ADEGA impartiu unha charla na Asociación de Persoas Xordas de Lugo |
En Lugo, a 11 de maio de 2012.- A Asociación de Persoas Xordas de Lugo convidou a ADEGA a impartir unha charla sobre medio natural o 11 de maio. Nunha animada palestra, representantes de ADEGA mostraron diversas actividades que a organización ten feito ao longo dos últimos anos desde o ámbito reivindicativo e de educación e concienciación medioambiental. A charla resultou moi agradábel polo animado diálogo que se estableceu ao final da palestra. Moitas das persoas participantes interesáronse polas motivacións de ADEGA e polas diferentes problemáticas ambientais que elas recoñecían na súa contorna máis próxima, en canto a talas descriminadas de árbores ou a introdución de especies invasoras. Sentimos pena por non coñecermos a linguaxe de signos para que a comunicación fose máis fluída, aínda que o acto resultou moi participativo. ADEGA agarda estreitar mais os seus lazos con este tipo de organización que, non estando inmersas de xeito directo na loita ecoloxista, supoñen un importante labor para a sociedade no seu conxunto. As sinerxias entre as diferentes organización fortalecen o tecido asociativo e establecen redes de cooperación que é a base da Democracia Participativa. A Asociación de Persoas Xordas de Lugo organiza cursos para aprender a linguaxe de signos todos os anos e a matrícula pode formalizarse no mes de outubro. |