Lugo, 19 de decembro de 2011.- Onte, domingo, 18 de decembro, ADEGA Lugo visitou a Cova da Serpe de Friol, dentro do seu programa anual de roteiros que este ano dedica á Galiza Máxica. Colaborou con ADEGA a Asociación Cova da Serpe, que traballa pola posta en valor da zona e nomeadamente deste ben patrimonial, tanto material como inmaterial. Os camiñantes puidemos comprobar en todo o traxecto a carencia absoluta de sinalización ao respecto da localización da Cova da Serpe, a pesar da súa importancia cultural, oral e literaria, e por tanto a despreocupación e desleixo que existe por parte da administración autonómica e local competente na protección do lugar.
De feito a Cova está inserida no interior dunha instalación dun parque eólico cuxa ampliación se fixo efectiva hai dous anos, a pesar de que foi denunciada e alegada por ADEGA e pola asociación Cova da Serpe, polo seu impacto ambiental e cultural. Nun principio, o proxecto eólico promovido pola empresa Isolux Corsan pretendía sepultar cun dos seus muíños eólicos a propia Cova da Serpe. Afortunadamente, a mobilización dos colectivos citados evitou que a Cova da Serpe fose derruída, aínda que non conseguiu evitar a colocación dos demais aeroxeradores.
Arestora, non só a Cova, senón todo o seu contorno está ameazado. As pistas que a empresa promotora do parque eólico segue a facer poderían acabar con outros elementos patrimoniais da zona de elevada importancia histórico-cultural, entre os que podemos destacar un antigo neveiro (ou casa de neve) e unha mámoa, que polo de agora se manteñen intactos. Ningún destes elementos ten tampouco ningún tipo de sinalización.
É por todo isto que ADEGA, xunto coa Asociación Cova da Serpe, demanda tanto da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta como da administración local que faga cumprir a lei que obriga a protexer a estes elementos patrimoniais e que contribúan á súa promoción, a través de sinalización e de material divulgativo para que os visitantes que se queiran achegar a aquel lugar do concello de Friol saiban como chegar a eles e que valores acollen.
Por outra parte, ADEGA quere agradecer a colaboración de Concha Blanco e Álvaro Santos, membros da Asociación Cova da Serpe, por permitirnos coñecer esta realidade e por guiarnos extraordinariamente polos montes de Friol. |