Adega
INICIO Novas Veciñanza e ADEGA piden a paralización do vertedoiro de Campomarzo en Silleda
Veciñanza e ADEGA piden a paralización do vertedoiro de Campomarzo en Silleda PDF Imprimir Correo-e
Envia Veciñanza e ADEGA piden a paralización do vertedoiro de Campomarzo en Silleda a FaceBookEnvia Veciñanza e ADEGA piden a paralización do vertedoiro de Campomarzo en Silleda a Twitter

campomarzoPontevedra, 6 de setembro de 2011. A veciñanza de San Martiño de Pazos (Silleda) e ADEGA piden a paralización da actividade e retirada do vertedoiro de residuos instalado na antiga canteira de Campomarzo S.A. por incumprir a lexislación de residuos e por non aterse á tramitación ambiental obrigada. O vertedoiro sufriu o pasado 31 de agosto un incendio que puxo de novo en alerta a veciños e ecoloxistas, non só pola ilegalidade do depósito, senón polas súas consecuencias ambientais e de risco para a seguridade e a saúde pública, agravadas polo incendio. Piden responsabilidades á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación ambiental por outrogar o ano pasado a Autorización Ambiental Integrada á empresa sen cumprir os requirimentos legais, facendo pasar o vertedoiro por un depósito de inertes.

O pasado 31 de agosto, un incendio no vertedoiro de residuos de construción e demolición (o segundo en catro anos) que a empresa mineira Campomarzo S.A explota no lugar de Campomarzo (Silleda) volvía a preocupar de novo a veciños e ecoloxistas, polos  evidentes riscos de contaminación que supón esta instalación na vertente esquerda do río Toxa. Os riscos vense ademais notablemente incrementados en caso de incendio, tanto polos fumes contaminantes emitidos (dioxinas, furanos e hidrocarburos aromáticos) como polos lixiviados producidos pola auga e escumas utilizados nos labores de extinción do lume afectados por toda diversidade de compostos químicos que se forman nestes procesos de combustión incontrolada.

Ante a nosa preocupación pola contaminación dos acuíferos, do río Toxa, do solo e do aire,  ADEGA e a AA.VV. de Pazos (Silleda) denunciamos de novo ante a Secretaria Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental a ilegalidade do vertedoiro, pero agora tamén a ilegalidade da Autorización Ambiental Integrada (AAI) outorgada pola Xunta en maio do 2010, reclamando a paralización da actividade e a retirada de todos os residuos indebidamente depositados.

Desde o ano 2002, os veciños de Pazos veñen soportando a presenza deste vertedoiro nun dos ocos da canteira de Campomarzo máis próximos ao río Toxa. Trátase dunha instalación completamente ilegal que inicia a súa actividade sen autorización algunha e sen contar con impermeabilización de ningún tipo. Os veciños xa alegaran ante a D.X. de Calidade e Avaliación Ambiental en maio de 2008 e  no trámite de exposición pública da solicitude de autorización ambiental integrada (AAI) para a legalización da actividade, e o goberno bipartito non legalizou a actividade por non cumprir, entre outras cousas, cos requisitos de impermeabilización que esixe o Real Decreto 1481/2001 para este tipo de residuos.

Sen embargo, o actual goberno concedeulle unha autorización ambiental integrada en 2010 en contra da lexislación e  facendo pasar por un depósito de residuos inertes un vertedoiro que recibe madeiras, plásticos, cartón, papel, etc., xunto con toda unha diversidade de rexeites de residuos sen clasificar. Alén de non cumprir cos requisitos da normativa de residuos, tamén se lle concede a AAI saltándose a tramitación formal. Veciños e ecoloxistas recordan á Secretaria Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental que se trata dun depósito cunha capacidade prevista total de máis de 400.000 toneladas que debería estar sometido ao trámite de avaliación de impacto ambiental por superar as 25.000 toneladas de capacidade.

Así pois, entendemos que esta nova actividade da xestión de residuos ten que facerse compatible coa protección do medio ambiente e a saúde pública e que, en consecuencia, a Administración proceda á revisión da autorización ambiental outorgada declarando a súa nulidade de pleno dereito e á paralización da actividade e retirada dos residuos indebidamente depositados.  De non ser así, non se descartan accións xudiciais para lograr a restitución da legalidade.

 

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA