Lugo, 27 de marzo de 2013. A Confederación Hidrográfica Miño-Sil, a raíz dunha denuncia de ADEGA de 2011, vén de acordar unha sanción contra o Concello de Lugo por ter en mal estado unha antiga arqueta de saneamento na mesma canle do río Rato, que se atopa á altura da rúa Pedáneo Xoán Diego, no barrio de Albeiros. Por ela estase a filtrar grande parte da auga do río Rato que, posteriormente, vai parar ao colector xeral de augas fecais procedentes dos polígonos do Ceao e das Gándaras. Alén desta deficiencia, a Confederación observou tamén o mal estado doutras tubaxes e colectores polos que o río perde auga e que, nos meses de verán sobre todo, deixan practicamente seco o efluente.
A Confederacion Miño-Sil sanciona ao concello, administración competente no saneamento, cunha multa económica de 300 euros e obrígao a reparar en 15 días, non só a arqueta mencionada, senón todas as arquetas, colectores e tubaxes antigas que se atopan na canle dor río Rato. De non facelo, dita a Confederación poderá impoñer multas coercitivas e proceder á execución subsidiaria das obras cargándolle os gastos ao concello de Lugo.
Esta sanción foi motivada a raíz dunha denuncia formulada por ADEGA en outubro de 2011 despois de que membros da asociación ecoloxista comprobamos que unha arqueta abandonada no medio do caudal estaba a "tragar" auga do río, e que río había outra fuga de caudal. Desde ADEGA alertamos da situación, xa que nos meses de verán estas fugas provocan a seca do efluente, ademais de xerar danos na fauna e flora fluviais e de derivar innecesariamente auga do río á estación depuradora do municipio, que en condicións normais debería ir parar ao Miño.
ADEGA puxo en coñecemento do concello as perdas de caudal que sufre o Rato, pero ata o momento non resolveu o problema. Mesmo, técnicos municipais visitaron a zona e comprometéranse a arranxar as fugas. Agora, a Confederación competente na bacía esíxelle ao Concello a reparación dos danos ao dominio público hidráulico o antes posible. Ao mesmo tempo, ADEGA estará vixiante para que se cumpra a sanción en todos os seus termos. |