Lugo, a 12 de xuño de 2012.- O Movemento cidadán en defensa das aves da Muralla de Lugo, do que fai parte ADEGA, insta á Xunta a descartar a aplicación de herbicidas en xullo para a limpeza deste monumento, Patrimonio da Humanidade desde o ano 2000. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural ten previsto realizar estas tarefas de limpeza utilizando glifosato, un herbicida non selectivo e tóxico que poría en perigo a saúde das aves e doutros animais que aniñan e habitan na Muralla, admeais de ter efectos adversos na propia saúde humana.
As tarefas de limpeza do noso Monumento Patrimonio da Humanidade dende 2000 comezaron esta primavera de modo manual e na época recomendada por distintos colectivos. Comprácenos por iso felicitar ás administracións, à USC e à empresa RESCONSA pola introdución deses criterios de boas prácticas. Pero, amosamos no obstante o noso desconcerto e preocupación polo anuncio da aplicación, a finais de xullo, de glifosato sobre as paredes da Muralla. O glifosato é un herbicida non selectivo de amplo espectro controvertido pola súa toxicidade e os seu efectos adversos sobre o ADN e a saúde de vertebrados, incluíndo a mamíferos e tamén sobre a propia saúde humana. Guiados polas exitosas experiencias de distintas cidades españolas e europeas, instamos polo tanto firmemente ás administracións a continuar na liña de respecto ao entorno natural e á sostibilidade ambiental iniciada, consistente no emprego de métodos de deforestación manuais e mecánicos, e a descartar totalmente o emprego de herbicidas. Ademais do cirrio, a gralla cerexeira, o rabirubio tizón e outras especies rupícolas teñen un notable continxente reprodutor no conxunto monumental da cidade e forman ademais parte do ambiente histórico do noso patrimonio desde a época romana, constituíndo así importantes valores culturais, naturais e educativos e ofrecendo tamén un grande potencial como atractivo turístico complementario a ditos monumentos. Neste senso, e dentro das súas actividades de reivindicación, xa en xullo 2011, a Sociedade Galega de Ornitoloxía (S.G.O.) organizou unha Xornada de Observación das Aves da Muralla ao solpor co obxectivo principal de contemplar os milleiros de cirrios que a esas horas sobrevoan o entorno do monumento dando lugar a un espléndido espectáculo que a miúdo pasa desapercibido para unha gran maioría dos lucenses. Na primavera do ano 2011, coincidindo co anuncio de tarefas de limpeza e mantemento na Muralla, inicióuse na cidade de Lugo un movemento social reclamando a protección do patrimonio natural asociado ao monumento e incidindo particularmente na protección das aves. Este movemento solicitou à Xunta información, daquela non obtida, sobre os métodos fitosanitarios que se empregarían no Plan 2011-2014 e reclamou a xestión sostible e respectuosa (en métodos e datas) non só do Monumento senón de todo o patrimonio, do entorno urbano e de beiras de camiños e estradas. Uníronse ao movemento asociacións socioculturais de todo tipo e de toda Galiza así como organizacións ecoloxistas (ADEGA, Galiza Non se Vende, Asociación Parque Rosalía ou Verdegaia...). Pola súa banda, tanto a Sociedade Galega de Ornitoloxía (S.G.O.) como a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) aportaron directrices à Xunta para a xestión sostible da Muralla e fixeron mención específica aos efectos adversos do herbicida “glifosato”, sendo todo isto unha mostra da preocupación da sociedade galega polo progreso na implantación definitiva de criterios de xestión sostibles e respectuosos co medio natural así como tamén un claro síntoma de madurez social. |