Roteiro da auga e da palabra pola Terra Chá |
Lugo, a 19 de xaneiro de 2011. O vindeiro domingo 23 de xaneiro, ADEGA Lugo lévanos a unha das terras máis prolíficas de Galiza en poetas e escritores, homes e mulleres de palabra: A Chaira. O roteiro, inserido dentro do programa de rutas pola lingua de ADEGA deste curso 2010-2011, contará coa presenza e colaboración de Marica Campo, quen nos guiará pola ruta da auga de Guitiriz. Podes descargar o mapa do roteiro nesta LIGAZÓN.
Dedicamos este roteiro aos moitos escritores que por nacemento e/ou sentimento teñen a Terra Chá presente na súa obra: Manuel María, Darío Xohán Cabana, Aquilino Iglesias, Xosé Mª Díaz Castro, Marica Campo... A resposta á pregunta de por que a Terra Chá deu tantos poetas está ben clara nos versos de Manuel María: “ Ollada a Terra Chá desde as alturas/ é semellante a un mar en calma./ Para medila só valen dúas mesuras: /¡ferrados de corazón, fanegas de alma!. Son, pois, os poetas chairegos agrimensores que, diante da inmensidade, caen na tentación de medila. Eliximos para este roteiro pola Chaira a ruta da auga, que é un suave paseo pola natureza, historia, literatura e etnografía do concello de Guitiriz. Seguindo os pasos do poeta Xosé María Díaz Castro á beira dos ríos Parga e Ladroil, a ruta percorre o camiño que vai dende un singular lugar: a ponte de Santo Alberte, onde conflúen unha ponte romana, unha capela gótica e un destacado cruceiro, ata a Carballeira de Pardiñas. O sendeiro enlaza o Camiño Xacobeo do Norte coas tres fontes de augas curativas máis emblemáticas de Guitiriz: a fonte de Valdovín en Parga, a de San Xoán de Lagostelle, no impoñente balneario de Guitiriz, e a de Santo Domingo en Pardiñas. Percorrendo esta ruta pasaremos o día inmersos nunha fermosa paisaxe outonal de ribeira, salpicada de interesantes elementos etnográficos: muíños, fontes, pontes, capelas, cruceiros, etc.O roteiro ten un trazado sen desniveis e unha lonxitude de 20 km (pode acurtarse a 15 km) polo que pode considerarse de dificultade media.
Día: Domingo, 23 de xaneiro.
Lugar de saída: Diante da Escola de Maxisterio de Lugo ás 9 h. Prégase puntualidade.
Imprescindible anotarse chamando ao 679113718 ou ao 982240299.
Leva roupa e calzado axeitados e comida para o camiño. O bo humor é cousa de tod@s
PRÓXIMOS ROTEIROS DE ADEGA LUGO
20 Febreiro: Camín d’as Eiras Taramundi
20 Marzo: “Toda humilde beleza me namora…” Mondoñedo
17 Abril: Modelo Burela Burela
29 Maio: “Feros corvos do Xallas…” Costa da Morte
26 Xuño: “Vendo-os assim tão pertinho…” Valença-Monçao |