O Val das Mouras do Courel inaugura este domingo os roteiros de ADEGA Lugo |
Lugo, 25 de outubro de 2011.- Como vén sendo habitual, a Serra do Courel inicia o programa de roteiros de ADEGA-Lugo, que este ano está dedicado á "Galiza máxica. Un país de lendas". Nesta andaina, na que contaremos coa colaboración de SOS Courel, coñeceremos o espectacular conxunto xeomorfolóxico do Val das Mouras, un labirinto cárstico xerado ao longo do tempo mediante procesos de alteración natural da rocha caliza; e, desde a perspectiva mítica, un lugar máxico de castelos de penedos e hábitat de castiñeiros centenarios que foi, segundo a lenda, un asentamento de mouras. O autobús sairá este domingo, 30 de outubro, ás 9 horas (tras o cambio de hora), desde a Escola de Maxisterio de Lugo. Para apuntarse é imprescindible chamar antes ao 982240299 ou 679113718. Descarga o CARTAZ. Adentrarémonos no Courel, atravesando o gran dique de cuarzo do Marco do Medio do Mundo, na súa confluencia co río Lor, onde visitaremos a Fervenza do Cachón. O Val das Mouras é un gran labirinto de rochas brancas que se formou no Courel na noite dos tempos, pola erosión dun subsolo calcario percorrido por xigantescas cavernas. Coma todos os fermosos e estraños lugares da Galiza, foi habitado polas Mouras , das que quedan no Courel abondosas e fermosas lendas. A Moura galega parece que ten paralelismo e similitude coa deusa celta Morrigan ou Morrigu, de moitas lendas irlandesas. Hoxe o Val das Mouras forma parte do incrible e marabilloso Souto de Mercurín. Dentro deste labirinto encantado visitaremos os Covallois, Antaladoiros, Horto Pechado, ….. Completaremos a xornada no Courel cun percorrido entre o Castro da Torre e Baldomir, de 8 quilómetros e dificultade media, pasando polos castros de Foz e Foucellas. O roteiro será de aproximadamente 12 quilómetros e de dificultade media. PREZOS: Xeral............................................................................................. 15 € Estudantes, xubilad@s e no paro………….....................................12 €Soci@s.......................................................................................... 10 € Ata 17 anos................................................................................. .. 5 €
SAÍDA: O autobús sairá de diante da Escola de Maxisterio ás 9.00 h. (pola hora nova!!!)
Leva roupa e calzado axeitados e comida para o camiño. O bo humor é cousa de tod@s. RESERVA PRAZA: Imprescindible anotarse chamando ao 679113718 ou ao 982240299.
PRÓXIMOS ROTEIROS DE ADEGA LUGO :
27 novembro: Penas de Rodas (Outeiro de Rei) 25 marzo: Monte Cornería (Barreiros) 18 Decembro: Cerva Branca (Cervantes) 22 Abril: Monte Cachelmo (Touriñán) 29 Xaneiro: A Cova da Serpe (Friol) 20 Maio: Monte Pindo (Costa da Morte) 26 Febreiro: Cabo do Mundo (Ribeira Sacra) 17 Xuño: Serra do Galiñeiro (Vigo)
|