Adega
INICIO Novas A Confederación Hidrográfica estudará as deficiencias de ordenamento do río Rato no PXOM de Lugo
A Confederación Hidrográfica estudará as deficiencias de ordenamento do río Rato no PXOM de Lugo PDF Imprimir Correo-e
Envia A Confederación Hidrográfica estudará as deficiencias de ordenamento do río Rato no PXOM de Lugo a FaceBookEnvia A Confederación Hidrográfica estudará as deficiencias de ordenamento do río Rato no PXOM de Lugo a Twitter

RAto inundado1Lugo, 28 de xaneiro do 2013.- Representantes de Ríos con Vida, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza e Asociación Galega de Custodia do Territorio reuníronse onte en Ourense co Presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, organismo encargado de velar pola protección da rede fluvial nesta bacía, da que forma parte o río Rato, para abordar as deficiencias da ordenación proposta polo novo Plan xeral de Lugo no tramo do Rato abranguido entre o Polígono de O Ceao e a Ponte de Paradai, ordenación que se atopa actualmente pendente de aprobación definitiva pola Xunta. Nesta xuntanza, o Presidente da Confederación, Francisco Marín, comprometeuse a estudar o problema exposto, así como a velar pola legalidade no que a atinxe á protección do dominio público hidráulico e á protección fronte ás inundacións.

Rato inundado2Os citados colectivos ecoloxistas -promotores dun estudo recente que delimita o mencionado tramo fluvial e as súas zonas inundables-, expuxeron que os informes emitidos pola Confederación Hidrográfica sobre o Plan xeral non advertiron da falta de identificación de numerosos tramos fluviais, o que favoreceu que distintas propostas incompatibles coa súa protección se mantiveran ata a versión actual do Plan Xeral. 

Por desgraza, trátase dun problema bastante repetido en moitos municipios de Galicia –“o país dos mil ríos”-, onde a planimetría sobre a que se elaboran os plans urbanísticos non identifica grande número de tramos fluviais existentes, -deficiencia que, en moitas ocasións afecta a decenas de quilómetros dentro dun mesmo municipio-, o que, unido á falta de rigor coa que se analizan estes aspectos na tramitación dos plans, fai que ditos tramos queden na máis completa indefensión fronte a todo tipo de agresións. 

No caso do río Rato, o Plan xeral de Lugo propón sobre o seu leito e as súas marxes inundables un vial de medio quilómetro de longo e zonas destinadas a acoller edificios públicos -nas proximidades da ponte de Paradai e do centro comercial As Termas-. Así mesmo, inclúe terreos inundables dentro dun núcleo rural próximo, posibilitando que poidan edificarse no futuro, malia ao risco que isto representa. 

Na reunión, subliñouse a reticencia municipal a identificar o trazado do río Rato no Plan xeral e a revisar as súas deficientes propostas, así como o feito de que, tras ter eliminado do Plan a proposta de equipamentos sobre terreos inundables nun sector urbanizable próximo á Ponte de Paradai (“UZPI-4.R” na versión inicial do Plan, actualmente “S-13.R”), o Concello volvera a incorporar dita proposta, desatendendo as advertencia e reparos formulados ao respecto polos departamentos autonómicos competentes en materia urbanística e ambiental, así como pola propia Confederación Hidrográfica.

Rato inundado3Ademais de por en risco a seguridade das persoas e desaproveitar un recurso natural, coa materialización das propostas do Plan Xeral perderíase unha oportunidade histórica para conquerir o desexado parque lineal da cidade, obxectivo ao que se refire o propio Plan Xeral e o cal pasaría por enlazar pola parte norte da cidade os parques executados pola propia Confederación ao longo dos ríos Miño e Rato.

Os colectivos informaron á Confederación do Miño-Sil doutras irregularidades e riscos que afectan ao río Rato, como a tramitación de plans urbanísticos recentes sen o seu preceptivo informe, ou o incumprimento do deber municipal de mantemento da rede de colectores, responsable da desaparición do caudal en varios tramos do río. Todo isto ameaza a supervivencia das especies vinculadas ao medio acuícola, algunhas delas clasificadas como vulnerables, como o espiñento ou a rá ibérica.

Este tipo de propostas non só contraveñen o ordenamento, que require a conservación do trazado natural dos leitos e prohibe nas zonas inundables a edificación e calquera actuación que poida obstruír a evacuación das augas, senón que constitúen un verdadeiro despropósito ante os cada vez máis frecuentes e lesivos fenómenos de inundación -como os acontecidos recentemente en moitos ríos galegos e noutros da xeografía española-, cuxos danos veríanse agravados por esta clase de erros de planificación. E é que as zonas inundables ... inúndanse.

As imaxes que se acompañan foron tomadas estes días na bacía medio-alta do río Rato.

 

 

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 
galizamaxica

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA