Con todo isto, dende ADEGA manifestamos as nosas dúbidas sobre o futuro da colonia, xa que despois de moitos anos aniñando no mesmo sitio, as condicións mudaron radicalmente. Aínda que consigan logar as niñadas este verán, é posible que nos vindeiros anos as andoriñas deixen de aniñar en Redondela dadas as dificultades.
Dende ADEGA reclamamos que se rematen de abrir os accesos na rede aos niños que aínda faltan, cando menos para que as andoriñas poidan efectuar a última posta deste ano. Estas intervencións, ao igual que no seu momento aquel nefasto "Plano de Selado de Minas Abandonadas" que perxudicou gravemente á poboación galega de morcegos, requiren dun Estudo de Impacto Ambiental por afectar a especies protexidas.
Demandamos das administración máis sensibilidade e compromiso coa conservación do noso patrimonio natural: non sempre son precisos cuantiosos investimentos, abonda con facer as cousas ben e cun pouco de respecto polos demáis seres que comparten o noso espazo vital.
Agradecemos a colaboración da cidadanía de Redondela pola súa colaboración e sensibilidade ambiental. |