Adega
INICIO Novas ADEGA pide a paralización das obras en Cíes sobre as dunas de Muxieiro
ADEGA pide a paralización das obras en Cíes sobre as dunas de Muxieiro PDF Imprimir Correo-e
Envia ADEGA pide a paralización das obras en Cíes sobre as dunas de Muxieiro a FaceBookEnvia ADEGA pide a paralización das obras en Cíes sobre as dunas de Muxieiro a Twitter
muxieiro1.jpgVigo, 30 de setembro de 2009. ADEGA vén de solicitar á Dirección do Parque Nacional das Illas Atlánticas, á D. X. de Conservación da Natureza (Xunta) e á D. X. de Costas (Ministerio de M. A.) a paralización urxente das obras dunha pasarela en Cíes. A obra, promovida pola Dirección Xeral de Costas, está pensada para “millorar a accesibilidade” do parque en substitución do muro de cemento na fronte dunar que partía do peirao de Rodas. A obra da nova pasarela suscitou dende un principio importantes discrepancias entre os expertos debido aos posíbeis impactos sobre os hábitats e as especies protexidas. No entanto, e desouvindo o Principio de Precaución, cuxa aplicación debería ser preceitiva tratándose dun espazo coa máxima categoría de protección, a maquinaria pesada está xa na praia “tallando” a nova pista sobra as dunas fósiles de Muxieiro: un auténtico atentado ecolóxico.

muxieiro2.jpgO punto clave é a ausencia de estudos de accesibilidade ao Parque Nacional que valoren a mellor zona de acceso, evitando Punta Muxieiro por tratarse dun dos ecosistemas terrestres de maior valor das illas, e en calquera caso, facendo un estudo serio de avaliación de alternativas. Só se eses informes, unha vez estudados por técnicos e debatidos no Padroado, determinasen a imposibilidade de acceso público por outro lugar, poderiase considerar a actual proposta.
A maiores, o Estudo de Efectos Ambientais no que se basean estas actuacións presenta graves eivas: algúns parágrafos están manifestamente copiados doutros proxectos e, no seu conxunto, non se adapta as particularidades dunha illa nin ás mínimas esixencias que merece un Parque Nacional, santuario da conservación da natureza. Nin sequera fan unha escolma acertada das figuras de protección do espazo, falando do Parque "Natural" Illas Atlánticas.
Este documento non estabelece ningún plano serio de seguemento e eliminación de plantas exóticas e invasoras, unha das principais ameazas das dunas, que se ve potenciada por movementos de terra como os que se están a facer; non avalían que especies poden ser as máis perigosas e como enfrontalas; dá recomendacións erradas sobre a mellor época para a execución das obras segundo os impactos na fauna; e promove plantacións e sementeiras innecesarias que só poñen en risco a estabilidade das poboacións naturais.
Parágrafos escandalosos son:
- Efectos da obra sobre fauna: fálase do "riesgo sobre anfibios", totalmente ausentes na área de traballo, e non citan nada de réptiles catalogados ameazados (Catálogo de Especies Ameazadas de Galiza, Decreto 88/2007) como a poboación insular de escáncer de patas ibérico (Chalcides bedraiagai).
- Plano de vixianza da vexetación: "Efectuar plantaciones y/o siembras en las zonas denudadas". Innecesarias a priori. Neste caso caso non se especifica que deben ser feitas con material xenético da propia illa. No relativo á paisaxe falase dun "Plan de revegetación orientado a amortiguar el impacto producido sobre el paisaje. Para ello se emplearán especies vegetales propias de la región". Aparte de innecesario e fóra de contexto, non se poden usar plantas propias da “rexión”, senón da illa. E non hai ningunha referenza ás xoias botánicas das dunas de Muxieiro como as ameazadas camariña (Corema album) e herba de namorar das dunas (Armeria pungens).
- Plano de vixianza de fauna: Copia flagrante doutro estudo (pax. 16): "Evitar realizar las obras en los periodos migratorios (Abril-Mayo y Septiembre-Octubre) y en el invierno. Recordemos la importancia de Punta Carreirón ??? en la migración e invernada de numerosas especies de aves". (Pta. Carreirón = Illa de Arousa). Neste caso non se pode alegar despiste porque en Muxieiro (Cíes) a importancia ornitolóxica non se refire á invernada e á migración, senón á nidificación (paxariños nas dunas). E aínda que fora como din: por que comezan as obras precisamente na migración e invernada?
Á vista destes datos, temos novamente que concluir que o Parque Nacional das Illas Atlánticas está practicamente abandonado no que atinxe á conservación da natureza, con centos de necesidades urxentes de actuación e porén pragado de obras sen avaliacións serias.
ADEGA, alén de solicitar a paralización inmediada das obras, demanda das administracións responsábeis (Xunta e Ministerio) menos improvisación e más transparencia á hora de propoñer calquera intervención. ADEGA lembra á dirección do Parque Nacional que o principal obxectivo deste espazo, e portanto tamén dos seus xestores, é a conservación dos valores naturais do contorno. Non poñemos en dúbida a necesidade de valorizar e divulgar entre a cidadanía os recursos con que conta este valiosísimo espazo natural. Mais nunca se debe perder de vista a prioridade da conservación nen promover actuacións que, ademáis de basearse en informes chafalleiros, non contan co consenso dos expertos nin foron avaliadas polo organismo de participación pública, neste caso o Padroado.
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA