Asemblea Ordinaria de ADEGA-Lugo este venres 28 de outubro |
Lugo, 27 de outubro de 2011.- ADEGA Lugo convoca ás súas socias e socios á vindeira Asemblea Ordinaria da delegación que terá lugar mañá venres, día 28 de outubro no salón de Actos do Edificio de Sindicatos, Ronda da Muralla 58, a partir das 18:00 horas. A continuación terá lugar na mesma estancia a primeira das mesas redondas sobre o ciclo de charlas "Territorio e Urbanismo. O caso Barreiros" que organiza ADEGA conxuntamente co Colexio de Arquitectos de Lugo, ás 20 horas. Finalmente, haberá unha cea de fraternidade entre os socios e socias da delegación de ADEGA en Lugo. A Natureza precisa máis de nós, nestes momentos en que a crise económica está a deixar en segundo lugar as necesidades de preservar o noso ambiente natural e cultural. Como grupo ecoloxista somos conscientes de que esta situación de desequilibrio social ten, sobre todo, unha causa ambiental: Abuso dos recursos tanto dos renovábeis como dos non renováveis, malas prácticas ambientais no uso do solo, da auga e do ar que está levando ao conxunto da humanidade a situacións límite de fame e de necesidade. Na Galiza precisamos colocar o problema no seu xusto lugar tendo en consideración a potencialidade de riqueza dos nosos rios, do noso solo e, en xeral, do noso ambiente natural e cultural. Por iso, porque consideramos que esta crise é fundamentalmente unha crise ambiental e de recursos, precisamos máis que nunca da túa axuda e colaboración. Queremos que veñas partillar conosco a planificación do noso futuro traballo. Cantos máis participemos, máis fructífera será a nosa acción. A continuación sinalamos os asuntos da orde do día. ORDE DO DÍA: 18:00 Recepción e comezo do traballo. 18:05 Balance dos traballos realizados por ADEGA-Lugo nos dous últimos anos. 18:30 Resumo das contas e balance económico de ADEGA-Lugo. 18:45 Espectativas de futuro e proxectos para os vindeiros anos. 19:00 Renovación da Xunta Directiva. 19:30 Rogos e Preguntas. 20:00- .MESA REDONDA: URBANISMO E ARQUITECTURA. O CASO DE BARREIROS -Raúl Veiga. Presidente colexio de arquitectos de Lugo. -Ramón Lueje, ex-director xeral de urbanismo. -Daniel L. Vispo. ADEGA. -Xoán Pinto Tasende. Premio nacional de arquitectura en madeira. Representante do Observatorio Galego do Territorio. (**O vindeiro 4 de novembro, tamén no Salón de Actos do Sindicatos (Ronda Muralla, 58), ás 20 horas, terá lugar a mesa “URBANISMO E DEREIRO. O CASO DE BARREIROS”; máis info: www.adega.gal).
22:00 CEA DE FRATERNIDADE. Local O Pajón. Imprescindible apuntarse á cea (antes do venres), chamando aos números de teléfono: 982240299 ou, 639664924.
|