Lugo, 12 de abril de 2011.- O vindeiro domingo 17 de abril, ADEGA Lugo lévate á Mariña luguesa e, en concreto, ao Concello de Burela, pioneiro na dotación dun Proxecto de Planificación Lingüística de carácter municipal no que se contempla o fomento do idioma galega noutras culturas chegadas ás nosas terras para convivir con nós. Esta iniciativa coñécese co nome de "Modelo Burela". Este roteiro enmárcase no ciclo de andainas 2010-2011 de ADEGA dedicadas á defensa da lingua propia.
Este proxecto xestouse e aprobouse por unanimidade no ano 2008. Xurdiu como intervención educativa transformadora, no Instituto Perdouro durante o curso académico 2004-2005. O alumnado colaborou activamente na pescuda de todo tipo de documentos escritos en galego: convites de celebracións, documentos notariais, publicidades comerciais, actas de reunións das comunidades veciñais, correspondencia privada, recordatorios de comuñóns etc. A longametraxe documental “Modelo Burela”, dirixida por Matías Nicieza, é un excelente medio para coñecer este modelo.
O roteiro partirá, pois, do lugar no que está situado o IES Perdouro e logo dirixirémonos cara á Areuora. No traxecto teremos ocasión de valorar a singularidade da rasa cantábrica e tamén o lugar no que se encontrou o famoso Torques de Burela. Despois da subida entre a praia da Marosa e o barrio do Vilar pasaremos ao lado da capela medieval da Vila do Medio. Desde aquí ascenderemos ao Monte Castelo. Completarase o roteiro pola zona de Sargadelos.
O roteiro ten unha lonxitude de 14 km e pode considerarse de dificultade media. Colaboran a Asociación de Sendeirismo Pasada das Cabras e outros colectivos de Burela.
DOMINGO, 17 de Abril de 2011
Xeral....................................................................................... 15 €
Estudantes, xubilad@s e no paro...............................................12 €
Soci@s.................................................................................... 10 €
Ata 17 anos.............................................................................. 5 €
Sairemos de diante da Escola de Maxisterio ás 9 h. Prégase puntualidade.
Imprescindible anotarse chamando ao 679 113 718 ou ao 982240299. Leva roupa e calzado axeitados e comida para o camiño. O bo humor é cousa de tod@s
PRÓXIMOS ROTEIROS DE ADEGA LUGO:
29 Maio: “Feros corvos do Xallas…” Costa da Morte
26 Xuño: “Vendo-os assim tão pertinho…” Valença-Monçao |