A Xunta autorizou a COSMOS a converterse nunha incineradora encuberta “ponteando” a lei e burlando as sentenzas do TSXG |
5 de setembro de 2012. A documentación que COSMOS apresentou para anovar a AAI (Autorización Ambiental Integrada) da súa cementeira do Oural, está deparando preocupantes sorpresas: Sorprende que a Xunta autorizara á empresa a queimar primeiro lamas de depuradora (maio de 2010), despois restos de coches, residuos urbanos e industriais (xullo de 2011) e finalmente rodas (maio de 2012), convertendo a COSMOS nunha SOGAMA bis. Sorprende tamén que a Sec. Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considerara “modificacións non substanciais” que unha cementeira pase a queimar materiais que son fonte de dioxinas, furanos, PCBs, HAPs e metais pesados, coa fin de eludir a Lei 16/2002 (IPPC). E sorpresa é tamén que unha administración sexa cómplice do incumprimento dunha sentenza do TSXG que declarou ilegal a queima de pneumáticos por COSMOS no centro do Oural, ao considerala actividade molesta, insalubre, nociva e perigosa. O que xa non sorprende tanto é ver á Xunta novamente do lado dos contaminadores antepoñendo o beneficio privado á saúde ambiental e cidadá. ALEGACIÓNS de ADEGA á solicitude de CIMPOR CEMENTOS S.A. para a anovación da AAI (Autorización Ambiental Integrada) da FATORÍA DE CEMENTOS COSMOS NO OURAL (LUGO) 1. Incumprimento da obriga de exposición pública das modificacións nas instalacións de coincineración: No documento titulado “RESUMEN NO TÉCNICO DEL PROYECTO DE RENOVACIÓN DE LA AUTORIZACIÓN AMBIENTAL INTEGRADA DE LAS INSTALACIONES DE CEMENTOS COSMOS S.A. UBICADAS EN OURAL AYUNTAMIENTO DE SARRIA (LUGO)” dise (páxina 2) que Cementos Cosmos S.A. dispón de Autorización Ambiental Integrada por Resolución de 8 de abril de 2008, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental con clave 2005/0057_NAA/IPPC e que foi modificada coas siguientes resolucións (páxina 3): -Resolución de 6 de maio de 2010, pola que se modifica a Resolución de 8 de abril de 2008, inscribindo á empresa como xestora de residuos non peligrosos na actividade de valorización enerxética cos números SC-I-IPPC-XV-00003 y SC-U-IPPC-XV0001 para residuos de biomasa. -Resolución de 22 de xullo de 2011, pola que se modifica a Resolución de 8 de abril de 2008, no seu anexo IV, punto 5, sobre a xestión e produción de residuos ao considerar o emprego de Residuo Lixeiro de Fragmentadora (RLF) e Combustible Derivado de Residuo (CDR) modificación non substancial. -Resolución de 24 de maio de 2012 , pola que se modifica a AAI no seu anexo IV, apartados 1 ao 5 ao considerar o emprego de Peumáticos Fóra de Uso (NFU) modificación non substancial. Dende ADEGA non temos constancia de que esas resolucións, que modifican drásticamente a AAI, foran sometidas ao tramite preceptivo de exposición pública segundo contempla o Real Decreto 653/2003, do 30 de maio, sobre incineración de residuos, que especifica no seu artigo 19: Artigo 19. Acceso á información e participación pública.
1. Sen prexuízo do disposto na Lei 16/2002, do 1 de xullo, e na Lei 38/1995, do 12 de decembro, sobre o dereito de acceso á información en materia de ambiente as novas autorizacións para instalacións de incineración e coincineración [caso de COSMOS] incluirase un trámite de información pública para efectos de se poderen presentar observacións antes de que a autoridade competente se pronuncie sobre o outorgamento da autorización. Igualmente, porase ao dispor do público unha copia da autorización e das súas posteriores renovacións ou modificacións [caso de COSMOS].”
Portanto, as anteditas modificacións da AAI efectuadas, por non cumpriren co preceitivo trámite de información pública fixado no R.D. 653/2003, serían nulas a todos os efeitos. 2. Incumprimento dos protocolos para a medición de dioxinas e furanos: O antedito R.D. 653/2003 no seu “Anexo II. Determinación dos valores límite de emisión á atmosfera para a coincineración de residuos”, contempla unhas “Disposicións especiais para os fornos de cemento en que se coincineren residuos” a respeito das dioxinas e furanos, a saber: 1.3 Dioxinas e furanos.
C expresados en ng/m3. Todos valores medios medidos ó longo dun período de mostraxe dun mínimo de 6 horas e un máximo de 8 horas. O valor límite de emisión refírese á concentración total de dioxinas e furanos calculada utilizando o concepto de equivalencia tóxica de conformidade co anexo I:
Contaminante C
Dioxinas e furanos . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . 0,1 ng/m3
A este respeito, no documento titulado “ESTUDIO DE EMISIÓN DE CONTAMINANTES A LA ATMÓSFERA CORRESPONDIENTE A LA EMPRESA CEMENTOS COSMOS S.A. SITUADA EN OURAL–LUGO, Informe nº 36/27/M01/1/000674” figura na páxina 9 a seguinte información: FOCO: 1 Electrofiltro horno de clinker
FECHA: 20 octubre 2011
HORARIO DE MEDIDA: 10:46-16:26
MEDICIÓN: Dioxinas y furanos.
O intervalo de tempo no que foi feita a única medición que aporta a empresa (de 10:46h a 16:26h) foi de 5 horas e 40 minutos. Esta medición non é válida, por canto o intervalo mínimo de medida non se axusta ao regulamentado no R.D. 653/2003, que fixa un mínimo de 6 horas e un máximo de 8 horas. Estes datos poñen de manifesto o incumprimento continuado de CEMENTOS COSMOS con respeito ás medicións de dioxinas e furanos. 3. Incumprimento dos protocolos de medición de Nox, CO, partículas totais, COT, HCl, HF e SO2: No artigo 15 apartado 2 do citado R.D 653/2003 dise: Nas instalacións de incineración e coincineración realizaranse, de conformidade co disposto no anexo III, as seguintes medicións:
a) Medicións continuas das seguintes substancias: NOx (sempre e cando se establezan valores límite de emisión), CO, partículas totais, COT, HCl, HF e SO2.
Estas análises en continuo só se estan a facer no foco de emisión nº1, isto é no electrofiltro do forno de clínker. Porén, nas dúas estacións de medición do complexo, a NNW e a Sur, tan só mídense partículas e NOx na primeira e partículas, NOx e SO2 na segunda. 4. Déficit de información e inexactitudes no estudo ambiental e documento técnico: O estudo ambiental está desactualizado e incompleto por non incluir (pto. 4.5.2, páx. 60) referenzas a outros combustíbeis que COSMOS está empregando na actualidade para queimar no forno de produción de clinker, isto é: Biomasa, CDR, RLF, NFU. Portanto, as táboas de contaminantes apresentadas son incompletas por non recoller información sobre as emisións provintes da queima destes combustíbeis. Por exemplo, os valores de emisións de dioxinas e furanos non inclúen a queima de rodas (NFU), plásticos (RLF) e residuos (CDR), os principais emisores destas substancias tóxicas. Poida que este estudo sexa o mesmo que a empresa apresentou en 2008 para a solicitude da anterior AAI. Tratariase, portanto dun "corta-apega" que en absoluto describe a realidade das emisións actuais da empresa. Pola súa banda, o documento técnico que inclúe a "Descrición do estado actual das instalacións" é incompleto por non facer referenza á utilización de pneumáticos como combustíbel. Neste apartado indícase que os combustíbeis empregados son: Coque de petróleo, fuel-oil, RLF, CDR e Biomasa. Non se mencionan os NFL (pneumáticos fóra de uso). Poida que este documento fora redactado denantes de maio de 2012, cando a Xunta autorizou a COSMOS a queima de rodas, mais na actualidade e con vistas á anovación da AAI, non resultaría válido por non corresponder ao estado actual das instalacións. 5. Perigosidade dos combustíbeis coincinerados: A utilización Combusíbeis Derivados de Resíduos (CDR) nos fornos de clinker, autorizada pola Xunta mediante Resolución de 22 de xullo de 2011, convertíu a COSMOS nunha incineradora de resíduos sólidos urbanos e de outra procedencia compactados e transformados nun produto que enmascara a súa verdadeira natureza. Os CDR proveñen xeralmente de residuos sólidos urbanos, residuos industriais, residuos comerciais, residuos procedentes da demolición e construción e lodos de depuradoras. A queima destes refugallos impide a súa reciclaxe e nalgúns casos (lamas de depuradora), compostaxe, subvertindo a xerarquía de tratamento dos residuos consagrada en diversa lexislación europea, estatal e galega (Lei 10/2008 de residuos de Galiza; Directiva 2008/98/CE, trasposta ao dereito estatal pola Lei 22/2011). Por outra banda, na documentación presentada pola empresa non se especifica a natureza dos CDR que utilizan. Estes materiais son unha importante fonte de emisión de dioxinas, furanos e PCBs (Poli-Cloro-Bifenilos). No referente aos Resíduos Lixeiros de Fragmentadora (RLF), estes proceden da trituración de restos de veículos fóra de uso. Na súa composición entran a formar parte diversos tipos de espumas sintéticas, textiles, plásticos e mesmo certas cantidades de metais. Teñen un 47% de plásticos cunha unha alta cantidade de cloro (1408 mg/kg) o que os convirte produtos que xeneran grandes cantidades dioxinas e furanos logo da súa incineración. A incineración de pneumáticos fóra de uso foi rexeitada en decembro de 2006 mediante sentenza do Tribunal Superior de Xusticia de Galiza, por tratarse dunha actividade molesta, insalubre, nociva e perigosa e por non gardar a distancia regulamentaria ao núcleo de poboación máis cercano. A día de hoxe, a cementeira segue instalada no centro dunha vila, o Oural, e nas proximidades dun Centro Público de Educación Infantil. A incineración de pneumáticos, sobre todo en fragmentos grandes como os utilizados como combustíbel por COSMOS, comporta unha combustión incompleta destes e unha emisión de HAPs (Hidrocarburos Aromáticos Policíclicos), substancias catalogadas como canceríxenas pola OMS. Malia a que a normativa na que o TSXG baseaba a súa sentenza (o RAMINP) foi derrogada, as consideracións recollidas na súa fundamentación encol dos riscos para a saúde e o ambiente da queima de rodas, fan máis incompensíbel se cabe a decisión da Xunta de considerar esta actividade (e tamén a queima de CDRe RLF) “non substancial” para no seu momento non obrigar a COSMOS a tramitar unha nova AAI. Para ADEGA isto constitúe unha grave irresponsabilidade da administración no seu deber de salvagardar a saúde ambiental e cidadá e unha perversión do espírito da Lei 16/2002 de Prevención e Control Integrados da Contaminación. Por todo o anteriormente exposto, ADEGA SOLICITA que se teñan en conta as alegacións apresentadas e que, en consecuencia, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolva denegar a anovación da AAI (Autorización Ambiental Integrada) a CEMENTOS COSMOS S.A. para a súa fatoría no Oural. Asemade, solicitamos tamén que se revoguen as resolucións de 22 de xullo de 2011 e 24 de maio de 2012 que consideraban “modificacións non substanciais” e autorizaban a COSMOS a queimar RLFs, CDR e NFU, paralisando de xeito inmediato estas operacións e someténdoas ao trámite ao que obriga o art. 19 do Real Decreto 653/2003, do 30 de maio, sobre incineración de residuos, e ao procedemento fixado para as “modificacións substanciais” na Lei 16/2002 de Prevención e Control Integrados da Contaminación.
|