Os roteiros de ADEGA-Lugo 2011-2012 discorrerán polos lugares máxicos do país |
Lugo, a 24 de outubro de 2011. ADEGA-Lugo presentou hoxe en rolda de prensa o seu Programa de Roteiros anual 2011-2012, baixo o título ROTEIROS POLA GALIZA MÁXICA. UN PAÍS DE LENDAS. Este ciclo de roteiros pretende divulgar e poñer en valor o carácter místico ou fantástico dos lugares ou elementos que adquiriron un significado diferente e único ao longo dos tempos, segundo lles foi determinado polas crenzas e costumes dos nosos devanceiros, nun intento de comprender a contorna ou o mundo circundante. Pero estes elementos están a desaparecer diariamente, entre outros motivos, por mor da intervención humana sobre o territorio, ao cal están ligados. Por iso ADEGA-Lugo quere chamar a atención sobre este patrimonio inmaterial e tradición oral que debemos conservar e poñer en valor fronte a desmemoria e a destrución territorial. Descarga aquí o PROGRAMA ROTEIROS 2011-2012. Pedras, mares, corredoiras, cumios, vales, fontes, árbores, covas, etc., son algo máis que elementos naturais e paisaxísticos, son seres míticos, máxicos e fantásticos que corresponden a un intento de comprender o mundo ao longo dos tempos. Innumerables lendas, personaxes mitolóxicos ou recunchos máxicos persisten aínda na nosa xeografía, mais pouco a pouco van esmorecendo na nosa memoria e no noso presente, ben sexa pola desaparición do elemento máxico e natural de referencia, ben pola ausencia de fontes vivas de información ou ben porque a propia tradición oral se vai reconstruíndo e actualizando. Porén, a destrución do territorio físico de Galiza está a contribuír de xeito especial a esta perda dos elementos míticos de Galiza e, por ende, do noso imaxinario cultural. As alteracións que día a día sufre o noso territorio, non só contribúen a diminuír os recursos naturais ou a biodiversidade propia do país, senón que tamén eliminan o espazo no que se crean e trasladan de xeración en xeración as crenzas populares, os cultos pagáns e relixiosos, as lendas, ou a consciencia dos lugares míticos. Por tanto, o territorio natural é tamén un territorio máxico, dous territorios que, na meirande parte dos casos, conflúen en dous espazos interdependentes e destinados a vivir ou a morrer ao mesmo tempo, de xeito que, se un deles desaparece, o outro ten poucas posibilidades de permanecer. É por iso que ADEGA-Lugo, no marco da súa campaña a prol da defensa do territorio, quere contribuír de forma activa a que os galegos e galegas coñezan estes elementos naturais e máxicos presentes aínda na nosa xeografía e na nosa memoria colectiva como testemuñas dunha visión particular do mundo. ADEGA-Lugo pretende divulgar e poñer en valor algunhas das lendas e tradicións de Galiza a través do seu ciclo anual de ROTEIROS 2011-2012, baixo o título: ROTEIROS POLA GALIZA MÁXICA. UN PAÍS DE LENDAS.
PROGRAMA DE ROTEIROS ADEGA-LUGO 2011-2012
Lugar de saída: Avenida de Ramón Ferreiro (fronte a Escola de Maxisteiro), Lugo. Hora de saída: ás 9.00 horas, agás nos roteiros de abril, maio e xuño que será ás 8.00 horas. Prezos: 15 € (non socios/as), 12 € (estudantes, parados, xubilados), 10€ (socios/as) e 5€ (menores de 17 anos). Reserva de praza. Chamar a: 982240299 ou 679113718, polo menos con dous días de antelación. |