Lugo, 13 de decembro de 2012. O FORO DO CAMIÑO PRIMITIVO, do que fai parte ADEGA, anunciou hoxe en rolda de prensa que recorrerá á UNESCO, ao Comité do Patrimonio Mundial, e a ICOMOS-España para denunciar a fraudulenta delimitación do Camiño Primitivo, aprobada recentemente pola Xunta de Galiza. Esta deixa sen recuperar uns 50 quilómetros da traza orixinal, case a metade do seu percorrido total, e elude a protección dun cento de elementos patrimoniais asociados á vía histórica. É por iso que o FORO pedirá a estes organismos que condicionen a declaración do Camiño Primitivo como Patrimonio da Humanidade á protección, recuperación e posta en valor da vía orixinaria.
Ante a extrema gravidade e irresponsabilidade que implica a recente aprobación por parte da Consellaría de Cultura dunha delimitación definitiva do Camiño Primitivo de Santiago, repetidamente rexeitada e rebatida polo parecer experto de investigadores e organizacións culturais, ambientais e académicas ao longo dos últimos vinte anos, o FORO DO CAMIÑO PRIMITIVO, do que fai parte ADEGA, denuncia perante a opinión pública as artimañas utilizadas pola Xunta para enmascarar un proceso de delimitación perverso no que se evidencia a falta dun estudo de campo, a negación da historia a favor dos feitos consumados e a incompetencia e insensibilidade dos organismos implicados, empezando pola Subdirección Xeral de Patrimonio Cultural dirixida por dona María Diz.
Este proceso foi iniciado ás agachadas, en pleno período vacacional de Agosto, e concluído agora, de xeito repentino, por parte do Consello da Xunta, no mesmo día en que se envía a resposta ás alegacións presentadas polos numerosos colectivos e personalidades que integran este FORO. Nesta, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural rexeita a totalidade dos centos de alegacións fundamentadas e presentadas polo FORO, agás dous puntos de carácter residual, para o que utiliza un ton despectivo, que roza a ofensa e impropio dunha Administración pública. Ao mesmo tempo, o departamento dirixido por Xosé Manuel Rey Pichel, incorre en varias contradicións sobre os criterios e a metodoloxía utilizada para delimitar o Camiño Primitivo e mente sobre a “imposibilidade” de recuperar os treitos desviados ou a “prohibición” da UNESCO neste sentido.
Así pois, deixa fóra de toda posibilidade de recuperación e de posta en valor uns 50 quilómetros da traza medieval orixinaria, “legalizando” ao mesmo tempo outros tantos quilómetros de itinerario falsificado cuxo desvío corresponde a intereses particulares e ilexítimos. Este proceder constitúe unha estratexia infame por parte da Xunta que tenta confundir interesadamente os conceptos de territorio “irrecuperable” co que está simplemente “apropiado” ou “ocupado”, para poder eludir a súa responsabilidade pública na recuperación dos treitos usurpados e na protección do territorio histórico asociado ao camiño.
Esta metodoloxía espuria vulnera a Lei de Protección dos Camiños de Santiago onde se contempla a historicidade como elemento esencial da súa determinación legal e pretende ocultar a ocupación da calzada orixinaria e o seu desvío a estradas e vías pecuarias en lugares tan emblemáticos e reivindicados como a conexión Bascuas-Carballido, hospital de Gondar, Soutomerille, Mesón de Fraiás, enlace Castroverde-San Miguel do Camiño ou Cádavo-Vilabade, Vilalle, Campo da Matanza, A Fontaneira, Hospital de Montouto-Paradavella, Vilardongo, acceso á Fonsagrada, Pena Ferrada (Toques), San Xoán do Alto, San Vicente do Burgo, San Romao da Retorta, entrada en Melide polo Camiño da Martagona e un longo etcétera.
Á vez, fican fóra de catalogación ou do territorio histórico protexido máis dun cento de elementos patrimoniais chave no devir da vía primitiva, como o monumento de Santa Olaia de Bóveda, hospital de San Martiño de Bolaño, San Lázaro en Castroverde, casa do Hospital de Gondar, Cova da Valiña, igrexa de refuxio da Esperela, vía XIX por Guntín de Pallares, etc.
Por tanto, a aprobación definitiva desta fraudulenta delimitación oficial ten unhas consecuencias funestas: arruína o ímprobo esforzo colectivo de recuperación do primeiro e máis antigo itinerario histórico a Compostela desde hai máis de 20 anos; premia os invasores do noso patrimonio camiñeiro, consolida con recursos públicos a ocupación do itinerario orixinario e a destrución do seu territorio histórico e bens asociados; e pon en risco a candidatura da vía primitiva a Patrimonio da Humanidade.
Á vista desta delimitación tramposa e trapalleira que obvia a documentación histórica e denigra o valor cultural do primeiro dos camiños xacobeos e a falta de vontade da Xunta de permitir un proceso aberto de participación pública e activa da sociedade, o FORO DO CAMIÑO reafirma o seu compromiso coa recuperación e promoción integral da vía primitiva e manifesta a súa decisión de formular, non só os recursos legais contemplados no noso ordenamento xurídico, senón tamén de comparecer ante os organismos internacionais da UNESCO, do seu Comité do Patrimonio Mundial e de ICOMOS-España, aos que solicitará formalmente que condicionen a declaración do Camiño Primitivo de Santiago como Patrimonio Mundial á delimitación obxectiva e á recuperación da traza histórica do Camiño alí onde o permiten as fontes documentais, históricas e arqueolóxicas dispoñíbeis. Demandarase á UNESCO que retrase tal decisión en tanto a Xunta non respecte os criterios de integridade e autenticidade que presiden os expedientes de inclusión na listaxe de Bens da Humanidade, corrixindo esta delimitación subxectiva baseada en intereses que nada teñen a ver co rigor científico que o caso demanda.
MEMBROS DO FORO DO CAMIÑO:
Asociación de Amigos do Camiño Primitivo de Santiago, Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, Asociación de Amigos del Camino de Santiago Astur-Galaico del Interior, Asociación do Camiño Primitivo da Fonsagrada, Viandantes polo Camiño Primitivo, Asociación Lugo-Patrimonio, Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde, Museo Comarcal da Fonsagrada, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, delegación en Lugo do Colexio de Arquitectos de Galicia, Orde das Donas e Cabaleiros do Priorato de Vilar de Donas “Os Lobos”, Asociación de Hosteleiros de As Fontiñas, GDR4 Terras de Lugo, Plataforma en Defensa do Alto Ulla, Metátese Teatro, Asociación na Defensa do Parque Rosalía de Castro, Asociación de Veciños da Piringalla, Asociación Cultural Terras de Melide, Club Cultural Valle-Inclán, Asociación Cultural Espalladoira, Museo Terra de Melide, Asociación Cova da Serpe de Friol, Asociación Cultural “A Toca” de Toques, Asociación de Veciños de San Romao da Retorta, Asociación de Veciños “Porta de Lugo”, Parroquia de Santiago de Castelo, Asociación de Veciños “Fonte do Udreiro” de Romeán.
|