A xuízo por unha canteira ilegal en Rede Natura que forneceu de pedra á residencia de Fraga e á Cidade da Cultura |
20 de marzo de 2013. Este mércores xúlgase en Lugo aos responsábeis da empresa "Piedra Natural de Muras SL" por promover a canteira "Angelita II" e ocupar a Rede Natura do Xistral. Trala denuncia de ADEGA en 2007, a Fiscalía imputou a dous responsábeis da empresa un delicto contra os recursos naturais e o ambiente, pedindo 5 anos de prisión para cada un e multa de 13.500€. Alén da desfeita no patrimonio natural, este caso exemplifica o escandaloso favoritismo e a conivencia dunha administración (o PP de Fraga) cos infratores: Non só recurtou a Rede Natura do Xistral á medida para acoller esta canteira, fixo a vista gorda cando excedeu dos límites autorizados e ocupou solo protexido, senón que a agasallou con contratos para subministrar pedra á residencia presidencial e á Cidade da Cultura. No banco dos acusados, non están todos os que son...
Os argumentos da denuncia presentada por ADEGA en 2007 eran os mesmos que utilizou a Dirección Xeral de Urbanismo para decretar, xa durante o bipartito, a paralización da actividade desta canteira (DOG de 25/01/2007): Non contar con autorización, nen licenza municipal, e engadindo que nesas datas a explotación tiña xa sobardado a superficie fixada pola DIA invadindo terreos do LIC Serra do Xistral con hábitats prioritarios, que a Directiva 92/43CEE considera en perigo de desaparición. Mais o escandaloso foi o trato de favor que esta canteira recibíu da administracion Fraga, que lle consentíu a actividade extractiva sen ter sequera concesión mineira, nen declaración de impacto ambiental, nen autorización de augas, nen licenza municipal, o que non foi obstáculo para concederlle contratos públicos de subministro de pedra: Primeiro, para a residencia do Presidente da Xunta do Montepío e despois para a Cidade da Cultura (12.000 m2). Para constatar este trato de favor, facemos unha cronoloxía dos feitos relacionados: -A explotación comeza a súa actividade en agosto do 2000, como recoñeceu a mesma administración na DIA (DOG 15/5/2003) sen autorización de ningún tipo nen concesión mineira. A canteira fica incluida ademais na proposta de Rede Natura 2000 (LIC Serra do Xistral) publicada no DOG o 9/11/2009. -Resolución da D. X. de Industria (DOG 10/12/2001) pola que se somete a información pública o estudo de impacto ambiental, o proxecto de restauración e o pase a concesión correspondente á explotación da canteira "Angelita frac. II". -Orde da Consellería de Meio Ambiente (DOG 18/06/2002) pola que se prorroga por un ano a declaración como espazos naturais das zonas propostas por Galiza para formar parte da Rede Natura 2000. A zona da canteira segue incluída no LIC do Xistral. -Acordo do Consello da Xunta (30/6/2002), 15 días despois do anterior, que exclúe da proposta galega de Rede Natura 2000 a zona de explotación ocupada por "Angelita frac. II". Fica deste xeito, un curioso "buraco" na Rede Natura do Xistral pertencente ao concello de Muras e coincidente coa explotación. -Resolución da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental pola que se aproba a DIA da canteira (DOG 15/5/2003). -Resolución da Dirección Xeral de industria (3/7/2003) pola que se lle outorga á empresa unha concesión de seis cuadrículas mineiras para recursos de seixo e outros da sección C), que ficou nun caixón e non se publicou no DOG até o 7 de febreiro de 2007 !!! A actividade continuou até ser denunciada por ADEGA en 2007 perante o SEPRONA sendo paralisada pola Xunta xa na etapa do bipartito. Para entón, a explotación xa medrara até penetrar no territorio protexido do LIC do Xistral, incumprindo os condicionados da DIA. O informe realizado polo SEPRONA veu a confirmar todos os aspectos denunciados, dandolles traslado ao Xulgado do Penal. Segundo o SEPRONA, os feitos denunciados podían ser constitutivos de delicto, por a afectar a hábitats en perigo de desaparición e non contar autorización algunha: Nen de Política Territorial, nen de augas, nen licenza municipal, nen tampouco ambiental ao invadir zonas non autorizadas na DIA. A Audiencia Provincial de Lugo decretou en abril de 2009 a paralización cautelar da explotación. En definitiva, outra ilegalidade máis da que a Xunta de Fraga foi cómplice facendo a vista gorda perante os reiterados incumprimentos desta instalación. E non só iso: Premiou aos seus responsábeis con gorentosos contratos de subministro convertíndose no primeiro cliente da empresa infractora. Agora, no banco dos acusados sentan só unha parte dos responsábeis da desfeita: Os demáis seguen aínda nos despachos ou pasaron xa, deixando para a posteridade un ruinoso monumento á súa prepotencia: A Cidade da Cultura. |